Dicionario castelán-galego

O Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega

No ano 2004 viu a luz o Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega (DRAGBIL2004), dirixido por Constantino García e Manuel González González e editado pola propia Real Academia Galega e a Fundación Barrié, que acadou un éxito de público considerable e tivo unha ampla repercusión en eidos coma o ensino.

O repertorio tomara como base para os equivalentes galegos o dicionario monolingüe que aparecera publicado no 1997 (DRAG97), de aproximadamente 25 000 entradas. Andado o tempo, a Real Academia Galega publicou en liña (DRAG2012)1 o que estaba chamado a ser o dicionario xeral da lingua galega, que contaba co dobre de artigos ca o seu predecesor, ademais de presentar un aumento moi significativo do número de acepcións, de sinónimos, antónimos e voces conexas e de unidades pluriverbais. Na actualidade esta obra, froito dun labor permanente de revisión e actualización, ofrece xa ás persoas usuarias uns 60 000 lemas, cun incremento proporcional no resto das informacións que integran cada artigo.

A aparición deste novo dicionario monolingüe en liña comportou a necesidade de revisar e actualizar tamén a obra bilingüe publicada anos antes en papel. Por unha banda, dado que ambos os dous traballos eran de responsabilidade académica, cumpría homoxeneizar as solucións ofrecidas nun e noutro para eliminar as posibles discordancias. Deste xeito, certos cambios no dicionario bilingüe viñan esixidos polas modificacións na normativa do 2003 que non se puideran incorporar daquela, pola supresión de voces (e acepcións, frases feitas etc.) ou pola súa marcación no DRAG2012 como reprobadas ou menos recomendables. Noutros casos, a ampliación do repertorio monolingüe implicaba a probabilidade de incluír no bilingüe novos equivalentes, acepcións e fraseoloxismos que quedaban fixados no padrón lingüístico, e así podería continuarse con outros ámbitos de posibles modificacións que se abrían coas solucións sancionadas polo dicionario monolingüe recentemente publicado. O dinamismo da sociedade moderna e a evolución mesma do ensino (LOE 2006, LOMCE 2013, despois LOMLOE 2020) aconsellaban igualmente unha actualización da obra en papel. Por último, era preciso ter en conta as mudanzas que se puideran dar no propio Diccionario de la lengua española (DLE), tal e como se mostra en rede.

Foi así como a finais de 2014 comezou a tarefa de elaborar outro dicionario castelán-galego que cubrise esas eventualidades e resultase máis útil aos potenciais usuarios e usuarias, sen que isto implicase confeccionar un dicionario ex novo, para o que farían falta máis medios dos dispoñibles. A primeira decisión que se tomou, na liña de adaptación aos novos tempos, tanto na sociedade coma na lexicografía, foi a realización dun dicionario que se puidese consultar libre e gratuitamente en liña, o que sen dúbida permitiría un acceso máis amplo, doado e directo á obra. Este formato posibilitaría igualmente unha maior interacción cos destinatarios, un seguimento máis efectivo do seu emprego e as futuras actualizacións. O sistema electrónico utilizado foi o TschwaneLex (TLEX), unha aplicación que optimiza o traballo e permite que, ao final do proceso, a obra poida ser posta en liña; a mesma aplicación, por outra parte, que xa se empregara para a redacción do DRAG2012.

En canto ao deseño deste dicionario, a idea de partida era a revisión e actualización da obra do 2004, conforme aos criterios arriba mencionados, mantendo a súa estrutura e o seu volume global de entradas. Grosso modo, pois, o repertorio presenta a mesma macroestrutura do seu predecesor, con algunhas novidades que se indicarán máis adiante. O seu carácter de dicionario bilingüe na dirección castelán-galego determina aspectos tales coma o emprego do castelán como lingua vehicular dos artigos, isto é, para as explicacións e informacións que se dan no seu interior. Trátase, xa que logo, dun repertorio dirixido aos castelanfalantes de tipo medio que necesiten codificar textos en galego, pero tamén aos galegofalantes que necesiten descodificar textos en castelán. Deste xeito, a obra presenta un duplo valor, activo ou produtivo e pasivo ou receptivo, que se ve acrecentado polo seu carácter dixital.

Non obstante, o que en principio ía ser só unha versión revisada e actualizada da obra anterior, acabou converténdose en gran medida nun novo dicionario, aínda que a súa redacción non partise de cero. Así, realizáronse algúns axustes no relativo aos principios condutores da obra. Mentres que no DRAGBIL2004 os dicionarios de referencia para o lemario e a delimitación de acepcións foron fundamentalmente o de Seco (Seco/Andrés/Ramos 1999), o de María Moliner (1998) e o Clave, o que non significa que non se tivese en conta o dicionario da Real Academia Española2 , no actual este pasou a converterse na referencia principal, ao considerar que, dada a autoría académica da nova obra, que implicaba precisamente tomar como referencia para a lingua de chegada o DRAG, había de facerse o mesmo para a lingua de partida (DLE), sen que iso significase tampouco renunciar á consulta doutras obras. De feito, cando o DLE non ofrece un lema ou unha acepción de uso corrente, que aparentemente non presenta ningún problema e figura nos demais dicionarios citados ou mesmo noutros dicionarios académicos, acordouse a súa incorporación ao DRAGBIL (lémbrese tamén que o DLE é obxecto igualmente de revisión continua).

Esta decisión comportou a introdución, eliminación e modificación de certo número de lemas e artigos. No relativo tanto ás entradas coma aos seus significados, non se tiveron en conta nin os pouco usuais nin os envellecidos nin os localismos, rexionalismos e americanismos, a menos que se estendesen de maneira considerable fóra dos seus lugares de orixe. Así, por exemplo, no artigo regidor –a, recóllense tres das catro acepcións sinaladas polo DLE (como adxectivo, ‘que rige’; como substantivo, ‘alcalde o concejal’, e a referida ao cine, ao teatro e á televisión), pero non aquela que o propio DLE marca como “coloq. desus.” ‘mujer del regidor’. Eventualmente, como queda dito, foi tamén preciso reflectir os cambios producidos entre a edición do DRAE manexada para o DRAGBIL2004 (a 22.ª, do 2001) e a consultada agora (DLE), a 23.ª, do 2014, na súa versión en liña. En conclusión, buscouse un dicionario bilingüe que partise do español actual común, cun volume semellante de voces ao que presentaba a obra de 2004, revisado desde presupostos metodolóxicos actualizados en consonancia cos avances da lexicografía, coas necesidades da sociedade actual (pénsese na implantación do léxico relativo á covid) e coas modificacións producidas nos repertorios académicos de galego e castelán.

Pero, aínda que o obxectivo non fose ampliar o lemario do DRAGBIL2004, seleccionado no seu día consonte diversos criterios, como a frecuencia de uso das voces, a representación de múltiples ámbitos e campos de especialidade, a pluralidade de situacións comunicativas e incluso a presenza nos libros de texto, conforme se ía avanzando no traballo, viuse necesario engadir un certo número de lemas, ben para completar familias léxicas ou campos semánticos que non quedaran completos ou suficientemente cubertos, ben pola frecuencia de uso que adquiriran algunhas voces; e o mesmo sucedeu coas acepcións e a fraseoloxía. Pode afirmarse, pois, que o novo DRAGBIL non consiste nunha mera revisión do xa realizado. Posto en cifras aproximadas, no momento actual o DRAGBIL conta cuns 26 000 lemas (uns 1000 máis dos iniciais) e 55 200 acepcións (unhas 6850 máis), ao que habería que engadir un número de unidades pluriverbais que sobrepasa as 6000, o que supón un incremento de máis de 700 con respecto ás que incluía o DRAGBIL2004. Como é lóxico, o número de equivalentes proporcionados aumentou correlativamente, de modo que podería estimarse que o novo repertorio conta con arredor de 15 000 sinónimos de tradución máis. Por suposto, engadíronse os exemplos correspondentes, pero tamén se modificaron bastantes dos anteriores. Noutros casos, como xa se dixo, foi preciso suprimir ou modificar lemas, acepcións e unidades pluriverbais e alterar outros elementos da microestrutura. Para facerse unha idea do alcance do traballo realizado, abonde dicir que o 95% dos artigos foron modificados nalgunha medida, aínda que só fose en aspectos gráficos ou tipográficos.

Como corresponde a un dicionario deste tipo, o lemario está constituído polas voces en lingua castelá das que se quere coñecer o equivalente e outras cuestións relativas ao seu uso. No tocante aos criterios de lematización, ademais dos que adoitan ser habituais (agrupación das formas verbais baixo o infinitivo; omisión de aumentativos, diminutivos e superlativos regulares carentes de significado específico…) e da ordenación alfabética dos lemas, quen consulte a obra debe ter en conta o seguinte:

  1. De acordo co criterio do DLE, obra de partida (e tamén do DRAG), sepáranse en entradas diferentes as voces procedentes de étimos distintos e márcase cada unha delas cun superíndice: llama1 (lume) e llama2 (animal), mango1 (dun instrumento) e mango2 (árbore).
  2. En cambio, tamén consonte a dita obra, agrúpanse nunha soa entrada as voces que responden á mesma etimoloxía, aínda que presenten categorías ou propiedades gramaticais diferentes (jardinero, jardinera (substantivo) e jardinera (substantivo feminino), químico, química e química), salvo se unha delas encabeza un artigo temático, isto é, de carácter explicativo maiormente ortográfico ou gramatical, e a outra, non (coma1 e coma2).
  3. As voces que presentan flexión de xénero morfemática ofrecen as dúas formas, a do masculino e a do feminino, na mesma entrada: niño / niña, león / leona, actor / actriz, abad / abadesa, zar / zarina.
  4. Lematízanse as voces que só aparecen formando parte de locucións ou frases feitas (volandas, contrapié), así coma os latinismos (motu proprio, ipso facto). Neste caso, igual que sucede cos estranxeirismos (hardware), respéctase a grafía, con cursiva ou redonda, que presentan en castelán.
  5. Outro grupo de voces lematizadas son certos acrónimos e siglas de uso moi estendido e algunhas palabras acurtadas plenamente establecidas na lingua, do tipo ONG, IVA, pyme, euríbor ou estéreo, fax.

Respecto da microestrutura, reprodúcense a continuación varios modelos de artigo correspondentes a un substantivo e dous verbos, destacando entre corchetes os principais tipos de información que proporciona o dicionario (non se reproducen íntegros):

golpe [lema]
s.m. [categoría e propiedades gramaticais]

1 [número de acepción]
(impacto entre dos cuerpos) golpe [(delimitador semántico) e equivalente(s) en galego]
Se cayó y se dio un golpe. Caeu e levou un golpe. [exemplo en castelán e exemplo en galego]

3
(fig., suceso adverso) golpe [(marca de transición semántica)]
La derrota fue un golpe difícil de superar. A derrota foi un golpe difícil de superar.

6
Dep. (en el golf) golpe [marca de transición semántica]
Con un solo golpe metió la pelota en el hoyo. Cun só golpe meteu a pelota no foxo.

UNIDADES PLURIVERBALES

A golpe de | a golpe de [unidade pluriverbal en castelán | equivalente en galego]
Se aprendió el guion a golpe de ensayos. Aprendeu o guión a golpe de ensaios.

De golpe | de golpe, de repente
Cuando salió cerró la puerta de golpe. Cando saíu pechou a porta de golpe.

juntar
v.t.

2
(poner contiguo) xuntar, axuntar, acercar, achegar, aconchegar, <arreconchegar>, aproximar (culto) [ks] , arrimar, chegar [<forma menos recomendada>, (marcación diastrática) e pronuncia]
Junta las camas. Xunta as camas.

v.p.

7
(coloq., una pareja sin casarse) xuntarse, axuntarse, achegarse, amancebarse, amigarse, arrexuntarse, <rexuntarse>, arrimarse [(marcación diafásica)]
La familia aceptaba que se juntasen aunque no se casasen. A familia aceptaba que se xuntasen aínda que non casasen.

preocupar
v.t.

2
(sentir interés) preocupar (i. y t.) , importar [(diferenza gramatical entre o lema en castelán e o equivalente en galego)]
Le preocupa quedar bien delante de todo el mundo. Preocúpalle quedar ben diante de todo o mundo.

3
(dedicar atención) preocuparse, encargarse, ocuparse
Preocúpate DE organizarlo todo. Preocúpate DE organizalo todo. [SUPLEMENTO VERBAL]

As acepcións numéranse de xeito correlativo, con independencia de que haxa ou non cambios na categoría gramatical ou na construción verbal. Outros trazos da microestrutura sobresaen especialmente. Seguindo a tendencia dos antecesores, non é este un dicionario que se limite a ofrecer os sinónimos de tradución dunha lingua a outra. A diferenza do que sucede con moitos dicionarios bilingües, cada acepción vai aquí acompañada duns delimitadores semánticos entre parénteses, necesariamente concisos, tras os cales se indican os equivalentes relativos ao lema en cada unha das acepcións. Desta maneira, o lector ten sempre unha noción clara da acepción á que corresponde cada equivalente ou serie de equivalentes. Cómpre insistir en que ditos delimitadores non son definicións, elemento este propio dos dicionarios monolingües, senón simplemente orientacións de significado; isto explica que non aparezan cando o lema presenta unha única acepción. Ademais, no caso dos verbos, intentouse que, na medida do posible, os delimitadores guiasen igualmente sobre a súa construción, de sorte que, cando se trata de verbos transitivos, adoita facerse mención do complemento directo e, cando se trata de verbos intransitivos e pronominais, inclúese o suxeito (DRAGBIL2004 11; Sánchez Palomino 2019). Compárense, por exemplo, a primeira e a cuarta acepción de cumplir, que corresponden respectivamente a un uso transitivo e a outro intransitivo do verbo:

cumplir
v.t.

1
(una ley o norma) cumprir, obedecer, observar
Lo expulsaron por no cumplir el reglamento. Expulsárono por non cumprir o regulamento.

v.i.

4
(un periodo) cumprir
La letra cumple la semana que viene. A letra cumpre a semana que vén.

O dicionario distínguese igualmente polo tratamento outorgado aos equivalentes do lema, que constitúen un dos elementos fundamentais de calquera repertorio bilingüe. Ademais de iren adscritos a cada acepción, non se proporciona só un equivalente, senón que se achega o maior número posible deles, indicándose en primeiro lugar o máis próximo e a continuación o resto por orde alfabética (véx. Sánchez Palomino 2016). Tamén se reflicte a prelación que ás veces existe entre os equivalentes, poñendo entre ángulos as formas que, sen seren incorrectas, son menos recomendadas na normativa léxica vixente (véx. juntar supra). Infórmase así mesmo sobre a formación do feminino ou do plural (véx. s. v. patrón, patrona), sobre a conxugación dos verbos cando existe algunha irregularidade (véx. s.v. compoñer), así como sobre os suplementos e as perífrases verbais (véx. preocupar supra e s.v. empezar).

Por suposto, cando non é posible ofrecer equivalentes entre as dúas linguas, ben porque a voz castelá alude a unha realidade sociocultural inexistente no ámbito galego (“palabras culturais” ou “culturemas”), ben porque os falantes de galego non sentiron a necesidade de conferir unha denominación concreta a algúns conceptos, óptase por realizar unha paráfrase que explique o referente (véx. s.v. rojez) ou por retomar a palabra na lingua de partida, con ou sen adaptación (véx. s.v. seguidilla). Esta última solución aparece sobre todo cando se trata de voces coñecidas. De ofrecer unha paráfrase, non se proporcionan exemplos nin en castelán nin en galego. Outro problema á hora de proporcionar os equivalentes ten que ver coa diferente segmentación dos significados que para unha mesma voz ofrecen a miúdo os dicionarios académicos castelán e galego e que dá lugar a un número de acepcións distintas.

Outro aspecto no que se incide a propósito dos equivalentes é o relativo á súa pronuncia, non sempre abordada na lexicografía que relaciona galego e castelán. No dicionario achégase a transcrición fonética esencialmente cando o grafema x corresponde á pronuncia [ks], e non ao fonema fricativo palatal xordo [ꭍ], cando o diferente grao de abertura das vogais medias (e ([e] e [ɛ]), o ([o] e [ɔ])) pode xerar distintos significados e no caso dos estranxeirismos non adaptados (véx. s. v. complejo, bola, prisa, hockey, respectivamente).

O dicionario actual dedica un especial coidado aos contextos de uso, pois incluso entre voces con idéntico contido denotativo, poden existir diferenzas connotativas en virtude da situación comunicativa. Deste xeito, o denominado “primeiro enunciado” do artigo lexicográfico (Seco Reymunde 1987) ofrece información axeitada sobre os niveis de uso e os rexistros, de tal modo que a marcación diafásica e diastrática se intensifica con respecto ao dicionario do 2004. A fórmula empregada permite que, indirectamente, se ofreza a este respecto certo cotexo entre o lema castelán e os equivalentes galegos (véx. s.v. sanguijuela, vulgar).

Como se dixo, o novo dicionario académico bilingüe mostra un incremento notable de unidades pluriverbais (especialmente frases feitas) e das súas acepcións. É coñecido que para o aprendiz dunha lingua o dominio da fraseoloxía é un claro índice da súa competencia nela. Pero a tradución deste tipo de enunciados é moi complexa pola súa propia idiosincrasia, xa que responden á maneira en que os falantes conceptúan determinados aspectos da vida, das persoas etc. e poden conter referencias socioculturais específicas, non compartidas polos falantes doutras linguas.

Para finalizar, merecen unha consideración especial dúas características de grande interese e particularmente apreciadas polos usuarios. Unha é a dimensión didáctica da obra, sempre presente nos dicionarios da institución, pero de maior importancia naqueles cun uso notable no ensino. A outra, que revela en boa parte esa dimensión didáctica, é a atención prestada ao aspecto contrastivo ou distintivo, que se observa en múltiples apartados, coma o da morfosintaxe. Así, indícanse especificamente as diverxencias en cuestión de xénero e número entre o lema castelán e o equivalente galego (por exemplo, cast. sal f. vs. gal. sal m.; cast. cobaya m. e f. vs. gal. cobaia f.; cast. fin m. vs. gal. fin m. e f.), como tamén as diferenzas de construción nos verbos (cast. reír p. vs. gal. rir i.).

As observacións constitúen un elemento relevante para plasmar tanto a vocación didáctica coma a contrastiva. Teñen índole diversa e poden transmitir información morfolóxica, sintáctica, ortográfica, semántica e pragmática ou de uso, como ocorre, por exemplo en imprimir, onde se indica que o verbo galego ten dous participios, imprimido e impreso; en llamar, cunha observación sobre o uso en galego da preposición por con este verbo; ou en este2 –a, onde se incide na ausencia de acentuación destas formas en galego e nas súas contraccións coas preposicións en e de.

A relación entre as linguas castelá e galega presenta unha problemática específica, froito en moitas ocasións da situación de contacto en que conviven e da súa proximidade estrutural. Esta relación xera non poucos elementos que entran tamén na esfera contrastiva e diferencial, como os falsos amigos, a diferenciación dos cales resulta de especial utilidade nos ámbitos da tradución e do ensino. Galego e castelán poden compartir palabras formalmente idénticas, pero diverxentes no seu contido, parcial ou totalmente (véx. s. v. rubio, rojo), do mesmo xeito que presentan vocábulos moi próximos con empregos distintos. Así, a voz castelá estudio só ten como equivalente a galega estudio en dúas acepcións, como ‘lugar de trabajo’ e como ‘estudio de televisión, radio etc.’, mentres que noutras o equivalente é estudo. O dicionario bilingüe é un marco idóneo para advertir o usuario de todas estas diverxencias.

No referente á aplicación que sustenta o dicionario, ofrece múltiples opcións de busca, desde a simple, en que o que se solicita é unha entrada en concreto, tecleando só as súas primeiras letras ou a totalidade da voz, coa posibilidade de que se mostren ou non os exemplos e as marcas expandidas, ata a avanzada, en que as buscas poden realizarse sobre os lemas ou sobre o contido, xa sexa nas glosas, nos equivalentes, nos exemplos e nas unidades pluriverbais (tanto en castelán coma en galego) e, finalmente, pola marca gramatical e polo tecnolecto. Toda esta rede de buscas fai do DRAGBIL un dicionario en gran medida reversible, dado que non só é posible obter información na dirección castelán-galego, senón tamén na dirección galego-castelán. A web da obra complétase con información sobre o dicionario, as actualizacións que se van producindo e as voces máis buscadas. A interacción das persoas que consultan a obra cos seus autores, que a lexicografía académica galega sempre considerou fundamental, garántese mediante o apartado “Axúdanos a mellorar”, en que se poden verter suxestións e comentarios.

O novo Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega responde aos criterios da lexicografía bilingüe moderna, combinando as tendencias actuais con aqueles trazos que veñen sendo tradicionais e resultan moi positivos na lexicografía académica galega. Non estamos, porén, ante unha obra definitiva: a partir de agora, da mesma maneira que se fixo e se está a facer co dicionario monolingüe, o dicionario bilingüe será obxecto dunha revisión e actualización continuas, que o irán completando e mellorando progresivamente. Dado que a lingua é unha realidade viva e dentro dela o léxico constitúe o nivel máis suxeito a variación, será preciso dedicarlle a este repertorio unha atención permanente, pola súa relación coa sociedade, pero tamén cos respectivos dicionarios académicos monolingües.

Non pode rematar esta presentación sen o agradecemento aos organismos que posibilitaron a obra: o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, á Xunta de Galicia e á Fundación Barrié.

María-Dolores Sánchez-Palomino

Directora do Dicionario castelán-galego da RAG

Referencias bibliográficas

Clave = Maldonado González, Concepción (dir.) (1999). Clave. Diccionario de uso del español actual. Madrid: SM.

DLE = Real Academia Española (2014). Diccionario de la lengua española, 23.ª ed. Madrid: Real Academia Española. Versión 23.8.2 en liña, https://dle.rae.es

DRAE = Real Academia Española (2001). Diccionario de la lengua española, 22.ª ed. Madrid: Real Academia Española.

Fachal Fraguela, Ana e Pérez Rodríguez, María Manuela (2001). “Proxecto dun diccionario bilingüe castelán-galego”, en Xosé Luís Regueira Fernández e Alexandre Veiga Rodríguez (coords.), Da gramática ó diccionario: estudios de lingüística galega. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Anexo 49 de Verba, 107-117.

García, Constantino (dir.), González González, Manuel e Santamarina, Antón (coords.) (1990). Diccionario da lingua galega. A Coruña / Santiago de Compostela: Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega.

García, Constantino e González González, Manuel (dirs.) (1997). Diccionario da Real Academia Galega, 3.ª ed. A Coruña / Vigo: Xerais / Galaxia, 2000.

García, Constantino e González González, Manuel (dirs.) (2004). Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega / Fundación Pedro Barrié de la Maza.

González González, Manuel (dir.) (2012). Diccionario da Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario

Moliner, María (1998). Diccionario de uso del español, 2.ª ed. Madrid: Gredos, 2 vols.

Regueira, Xosé Luís (2010). Dicionario de pronuncia da lingua galega. A Coruña: Real Academia Galega, https://ilg.usc.es/pronuncia/

Sánchez-Palomino, María-Dolores (2013). “La tarea lexicográfica de la Real Academia Galega”. Boletín de la Real Academia Española t. 93, cuaderno 307, 155-183.

Sánchez-Palomino, María-Dolores (2016). “As equivalencias na moderna lexicografía bilingüe castelán-galego (o dicionario da RAG)”, en Esther Corral Díaz, Elvira Fidalgo Francisco e Pilar Lorenzo Gradín (coords), Cantares de amigos: estudos en homenaxe a Mercedes Brea. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións, 813-824.

Sánchez-Palomino, María-Dolores (2019). “Criterios en la elaboración del diccionario bilingüe castellano-gallego de la Real Academia Galega”, en Cesáreo Calvo Rigual e Ferran Robles i Sabater, La investigación en lexicografía hoy, vol. I. Diccionarios bilingües, lingüística y uso del diccionario. València: Universitat de València, Servei de Publicacions, 49-70.

Sánchez-Palomino, María-Dolores (2022). Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias]. A Coruña: Real Academia Galega.

Seco Reymundo, Manuel (1987). Estudios de lexicografía española. Madrid: Paraninfo.

Seco Reymundo, Manuel; Andrés Puente, Olivia; Ramos González, Gabino (1999). Diccionario del español actual. Madrid: Aguilar, 2 vols.

NOTAS

1

Cando se aluda ao monolingüe académico en vigor de maneira xeral, empregarase o acrónimo DRAG (o que tamén é aplicable a DRAGBIL).

2

Ata a 22.ª edición, a sigla empregada decote para referirse a esta obra era DRAE (“Diccionario de la Real Academia Española”), pero desde a 23.ª edición, mudou para DLE (“Diccionario de la Lengua Española”), máis acorde co peso do resto das Academias de la Lengua Española na súa elaboración.

As máis buscadas
Esta semana Este mes

Co apoio de