Azos de fora. O alento da diáspora
- Manuel Curros Enríquez
- Emilia Pardo Bazán
O pulo fundacional da Real Academia Galega procedeu da colectividade galega de Cuba, a través da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia, constituída en 1905 e apoiada polo poderoso Centro Gallego da Habana. Despois da capital cubana, en Buenos Aires (1919) e Montevideo (1928) creáronse asociacións análogas, co apoio dos respectivos Centro Galegos e Casa de Galicia. O seu apoio económico e moral foi imprescindible para a actividade da RAG nas primeiras décadas da súa existencia. Por caso, en 1917 o 96 % do orzamento da RAG procedía da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia e o Centro Galego da Habana.
Pola contra, as institucións oficiais galegas e españolas foron moito menos xenerosas, ben que a Deputación Provincial da Coruña e o Concello desta cidade —e durante un tempo, tamén o Ministerio de Instrución Pública— prestaron, de xeito inconstante, algunha axuda. Un financiamento regular, aínda insuficiente e con altibaixos, só se conseguiu no presente século, coas achegas da Xunta de Galicia, o Goberno de España, as catro Deputacións galegas e o concello da Coruña. De benfeitores privados, só se pode salientar a colaboración da Fundación Barrié.
Outro dos apoios que a RAG procurou desde a súa fundación, neste caso no eido intelectual, foi o de persoeiros ilustres galegos que residían fóra de Galicia, e de estudosos estranxeiros interesados polas cousas galegas, mediante a súa designación como académicos de honra ou correspondentes. Xa cando a fundación Emilia Pardo Bazán fora distinguida coa presidencia de honra da RAG, mentres o poeta Manuel Curros Enríquez e o teólogo Ángel Amor Ruibal, entre outros, foron designados académicos honorarios.
Entre os primeiros académicos correspondentes salientan os filólogos Jules Cornu e Hugo Rennert, e o tradutor Björan Görkman. A estes hai que engadir Carolina Michaëlis de Vasconcellos e mais cinco intelectuais portugueses, entre eles os filólogos Teófilo Braga e José Leite de Vasconcellos e mais o poeta Eugénio de Castro; a estes uniríase en 1910 José Joaquim Nunes. Desde a súa fundación ata 1943 foron nomeados trinta académicos correspondentes do país irmán, entre os cales Júlio Dantas, presidente da Academia das Ciências de Lisboa. En 1945 foron designados sete máis, entre eles, Manuel Rodrigues Lapa.
Aos devanditos nomes pódense engadir, entre outros, os da xornalista Sofía Casanova, o presidente da Segunda República Niceto Alcalá Zamora, o director do Museo del Prado Francisco J. Sánchez Cantón, o arcebispo Fernando Quiroga Palacios, os artistas Francisco Asorey e o Fernando Álvarez de Sotomayor, os escritores Gonzalo Torrente Ballester e Camilo José Cela e as escritoras Marina Mayoral e Nélida Piñón, os filólogos Dámaso Alonso, Joseph-María Piel, Xosé L. Pensado Tomé e Giuseppe Tavani, o profesor Basilio Losada e a investigadora Giulia Lanciani, os poetas Antonio Tovar e Arcadio López Casanova e os galeguistas Fermín Penzol e Álvaro Gil Varela.
Liña do tempo
1905
- Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de La Habana.
1919
- Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de Buenos Aires.
1924
- Homenaxe na Coruña a Luis de Camoens, coa participación do poeta portugués Eugénio de Castro.
1928
- Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de Montevideo.
1933
- No centenario de Murguía, o Centro Gallego de Buenos Aires organiza unha homenaxe á que asiste o presidente da República Arxentina.
1934
- Inauguración do monumento a Manuel Curros Enríquez na Coruña, custeado pola diáspora galega en América.
1940
- Celebración do Congresso do Mundo Português, en Lisboa, coa participación, entre outros, de Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza Brey e César Vaamonde Lores.
1942
- Designación de cinco académicos correspondentes portugueses, entre eles o Presidente da Academia das Ciências de Lisboa, Júlio Dantas.
1943
- Número monográfico do Boletín da Real Academia Galega dedicado a Portugal.
1945
- Designación de sete académicos correspondentes portugueses, entre eles Manuel Rodrigues Lapa.
1955
- Celebración en Braga da I Asemblea Lusitano-Galega, organizada pola RAG.
1961
- Celebración na Coruña da II Asemblea Lusitano-Galega, organizada pola RAG.
- A Irmandade Galega de Buenos Aires solicita que a RAG empregue o galego “en tódalas súas comunicacións, boletíns e demais publicacións”.
1968
- A comisión organizadora dos «Xogos Froraes do Idioma Galego» de Buenos Aires solicítalles aos concellos de Galicia que apoien economicamente a Real Academia Galega e denuncia a castelanización da toponimia
Actuais académicos de honra e correspondentes estranxeiros
2002. Ivo Castro (Portugal); Johannes Kabatek, Dieter Kremer (Alemaña)
2005. Jorge Arbeleche (Uruguai)
2007. Craig Patterson (Reino Unido)
2008. John Rutherford (Reino Unido)
2011. Déborah Campos (Arxentina)
2012. Carlos A. Zubillaga Barrera (Uruguai)
2017. Helena Zernova (Rusia), Kirsty Hooper (Reino Unido)
2022. María Rosa Lojo Calatrava (Arxentina)
2023. Kathleen March (Estados Unidos)
2024. Takekazu Asaka (Xapón)


