Deseño e macroestrutura

O DHELG aspira a dar resposta a unha ampla demanda da sociedade galega e da comunidade científica galega e románica. A súa realización implica un proxecto complexo e de grande alentó, tendo en conta a magnitude do seu obxecto de estudo (o léxico dunha lingua) e a multiplicidade das dimensións nas que este será abordado, a extensión do marco temporal considerado, así como a dificultade no manexo das diversas e numerosas fontes, entre outros aspectos.

En concordancia coa tendencia imperante na lexicografía e coa idea de facer partícipe á sociedade da nosa investigación da maneira máis inmediata posible, elaborouse a planta dun dicionario en liña de acceso libre e gratuíto. A mesma aplicación, optimizada ao máximo, servirá para a realización da obra por parte de redactores e revisores e para a súa consulta por parte dos usuarios, que poderán facer buscas segundo diferentes criterios. Nela atópanse integrados os principais corpus e bases de datos que serven de fonte para a extracción dos datos. Con futuras funcionalidades, farase que dita plataforma sexa cada vez máis interactiva, de xeito que os usuarios poidan realizar os seus comentarios ou propostas ao equipo de redacción. Estamos, pois, ante un proxecto que se enmarca plenamente nas humanidades dixitais.

O público ao que se dirixe esta obra é un público extenso que vai desde o especialista en lingüística ou filoloxía a calquera interesado en xeral no galego e na evolución das súas palabras, sen esquecer os expertos noutros campos (historiadores, antropólogos, filósofos etc.) que poden buscar información nos artigos do dicionario, cada un segundo as súas propias necesidades.

O obxecto de estudo é o léxico da lingua galega, aínda que o proxecto se centrará, polo menos nos seus inicios, no léxico patrimonial e nunha selección de voces do ámbito das ciencias e das técnicas. O DHELG é así mesmo un dicionario pancrónico, que recollerá as voces utilizadas ao longo da historia da lingua, desde as súas orixes escritas ata a actualidade, e plasmará a súa evolución a través dos séculos. A este respecto, os períodos que se distinguen son: galego antigo ou medieval (finais do século XII-1530); galego medio (1530-século XVIII); galego moderno (século XIX e século XX ata 1980), e galego contemporáneo (desde 1980). As formas retidas son as que se documentan en textos redactados en lingua galega, o que non quere dicir que non se dea conta no apéndice correspondente daqueloutras presumiblemente romances atopadas en textos latinos.

Como figura no seu título, o DHELG é un dicionario histórico e etimolóxico á vez, fronte a outros repertorios do noso contorno que se moven unicamente nunha destas direccións. Polo que se refire á dimensión histórica, a obra non só proporciona información sobre a evolución semántica das voces, senón tamén sobre o seu discorrer morfosintáctico e grafofonético. Igualmente se estudan as unidades pluriverbais nas que participan e a súa evolución histórica, todo acompañado da primeira e da última documentación (ou dunha documentación contemporánea, se o uso continúa en vigor). En canto á vertente etimolóxica, consígnanse os étimos e a lingua da que proveñen directamente (ou a hipótese máis plausible), pero tamén, na medida do posible, a etimoloxía remota; ademais, cando corresponde, infórmase das diferentes conxecturas vertidas ao respecto e do seu grao de verosimilitude. O cotexo coas solucións das distintas linguas románicas, en particular coas do portugués, así como coas do asturiano e o español, pode resultar en moitos casos fundamental, aínda que o galego presenta igualmente voces e significados exclusivos. En definitiva, preténdese dar información sobre a historia completa das palabras (véxase apartado de Microestrutura).

O criterio principal que rexe a lematización é, precisamente, a etimoloxía. Cada lema agrupa no seu interior aquelas formas que teñen a mesma orixe etimolóxica, o que implica, entre outras cousas, a separación dos homónimos. Non obstante, tamén figuran como lemas outras voces que habitualmente non teñen ese rango nun dicionario monolingüe sincrónico, pero que nun dicionario histórico facilitan a busca de información por parte do usuario (formas verbais conxugadas, variantes e contraccións, por exemplo); trátase de entradas de remisión, xa que nelas só se ofrecen os datos básicos de ditas voces, enviando o lector á palabra ou palabras matrices. Salvo nestes casos (que terán un tratamento tipográfico especial), o lema consígnase sempre segundo a forma estándar actual, tal e como aparece, polo tanto, no Dicionario da Real Academia Galega, que serve como fonte inicial para o lemario.

No concernente á metodoloxía empregada, pártese da consulta obrigada de determinadas obras (así, certos dicionarios para a etimoloxía), dicionarios de dicionarios e corpus (véxase a Presentación). A maioría destas últimas ferramentas atópanse en formato dixital e integradas no buscador da propia plataforma, como queda dito. Nunha obra coma esta, as documentacións, desde a primeira á última, son esenciais, polo que é imprescindible unha boa base documental, da que afortunadamente dispoñemos. Por suposto, tamén se consulta bibliografía crítica específica, relativa ao lema sobre o que se está a traballar.

Con todo, e malia a inestimable axuda desta plataforma, o redactor ha de realizar un inxente labor de maneira absolutamente manual: así, por poñer tan só un exemplo, a detección dos diversos significados que pode presentar unha palabra ou unha expresión. Todo isto converte a elaboración dun artigo nunha auténtica monografía, aínda que o resultado se transmita de modo sintético.

Co apoio de