Fotogalería Arquivo
O Arquivo da Real Academia Galega está constituído pola documentación xerada e recibida pola institución no exercicio das súas funcións e actividades, e conservada para a xestión, a información, a cultura e a investigación. Isto, que pode dar lugar a pensar nun nacemento paralelo á institución no 1906, non foi tal; até o ano 2000 non é cando xorde o Arquivo como sección, organízase de xeito sistemático a documentación e créase a árbore de clasificación. No ano 2013 apróbase no plenario o seu regulamento, pasando no ano 2017 a integrarse no Sistema de Arquivos de Galicia e a a traves de difundirse en Galiciana. Arquivo dixital de Galicia, portal dos arquivos galegos xestionado pola Subdirección Xeral de Arquivos da Consellería de Educación e Cultura.
Depósitos do Arquivo previos ás obras de rehabilitación da sede da Academia.
Portal do Arquivo na web institucional
Amais da documentación que atinxe a institución, o Arquivo componse dunha ampla gama de fondos persoais, de asociacións e empresas, xunto con diversas coleccións, onde sobresaen as fotográficas. Groso modo, falamos dun arquivo histórico de tamaño pequeno ou medio (ao redor de 150 fondos, máis de 100.000 fotografías e preto de 40.000 documentos). Todos eles conforman o tesouro patrimonial galego, sendo o noso unha parte importante do mesmo pola súa relevancia e interese na cultura galega e internacional en todos os eidos da mesma.
Anverso e reverso do cartel do primeiro Día das Letras Galegas, en 1963, dedicado a Rosalía de Castro. Real Academia Galega. Arquivo
Cartel do Día das Letras Galegas de 2026, dedicado a Begoña Caamaño. Real Academia Galega. Arquivo
Accións da Société Anonyme des Tramways Électriques de la Galice (Bruxelas) 1907. Carp 59-04
Retrato de John Wilkes Booth, asasino de Abraham Lincoln, pertencente ao álbum de cartes de visite de Alexandra Murguía. AL 3-15-03
Autógrafo de Albert Einstein pertencente ao libro de autógrafos de Juana Fernández Pintos de Bóveda. C-368-1
Unha boa mostra da relevancia do noso Arquivo é a densidade temporal do mesmo: o documento máis antigo que conserva é un pergameo do ano 1117 escrito en latín; o máis moderno aínda está por chegar.
Pergameo máis antigo escrito en galego da colección da RAG, con data de 10 de maio de 1259. Sancho Fernández e a súa dona Maior Fernández, filla de Fernán Pérez de Andrade, véndenlle ao mosteiro de Caaveiro as súas eguas. P. Caixa 2-46
Fotografía da Mariña, na Coruña. Xullo de 2026. Colección de fotografías da Academia
Outra das alfaias custodiadas é o excepcional fondo da familia Pardo Bazán, que inclúe o arquivo persoal da escritora Emilia Pardo Bazán. Amais da documentación patrimonial da familia, atópanse no arquivo os manuscritos literarios que dela se conservan, así como as galeradas e as correccións das súas obras. Este fondo é o único referente no mundo para o estudo da autora. Ademais conserva unha parte patrimonial de grande interese para estudar as rendas e o patrimonio da aristocracia do século XIX. O Arquivo da Academia, consciente do valor único e inconmensurable do fondo, procura custodialo e completalo con especial dedicación.
Manuscrito con grallas e correcións de Vampiro. Fondo Familia Pardo Bazán. Caixa 257 9
Tarxeta postal enviada por Emilia Pardo Bazán a Francisco Silvela con anotacións manuscritas dela e unha fotografía súa. FS 1-69
Os arquivos dos persoeiros máis significativos da cultura galega tamén forman parte dos fondos do Arquivo da Academia: Eduardo Pondal, Manuel Murguía e Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Irmáns de la Iglesia, Marcial del Adalid, Sofía Casanova, Pura Vázquez e un longo etcétera. Son fondos que abranguen innumerables materias: música, política, literatura, historia, ciencias, fotografía... Trátase, en definitiva, da historia de Galicia dos últimos séculos a través das súas elites culturais. As obras conservadas son maiormente literarias, mais tamén doutras ciencias e coñecementos.
Manuscrito de Lestrobe, cantar popular autógrafo de Rosalía de Castro. MO 21-20
Retrato de Rosalía de Castro de María Cardarrely, restaurado dixitalmente. FS 06-43
Retrato de Manuel Murguía cun decorado no marco FM 14-04
Herbario dos Irmáns de la Iglesia. Colección de plantas galegas elaborada por Antonio e Francisco de la Iglesia. É probable que Santiago de la Iglesia colaborase na recollida dos exemplares. As plantas están conservadas en papel secante e follas de papel de xornal. Cada exemplar vai acompañado dunha ficha onde se indica a data, lugar de recollida e outras observacións. C-94-A
Un dos trazos característicos dos Estados contemporáneos (e que gaña importancia a medida que aumenta o seu poder) é o volume, a densidade e a eficacia organizativa dos seus arquivos históricos, así como o número e a cualificación dos investigadores e analistas que traballan neles. O Arquivo da Real Academia Galega e os seus usuarios son unha boa mostra diso, sendo o fondo propio da Academia un exemplo paradigmático, como se pode observar na recente muda da letra do himno galego aprobada polo Parlamento de Galicia.
Carta de Eduardo Pondal a Banet Fontenla pola grallas da letra do himno. R-1156-03 11 de xaneiro de 1913.
Outro aspecto salientable é o acrecentamento dos fondos persoais, de asociacións e coleccións que se produciu principalmente grazas a doazóns de particulares. A variedade temática dos conxuntos ingresados nestes últimos anos foi notable: documentación fotográfica, musical, cultural, literaria, epistolar, sindical e política etc. Toda cun denominador común: o interese para o país, dando mostras da excelente saúde, vitalidade e futuro do Arquivo e sendo o celme do mesmo para os vindeiros e ilusionantes anos por vir.
Vila de Corme e familia Pillado Rivadulla. Fondo Familia Pillado
Libro de contas da banda Garrote (1909) e particellas da diana "Xa canta o Galo" do músico galego Ricardo Dorado (1957). Colección Xabier Garrote Cobelo
Folla manuscrita da primeira tradución ao galego do Quixote de Cervantes de Juan Beceiro Amado (1970). Fondo Juan Beceiro Amado
Recibo de pago da cota de socio do Real Club Deportivo a nome de Paulina Otero (1931). Fondo Villaverde Velo


