Autocaricatura de Castelao (1932). 15 x 21 cm
Autocaricatura de Castelao doada á Real Academia Galega en 1951 por Encarnación López, viúva do académico de número Alejandro Barreiro Noya, a través do seu fillo Alejandro Barreiro López.
Publicada na portada de La Voz de Galicia o 10 de abril de 1932, acompañaba unha entrevista de carácter político que lle fixera a Castelao o xornalista Lois Conde Rivera nas dependencias do Palacio das Cortes de Madrid. Ao final do texto, o entrevistador sinala que, mentres anotaba as últimas declaracións do deputado do Partido Galeguista, Castelao realizou este debuxo.
Fonte: Real Academia Galega
As primeiras autocaricaturas de Castelao que coñecemos datan dos seus días como estudante de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, durante os anos 1903-1908. A esa época pertence o Álbum de Autocaricaturas que se conserva na Fundación Penzol. Nel Castelao represéntase como un mozo estudante: facendo un exame, tocando a guitarra e o acordeón, pintando, fumando un cigarro ou durmindo. Este mozo usa lentes, ten bigote e leva pucha; un aspecto que non se corresponde aínda coa imaxe que del nos transmitiron debuxos posteriores e fotografías. Mais hai un trazo da súa figura que fixo destacar sempre: a súa elevada estatura, a cal lle permite —nunha das súas autocaricaturas— prender o cigarro co lume dun farol.
Fonte: Castelao Grafista (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, 2017). Real Academia Galega. Biblioteca
Moitas das súas autocaricaturas déronse a coñecer a través das páxinas da prensa, tanto da galega coma da de fóra de Galicia. As primeiras das que temos constancia pertencen aos anos 1909 e 1910. Do primeiro ano coñecemos a que apareceu no exemplar inaugural de Vida Gallega, a revista viguesa onde el colaborou como ilustrador dos primeiros números. Ao segundo ano pertence a que achamos nas páxinas do Almanaque Gallego editado en Buenos Aires por Manuel Castro López e no que o rianxeiro tamén publicou algúns dos seus debuxos. As dúas caricaturas descóbrennos un Castelao lanzal, con ou sen pucha, aínda provisto dun xuvenil bigote, a quen lle gustaba presentarse a si mesmo como pintor.
Fonte: Vida Gallega (Vigo), n.º 1, xaneiro de 1909 (esquerda); Almanaque Gallego para 1910 (Buenos Aires) (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
Do ano 1912 son dúas autocaricaturas que xa nos achegan unha imaxe máis familiar: o Castelao con traxe escuro e chapeu negro de aba ancha, lentes e gravata de lazo, alto, magro e sen bigote. A primeira publicouse na revista España Médica para ilustrar unha entrevista con el, na cal se describe como médico e como caricaturista. A segunda encontrámola nas páxinas do xornal coruñés El Noroeste acompañando un artigo sobre el asinado polo escritor Wenceslao Fernández Flórez, a quen vemos tamén debuxado ao seu carón. Esta segunda caricatura reaparecerá na revista A Nosa Terra en 1917 xunto dun poema que lle dedicou ao rianxeiro Eladio Rodríguez González.
Fonte: España Médica (Madrid), n.º 45, 20/IV/1912 (esquerda); El Noroeste (A Coruña) n.º 6197, 15/VIII/1912 (dereita)
Castelao e Virginia coñecéronse en Compostela no ano 1905. Logo dun noivado de case oito anos, con algunha separación, a parella contraeu matrimonio na Estrada o día 19 de outubro de 1912 nunha cerimonia celebrada polo sacerdote e escritor Antonio Rey Soto, quen era daquela amigo de Castelao. Ela tiña vinte e oito anos; el, vinte e seis. Ata o ano 1914 viviron en Rianxo, onde el exercía como médico. Logo de abandonar esa profesión e de aprobar as oposicións para o Corpo de Estatística, o matrimonio instálase en Pontevedra en 1916. O Museo de Pontevedra conserva varios debuxos del nos que aparece retratado acompañado de Virginia. Neste, de data descoñecida, Castelao volveu destacar a súa elevada estatura.
Fonte: Castelao: caricaturas e autocaricaturas (Ediciós do Castro, 1986). Real Academia Galega. Biblioteca
Castelao non só practicou a caricatura, senón que tamén foi un teorizador. O interese por esa forma de arte levouno a reflexionar sobre ela e a comunicar en público os seus pensamentos. Precisamente a súa primeira experiencia como conferenciante —que tivo lugar en Vigo no mes de xaneiro de 1911— foi coa charla Algo acerca de la caricatura. Posteriormente repetirá a mesma conferencia noutras cidades galegas. Un texto moi semellante a ese leuno en marzo de 1920 na Coruña formando parte dunha disertación máis ampla sobre Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura. Anos máis tarde, en novembro de 1932, falará no paraninfo da Universidade compostelá acerca da historia da caricatura e do seu xeito de practicala.
Fonte: Algo acerca de la caricatura (Pontevedra, 1917) (esquerda); Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura (Real Academia Galega, 1961) (dereita). Real Academia Galega. Biblioteca
Durante as súas conferencias Castelao adoitaba facer caricaturas de persoas coñecidas e incluso de si mesmo. El aparece debuxado nesta páxina do manuscrito orixinal de Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura en compañía doutros personaxes, entre eles un Vicente Risco representado de maneira “arbitraria e simbólica”. Nesa conferencia, e noutras sobre o mesmo tema, defendeu o valor da caricatura como novo xénero artístico. Na súa opinión, debía ser un debuxo sinxelo de poucas liñas, só as imprescindibles para poder representar a esencia da persoa retratada. A finalidade non era ridiculizar nin provocar a risa deformando a realidade, senón mostrar a verdade. E concluía: “Pra min a caricatura é superior á pintura tradicional. O novo arte, vestido simplemente c’unha sotana de crego, ten moito máis espírito que a pintura tradicional vestida con atramallos de seda i-escarola de gasas”.
Fonte: Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura. Real Academia Galega. Arquivo
Entre os centos de debuxos que publicou nas páxinas do xornal Galicia de Vigo tamén encontramos algunhas autocaricaturas. Dúas delas pasaron a ser imaxes ben recoñecibles do seu autor. A primeira é un autorretrato de corpo case enteiro que nos transmite a impresión da súa considerable altura, con traxe e chapeu negros, gravata de lazo, anteollos redondos, coa man esquerda dentro do peto da chaqueta e cun cigarro fumegante na dereita. A segunda consiste unicamente nunha representación esquemática da súa cabeza sen os trazos faciais: só chapeu, lentes, lazo e cigarro. Na Galicia contemporánea estas dúas caricaturas convertéronse en auténticas iconas emblemáticas de Castelao e dos valores de galeguidade que el simboliza.
Fonte: Fonte: Galicia (Vigo), n.º 260, 26/V/1923 (esquerda); Galicia (Vigo), n.º 569, 25/VII/1924 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
Algunhas das súas autocaricaturas responden a un momento histórico moi concreto. A partir do mes de setembro de 1923 imponse en España unha ditadura militar dirixida polo xeneral Miguel Primo de Rivera coa complicidade do rei Afonso XIII. Unha vez no goberno, o directorio militar promete rexenerar a sociedade española e acabar co caciquismo. O día 27 de setembro dese ano aparece no xornal Galicia unha nova autocaricatura onde el, retranqueiro, dá a entender que podería quedar sen temas para debuxar debido á próxima desaparición dos caciques que foran o obxectivo de moitas das súas criticas. A ditadura de Primo de Rivera non eliminou o caciquismo, mais o seu control sobre a prensa provocou a censura de numerosas ilustracións de Castelao.
Fonte: Galicia (Vigo), n.º 360, 27/IX/1923. Real Academia Galega. Hemeroteca
As páxinas de Galicia conteñen outros exemplos de autocaricaturas. Unha delas móstranos o rianxeiro conversando coa estatua do político galego Eugenio Montero Ríos. Noutra aparece de costas pintando o retrato dunha muller. Unha terceira debuxa un Castelao deitado placidamente encol dun penedo e expresando a súa ledicia por poder afastarse da compañía da xente. E outra imaxínao vestido como un labrego, con zocas, paraugas e coroza para se protexer da chuvia. Son caricaturas a través das cales el nos transmite diferentes aspectos da súa personalidade: o artista, o irónico comentarista da actualidade política e o creador que procura a súa inspiración na tradición enxebre.
Fonte: Galicia (Vigo), n.º 531, 10/VI/1924 (esquerda); Castelao: caricaturas e autocaricaturas (Ediciós do Castro, 1986) (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca e Biblioteca
Para as primeiras eleccións constituíntes da II República —que estaban fixadas o día 28 de xuño de 1931— Castelao encabeza a Candidatura Galeguista da provincia de Pontevedra e durante todo o mes de xuño participa activamente na campaña electoral. O mesmo día das eleccións sae no Faro de Vigo a súa caricatura na cal comenta con humor: Que ganas teño de retirarme da política...! A pesar deste degoiro, resulta elixido deputado, o que lle permite traballar como representante galeguista nas Cortes republicanas ata 1933. Durante ese tempo defenderá o Estatuto de Autonomía de Galicia, a pequena propiedade agraria, a mellora das comunicacións ferroviarias do país e a oficialidade do idioma galego. Desta maneira consolidábase a fusión do artista e do político.
Fonte: Castelao: caricaturas e autocaricaturas (Ediciós do Castro, 1986). Real Academia Galega. Biblioteca
No mes de xullo de 1932 apareceu esta autocaricatura nas páxinas do semanario La Rambla para ilustrar a noticia que anunciaba a próxima chegada de Castelao a Barcelona acompañado de Ramón Otero Pedrayo. A viaxe estaba organizada pola Unió Democràtica de Catalunya e, durante a súa estadía na cidade os días 20, 21 e 22 de xullo, asistiron a varias homenaxes celebradas na súa honra, visitaron o Institut d’Estudis Catalans e outras institucións culturais, e foron recibidos na sede da Generalitat polo president Francesc Macià. Ademais, os dous deputados galeguistas aproveitaron para se encontrar con políticos catalanistas coa finalidade de artellar estratexias conxuntas para defender os intereses de Galicia e de Catalunya nas Cortes republicanas.
Fonte: La Rambla (Barcelona), n. 130, 11 xullo 1932
A autocaricatura que ofrecemos este mes como peza destacada apareceu no xornal La Voz de Galicia o 10 de abril de 1932 e foi debuxada expresamente para ilustrar a entrevista que a acompaña. Nesa entrevista Castelao falaba como representante do Partido Galeguista e daba conta do labor realizado polos deputados nacionalistas no Congreso. El nunca quixo separar a súa arte do seu compromiso político. En novembro dese mesmo ano, no remate da conferencia sobre caricatura que leu no paraninfo da Universidade compostelá, definiu expresamente o papel que quería xogar como artista comprometido: “A caricatura, pol-o seu destino popular e a súa esencia democrática, é o arte máis axeitado para propagar ideas e sentimentos en Galiza. Por iso eu fíxenme caricaturista no tempo en que os oradores embaucan ô pobo.”
Fonte: La Voz de Galicia (A Coruña), n.º 16258, 10/IV/1932. Real Academia Galega. Hemeroteca
A técnica e o estilo da caricatura entendida como «síntese expresiva», valíalles a Castelao e a moitos debuxantes de Europa e América para deseñar unha caricatura persoal, un cartel publicitario ou un debuxo de humor. Era o pulo do modernismo e esa caricatura polivalente presentábase en sociedade co apelido «modernista». Cando Castelao fala de caricatura refírese á modernista. A que lle permite apreixar e representar o esencial dunha fisionomía humana, dun can, dun carballo, dun cabazo ou dun croio. Por iso defínea como «a abreviatura do debuxo» e proclama: «Dádeme un bo debuxo impresionista e por riba del calcarei unha boa caricatura». O primeiro que podemos dicir da autocaricatura de Castelao en posesión da Real Academia Galega é que se trata dunha caricatura modernista.
Aínda hoxe hai quen chama caricatura a calquera debuxo de humor; quen usa a voz caricatura como sinónimo de viñeta, pero ningún profesional, ningún estudoso do grafismo, comete semellante erro. A día de hoxe a voz caricatura só pode relacionarse coas persoas e definímola como «un retrato deformado». Xorden novas interrogantes: deformado como? Deformado para que?
O «como» depende do estilo do caricaturista. Hoxe segue vixente a caricatura modernista como síntese expresiva, pero hai outros estilos. O «para que deformar» depende da intención do caricaturista. Se quere obter un retrato deformado que se asemelle máis ao modelo e diga máis da súa personalidade que un retrato ortodoxo, fará as deformacións necesarias para esaxerar a súa expresión peculiar; a que todos coñecemos e vemos cos ollos pechos cando o evocamos. Se quere facer unha caricatura cómica, que divirta a quen a vexa e ao propio modelo, deformará os trazos que convertan o retrato deformado nun deseño gracioso. Se o que pretende é ridiculizar o modelo, ferilo, aldraxalo, terá que esaxerar a expresión ata convertelo nun retrato satírico.
Volvamos a Castelao para repararmos nas caricaturas persoais que realizou con tanta facilidade e acerto. Cal era a súa intención? Polo que di na conferencia e vemos nos seus deseños, rexeitaba a anterior definición. A caricatura modernista non era un debuxo para facer rir e el non foi en ningún momento caricaturista cómico nin satírico. Daquela, que caricaturista foi?
Cómpre rexeitar unha afirmación que repiten varios estudosos da súa arte: «Castelao foi un artista autodidacta». Non é certo. Castelao desde moi novo e a través da lectura de La caricatura contemporánea, do cubano Bernardo G. Barros, coñeceu e estudou os grandes debuxantes da revista muniquesa Simplicissimus e interesáronlle preferentemente tres: o alemán Heine e os noruegueses Gulbransson e Blix. As autocaricaturas da mocidade, divertidas pola representación en actitudes cómicas e moi ben debuxadas, están claramente baixo a influencia alemá; pero moi axiña se propuxo acadar un estilo propio e debuxar en galego, e conseguiuno. Esa experiencia verteuna na conferencia Arte e galeguismo, en 1919, onde di que os artistas galegos para sermos universais non temos que imitar o alleo, senón sermos nós e mostrarmos o propio.
A autocaricatura da Academia, de 1932, pertence á etapa de madureza, cando a reflexión e o traballo xa lle deran os mellores froitos. É, pois, unha caricatura modernista debuxada en galego. Nótase ademais que é un debuxo espontáneo, feito de memoria e liberado da arela de perfección no trazo porque non é para publicar. Porén, é moi boa autocaricatura. Moi boa e distinta a todas as demais.
Porque co estilo abreviado, Castelao fixo tres clases de caricatura: as que apreixaban e plasmaban a personalidade do modelo; as que eran só a imaxe externa do modelo; e as que con enxeño mostraban un reflexo divertido do modelo. A esta última chamoulle caricatura arbitraria e temos un bo exemplo na de Risco reducido a un triángulo isósceles cun ollo dentro.
As mellores son, claro está, as primeiras; as que se asemellan máis ao modelo e mostran a súa personalidade mellor que un retrato realista. Sorprende que Castelao consiga tantas e tan boas con debuxos tan sintéticos. Puido facelas porque estaba extraordinariamente dotado para o exercicio da caricatura, pero as que máis abundan son as que reflicten a imaxe externa do modelo. A estas pertence a autocaricatura da RAG, polo que a súa descrición debe salientar que se trata dunha caricatura modernista feita polo artista en plenitude creativa, debuxada en galego e que reflicte esplendidamente a propia imaxe. Dixen que é distinta a todas as demais e explico por que: en ningunha, nin sequera nas feitas para seren publicadas, está tan ben recollida a estrutura da cabeza e a elegancia da figura. E en ningunha está tan lograda a expresión dos ollos e da boca, que é a clave dunha caricatura. Por iso o debuxo propiedade da RAG paréceme o bosquexo idóneo para que Castelao fixese a mellor autocaricatura.
Siro