Fotogalería Actividade Cultural
Na década dos 60, a política aperturista do réxime daba pé á multiplicación da actividade cultural da Academia. Porén, durante moitos anos esta concentrouse na celebración do Día das Letras Galegas, nos ingresos dos académicos, nas publicacións e nas obras de rehabilitación do predio de Tabernas 11, que consumiron inxentes recursos económicos e obrigaron á executiva da Academia e estar constantemente recadando cartos para facer fronte aos pagos.
Acta da Xunta de Goberno do 14 de setembro de 1972.
Real Academia Galega. Arquivo
A pouco de ser elixido presidente, en 1961, Martínez Risco viaxa a Buenos Aires convidado polo Centro Galego. A raíz desta visita, que deixa unha fonda pegada entre a colectividade galega, a Real Academia Galega recibirá importantes achegas económicas. En 1975 será reclamado de novo para participar nas Xornadas Patrióticas Galegas dese ano.
Sebastián Martínez Risco na inauguración da exposición de Castelao no Museo Eduardo Sivori. 23 de xullo de 1975.
Real Academia Galega. Arquivo.
O 14, 15 e 16 de agosto de 1961 celebrouse na Coruña a Segunda Asamblea Lusitano-Gallega, reedición da celebrada en Braga en 1955. O seu programa centrouse nas relacións entre Galicia e Portugal no folclore, na etnografía, a lingua a historia e a literatura. Presentáronse dezanove relatorios que, na súa gran maioría, foron publicados no volume Primera y segunda asambleas lusitano-gallegas: actas y comunicaciones (1967). Anos despois aínda se contemplou celebrar a terceira edición do encontro.
Foi o académico de honra Manuel Rodrigues Lapa o promotor da celebración da Semana Cultural Galego-Portuguesa en Coímbra entre o 18 e 23 de xaneiro de 1971. O encontro, organizado pola Universidade de Coimbra e pola Academia e celebrado no Museu Nacional Machado de Castro, reuniu relatores como Orlando Ribeiro, Ramón Piñeiro, Ricardo Carvalho Calero, Ramón Lorenzo e o próprio Rodrigues Lapa. Ademais das conferencias, tamén houbo unha exposición de libros en galego, proporcionados pola editorial Galaxia e pola Biblioteca Penzol
Semana Cultural Galego-Portuguesa, en Coimbra. Grial, 31 (1971), páx. 124-125.
En 1964 celebrouse o bicentenario do pasamento de Benito Jerónimo Feixóo, o ilustrado pensador de Casdemiro. A Academia organizou un ciclo de conferencias en diversas cidades, nas que interviñeron os académicos Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carvalho Calero en Ourense, Henrique Chao Espina en Lugo, e Julio Rodríguez Yordi e Francisco Serrano Castilla na Coruña.
O bicentenario de Martín Sarmiento conmemorouse en 1972 cun serán literario e coa publicación dun volume monográfico do Boletín académico. Este número inclúe a edición de José Luís Pensado do Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares, e outros artigos de Antonio Gil Merino, Leandro Carré, Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza Brey, Dalmiro de la Válgoma, Xesús Tobío Fernandez e Henrique Chao Espina.
Real Academia Galega. Arquivo
Outras efemérides foron o pretexto da convocatoria de premios literarios ou de investigación. Así, o fundador e director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Xosé Ramil Soneira, gañaba en 1972 o concurso convocado para conmemorar o centenario do nacemento de Federico Maciñeira.
Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel María recibían en 1969 o premio Xavier Bóveda, instituído polo Centro Galego de Buenos Aires. En 1971 ese galardón recaeu en Xohana Torres (22/07/1971) pola súa novela Adiós, María. Arcadio López-Casanova faríase co galardón do concurso convocado co gallo do 150 aniversario do nacemento de Ramón Menéndez Pidal en 1974.
Real Academia Galega. Arquivo
A Academia formou parte do Padroado Rosalía de Castro dende as súas orixes. En 1946, o Padroado consegue mercar a Casa da Matanza. O 15 de xullo de 1971, na presidencia de Sixto Seco, inaugúrase o Museo Rosalía de Castro coa participación do presidente da Academia.
Real Academia Galega. Arquivo
No 25 aniversario da morte de Castelao, en 1975, aínda eran fortemente reprimidas as iniciativas na súa honra. A Academia quixo loar o galeguista nun acto literario que se celebrou na Reunión de Artesanos. No ateigado auditorio interviñeron o presidente, Sebastián Martínez Risco, Marino Dónega, que disertou sobre a faceta artística de Castelao; Rafael Dieste, que analizou Cousas; e Ricardo Carvalho Calero que se achegou á obra de Castelao dende a perspectiva de lingüista.
Malia que xa non era costume solicitar autorización para esta caste de actos, para este en concreto houbo que dirixirse ao Goberno civil.
A Academia editou tamén un número monográfico do seu Boletín no que, ademais das alocucións proferidas no acto, contén outros 28 traballos, todos eles escritos en lingua galega.
Real Academia Galega. Arquivo
O centenario dos primeiros Xogos Florais de Galicia, celebrados na Coruña en 1861; os dos nacementos de Eladio Rodríguez (1964) e Manuel Lugrís Freire (1965), cuarto e quinto presidente da Academia (1863); o do pasamento de Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro,1963); o cincuenta cabodano de Emilia Pardo Bazán (1971) e de Andrés Martínez Salazar (1973); o cuarto centenario da publicación d’Os Lusiadas; homenaxes a Asorey, a Juana Irbarborou ou a Cabanillas en Samos... En moitos casos tratouse de actos modestos como conferencias ou ofrendas florais... celebrados nun período no que os cartos chegaban menos ca nunca. Co seu labor cultural, a Academia foi medrando en presenza social até constituírse como referente da cultura galega.
Real Academia Galega. Arquivo


