-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Mudan as vontades
- Sebastián Martínez Risco (1960-1977)
Ao longo da década de 1950 e, sobre todo, despois de 1960, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado Grupo Galaxia daralle un novo pulo á institución: entre outros, Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro, Xosé M. Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro. Tamén son designados académicos ilustres retornados do exilio, como Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor (aínda que este non chegou a ler o seu discurso de ingreso). Por iniciativa de Del Riego, apoiada por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, apróbase a celebración do Día das Letras Galegas en 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos.
Desta maneira inaugúrase a conmemoración máis importante e de maior repercusión social da nosa cultura. As primeiras figuras elixidas para a celebración das Letras implican todo un recoñecemento ás xeracións precedentes, desde Rosalía de Castro (1963) a Castelao (1964), pasando por Eduardo Pondal (1965), Francisco Añón (1966) ou Manuel Curros Enríquez (1967). Ao longo das seguintes décadas, a celebración das letras irá medrando en repercusión social ata o punto de que en 1991 a Xunta de Galicia declarou día festivo o 17 de maio. A contribución desta celebración, sen parangón noutras culturas, á popularización da literatura galega foi extraordinaria.
En 1963 a Academia toma o acordo de empregar o galego nas súas actas, documentos e escritos públicos. Nos anos seguintes, este acordo convértese nunha realidade, de xeito que, por fin, a RAG supera a diglosia en que estaba instalada desde a súa fundación. Entre 1965 e 1971 a Academia adopta varios acordos e toma iniciativas para reclamar o uso do galego na liturxia e no ensino, con escaso resultado dadas as reticencias das autoridades, tanto as eclesiásticas coma as políticas.
Un dos problemas que obstaculizaban o ensino e o uso formal do galego era a falta dunha norma lingüística e ortográfica. Para contribuír a remedialo, a Academia aproba as súas primeiras Normas ortográficas (1970) e, a seguir, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1971), seguindo as orientacións de Ricardo Carballo na súa Gramática elemental del gallego común. Definitivamente, a Academia está rescatada do secuestro imposto polo franquismo e plenamente comprometida coa reivindicación da galeguidade.
Liña do tempo
1960
- Ingreso de Francisco Fernández del Riego e Isidro Parga Pondal.
1963
- Primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro.
- Ingreso de Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole.
1964
- Ingreso de Xosé Mª. Álvarez Blázquez.
- Segundo Día das Letras Galegas, dedicado a Castelao.
1965
- Xestións do presidente da RAG a prol da liturxia en galego.
1967
- Ingreso de Ramón Piñeiro.
1968
- Informe da RAG solicitando o ensino do galego.
1970
- Ingreso de Rafael Dieste.
- Primeiras Normas ortográficas do idioma galego da RAG.
1971
- Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
1972
- Elección de Eduardo Blanco Amor.


