Presentación

Que é o DHELG

O DHELG é, como se recolle no seu título, un dicionario que pretende dar conta da orixe e da evolución das palabras galegas ao longo da historia da lingua: o momento da súa aparición (e, de ser o caso, tamén o da súa desaparición), a lingua e o étimo de onde proceden e a súa vida en cada período histórico, analizando para cada un destes a evolución formal e semántica, así como a caracterización sintagmática e paradigmática.

Unha necesidade longamente demandada

A realización dunha obra deste tipo é un desiderátum recorrente xa desde o Padre Sarmiento, quen no século XVIII expresaba a necesidade de coñecer a historia das nosas palabras, para o que consideraba preciso elaborar tres grandes obras lexicográficas: un dicionario das voces dos documentos latinos da Galicia medieval, outro de voces e frases dos documentos galegos medievais e finalmente un repertorio de todas as voces usadas no galego falado daquela época, especialmente nas aldeas.

O dicionario histórico e etimolóxico é unha obra transcendental desde o punto de vista científico para coñecer o percorrido do noso léxico e, a través del, moitos aspectos da historia do noso pobo. Pero é tamén un traballo importante desde o punto de vista social, porque este tipo de obras confírenlle prestixio á lingua entre os seus falantes e de cara ao exterior.

A pesar das innúmeras voces que se manifestaron sobre a necesidade dunha obra deste tipo, non houbo en realidade ningún intento serio de afrontar a súa realización. Só o Dicionario etimolóxico da lingua galega (2015), de Elixio Rivas Quintas, se propuxo ocupar en parte este baleiro; un traballo meritorio, aínda que non cumpre as esixencias dunha empresa desta índole. Contamos, non obstante, con abundantes achegas parciais que, sen dúbida, son de grande utilidade para a confección deste dicionario, entre as que podemos salientar o Beiträge zum Etymologischen Wôrterbuch des Galizischen (1965) de Sigrid Buschmann, que abrangue só do A ao F; o Vocabulario de La tradución Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (2 vols., 1975-1977) de Ramón Lorenzo, e diferentes contribucións de Aníbal Otero e José Luis Pensado.

O proxecto actual

Co obxectivo de cubrir esta carencia, naceu no ano 2020 o proxecto DHELG, presentado desde a Universidade da Coruña, que contou co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación (“Diccionario Histórico y Etimológico de la Lengua Gallega: preparación de recursos, diseño y test inicial”, PID2019-105411GB-I00), o que fixo posible acondicionar os materiais necesarios para a execución da obra, facer o deseño da súa estructura, confeccionar unha plataforma para a súa elaboración e consulta e comprobar o seu funcionamento mediante a incorporación das primeiras voces. No 2024 o proxecto pasará a incorporarse á Real Academia Galega.

Para levalo a cabo dispoñemos, probablemente por primeira vez na historia, de recursos de diverso tipo, pero, sobre todo, de corpus textuais dos distintos períodos históricos: desde o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), que nos permite coñecer o latín da Gallaecia entre os séculos VI e XV, pasando polo Universo Cantigas e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILGA, hoxe integrado no Corpus Informatizado Galego-Portugués Antigo ou CGPA), que nos dan conta do léxico medieval, e por Gondomar, que nos permite acceder aos textos do galego medio, ata chegar ao Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) e ao Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), que nos ofrecen unha ampla visión do galego moderno. A eles engádense outros corpus de textos específicos, coma o Corpus Técnico do Galego (CTG) e o Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI), de traducións, e os dicionarios de dicionarios, tanto da época medieval (DDGM) coma das etapas posteriores (DdD).

O DHELG foi iniciado por un equipo internacional de investigadores coa debida formación, pertencentes ás Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lisboa, Zurich e Leipzig, ao que se irán incorporando ao longo do seu desenvolvemento moitos outros colaboradores necesarios para que a obra progrese adecuadamente.

Co apoio de