
Microestrutura
De acordo co explicado na macroestrutura, a estrutura dun artigo lexicográfico do DHELG inclúe unha ampla e variada información, que podería resumirse da seguinte maneira:
- Lema. Forma única baixo a que se poden agrupar diferentes sublemas, que responden todos á mesma etimoloxía. É, por así dicilo, a forma “bruta” ou o mero significante.
- Data (ou intervalo de datas) da primeira documentación do lema e da última, se é o caso (coincidirá coa do primeiro sublema). Se o lema pervive na actualidade, esta circunstancia indícase mediante un guión.
- Autor e obra, en formato abreviado, correspondentes á primeira documentación e á última, se é o caso. Como consecuencia, requírese un índice de obras abreviadas e o seu desenvolvemento completo. Distínguese entre os datos da autoría e os da edición (se coinciden, non se repiten).
- Síntese da información máis importante do artigo para aqueles usuarios que só desexen unha versión compendiada.
- Cómputo e gráfico en cores da distribución do lema por séculos (sen distinguir sublemas).
- Sublema. Pode ter unha forma ou dúas (desenvolvidas por completo), se presenta flexión de xénero. Trátase da forma correspondente a unha categoría gramatical concreta, polo que haberá tantos sublemas como clases de palabras poidan atribuírselle ao lema. O primeiro será o que teña a documentación máis antiga e o resto seguirá a orde cronolóxica de aparición. Se hai varios sublemas, cada un irá precedido dun número romano, para diferencialos das acepcións, que levarán números arábigos.
- Clase de palabras (inclúense formas contractas, participios, prefixos e sufixos) á que pertence o sublema.
- Primeira e última documentación (ou documentación contemporánea, se a voz segue en uso) do sublema, cos datos correspondentes á autoría e ao texto, así como á edición da que se obteñen ditos datos, se é o caso. Premendo no lugar habilitado, o usuario poderá acceder á información bibliográfica completa. Neste sentido, entendemos que unha forma deixou de estar en vigor se non se dispón de documentación desde 1980, isto é, no período contemporáneo. Tamén existirá un apartado para consignar outros exemplos relevantes (mínimo de 2, máximo de 5, por século).
- Carácter da documentación: textual, fonte lexicográfica e fonte oral. Índicase así mesmo a condición de hápax.
- Segmentación morfolóxica do sublema, de interese para estudos posteriores sobre aspectos tales coma o rendemento de determinados sufixos e prefixos.
- Gráfico en cor de distribución dos sublemas por séculos, derivado do cómputo de ocorrencias.
- Etimoloxía do sublema. Consígnase o étimo, informando especificamente, se é o caso, do seu carácter de forma non documentada mediante asterisco, así como a lingua de procedencia directa. A continuación, sempre que sexa posible, dáse conta do étimo en segunda instancia e sucesivas, coa respectiva lingua de procedencia. Tamén se indican os significados do étimo.
- Segmentación do étimo latino, interesante para analizar a evolución de determinados formantes, coma algúns prefixos e sufixos.
- Información gramatical extensa do sublema, diferenciada segundo os criterios que lle sexan aplicables a cada clase de palabras: flexión de xénero e número ou ausencia dela, persoaa (posesivos e pronomes persoais, por exemplo), tipoloxías diversas, funcións (caso dos pronomes persoais) etc. Así mesmo, dáse conta das variantes morfolóxicas, tanto do masculino singular coma das formas flexionadas (animás, animais, animaes, animales); das posibilidades de contracción con outras clases de palabras, da combinación de pronomes… Na información sintáctica estrita (non morfosintáctica) inclúense tamén as funcións e as estruturas sintagmáticas ou frásticas nas que o sublema aparece, e en ocasións as funcións clausais (caso dos pronomes); aspectos tales coma a colocación do adxectivo con relación ao substantivo, a posición dos pronomes etc. Os verbos reciben un tratamento particularmente complexo ao consignarse non só a súa tipoloxía en razón de múltiples criterios, senón tamén a información completa de todas as formas modotemporais e amodotemporais que constitúen a súa conxugación, as perífrases que conforman, as estruturas clausais nas que participan e a orde dos elementos na cláusula. Máis alá da descrición do sublema, indícanse sempre os datos relativos á primeira e á última documentación (ou documentación contemporánea, se segue en vigor), reprodúcense os textos, engádense exemplos relevantes e achéganse o cómputo e os gráficos correspondentes.
- Variantes grafofonéticas do sublema, con información de documentacións, cómputos e gráficos.
- Frecuencia das acepcións, plasmada nun cómputo global e por séculos, á súa vez reflectido nun gráfico en cores.
- Tipo de acepción (etimolóxica ou innovadora) con respecto aos significados que tiña o sublema na lingua de orixe.
- Acepcións do sublema, precedidas dun número arábigo e ordenadas cronoloxicamente. Está previsto que se poida proporcionar tamén unha ordenación por frecuencia de uso.
- Data da primeira e da última documentación de cada acepción, se corresponde (no seu defecto, dunha documentación contemporánea).
- Autor e obra en abreviaturas acordadas, así como, no seu caso, datos da edición da obra.
- Outros exemplos ou documentacións relevantes, nun mínimo de 2, máximo de 5, por século.
- Marcación diatécnica, diatópica, diafásica, diastrática, connotativa e de transición semántica de cada acepción, coas súas correspondentes clasificacións.
- Definición das acepcións (ou explicación, no caso das palabras gramaticais), segundo os criterios da lexicografía moderna.
- Unidades pluriverbais, a saber, os diferentes tipos de locucións (, enunciados (refráns, fórmulas, citas, aforismos e proverbios), frases feitas e compostos sintagmáticos.
- Colocacións.
- Familia léxica.
- Apéndice etimolóxico. Os apéndices recollen toda aquela información que non se puido facilitar nos apartados anteriores pola súa necesaria sinteticidade. Así, no apéndice etimolóxico ofreceranse os argumentos das diferentes hipóteses lanzadas sobre a orixe do sublema, a súa análise etc.
- Apéndice sobre as documentacións. Pode existir, por exemplo, algunha documentación dubidosa en canto á súa orixe e ao seu carácter. Aquí se informará tamén das formas aparentemente romances rexistradas en textos latinos.
- Apéndice fonético (segmental e suprasegmental) e ortográfico. Non sempre está clara a natureza dalgunhas grafías ou a acentuación, en especial cando se trata de textos antigos.
- Apéndice morfosintáctico. Atoparanse aquí explicacións sobre aspectos particulares ou dubidosos relacionados con este nivel de análise lingüística (cambios de xénero, de función…).
- Apéndice sobre variantes. Unha variante quizais sexa en realidade un erro tipográfico ou de interpretación e requira un comentario específico.
- Apéndice sobre marcación. Existen marcacións que poden resultar discutibles e esixen algunha explicación.
- Apéndice semántico. En ocasións non é posible identificar os significados con absoluta claridade, por exemplo.
- Bibliografía utilizada na elaboración do artigo.
- Créditos (redactores, revisores e colaboradores).
- Datas de redacción, revisión, publicación en liña e actualización.
Naturalmente, o usuario poderá efectuar buscas dentro do dicionario segundo diferentes criterios, e non unicamente polo lema.
Co apoio de

