Fotogalería Biblioteca
A Biblioteca da Real Academia Galega tivo diferentes sedes, sempre na cidade da Coruña, como parte das instalacións da propia institución. A primeira foi o piso principal do n. 38 da rúa Rego de Auga, entre 1906 e 1920, data na que se trasladou ao edificio do Concello, na Praza de María Pita, onde permaneceu ata o ano 1978, para pasar a ocupar, a casa que fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán, no n. 11 da Rúa Tabernas. No ano 2023 este edificio iniciou unhas obras de rehabilitación integral, que obrigaron a trasladar o persoal e os fondos, de xeito provisional, ao Polígono de Pocomaco da Coruña. Coa rehabilitación do edificio de Tabernas a Biblioteca principia unha nova etapa.
O cargo de Arquiveiro-Bibliotecario sempre estivo ligado á condición de Académico, sendo nun principio a perpetuidade, e tendo como tarefa principal a de selar, rexistrar e catalogar os fondos ingresados por compra ou doazón. Os académicos que exerceron este cargo ao longo da historia foron, nesta orde, Galo Salinas, César Vaamonde Lores, Juan Naya, Antonio Gil Merino, Xosé Luís Axeitos, Euloxio Rodríguez Ruibal, Margarita Ledo, Fina Casalderrey e Dolores Sánchez Palomino.
Sedes da Biblioteca no Concello da Coruña en 1934, e na Rúa Tabernas en 2007.
Real Academia Galega. Arquivo e Biblioteca
Debido ao gran volume dos seus fondos a Biblioteca da Academia sempre ocupou gran parte do espazo físico dos edificios que habitou. Na rúa Tabernas estaba distribuída nas seccións de monografías, con preto de 70.000 volumes e de materiais especiais, cunha parte dedicada á música impresa, na que destaca a biblioteca de Marcial del Adalid. A Hemeroteca constitúe unha sección independente con autonomía propia.
Ao longo dos anos todos estes fondos experimentaron cambios de localización dentro das instalacións; a máis importante no ano 2010, cando, para unha maior optimización do espazo, se instalaron armarios compactos no soto do edificio.
Sección de folletos da Biblioteca en 2007. Traslado das monografías ao soto do edificio en 2010.
Real Academia Galega. Biblioteca
A doazón é a vía principal pola que se nutre de fondos a Biblioteca, e, dentro dela, a dos propios autores das obras. Xa no primeiro Estatuto da RAG figuraba, entre as obrigas dos académicos de número, a de entregar á Biblioteca un exemplar de cada obra que publicasen.
Así, o exemplar da primeira edición de Memorias dun neno labrego da nosa biblioteca foi doado polo seu autor, o académico Xosé Neira Vilas, e contén unha dedicatoria autógrafa á institución. A obra, que relata as vivencias dun rapaz labrego chamado Balbino na Galicia dos anos corenta do século vinte, é a máis lida e reeditada da literatura galega e unha das máis traducidas. O libro foi publicado en Buenos Aires en 1961 pola editorial Follas Novas, distribuidora do libro galego en América, fundada en 1957 por Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda.
Real Academia Galega. Biblioteca
Dende os primeiros tempos da Academia foron tamén moitas as persoas que achegaron puntualmente obras para nutrir os fondos da Academia. Estas doazóns quedan recollidas tanto no libro de rexistro da Biblioteca coma no Boletín da institución.
O libro de rexistro da Biblioteca inicia a súa andadura o 19 de decembro de 1905 e continúa ata o 27 de decembro de 1929. Segundo constatamos neste documento, nos primeiros tempos os principais doadores eran os propios académicos, entre os que destacan, de maneira notoria, César Vaamonde Lores, seu irmán Florencio Vaamonde, Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía e Uxío Carré Aldao.
No Boletín, as doazóns á Biblioteca consígnanse nu apartado específico da “Sección oficial”.
Libro de rexistro onde se recolle a doazón de libros de César Vaamonde realizada o 26 de maio de 1908.
Real Academia Galega. Biblioteca
As bibliotecas persoais xogan un importante papel no conxunto dos fondos bibliográficos da Academia. Unha delas é a de Xosé Fontenla Leal: a súa colección, de arredor de 600 volumes relacionados con Galicia, ingresou na Biblioteca, procedente da Habana, o 16 de xuño de 1920. Entre os exemplares que a conforman atopamos unha primeira edición da obra Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, publicada en 1863.
Real Academia Galega. Biblioteca
A biblioteca particular de Manuel Murguía, con preto de 2000 volumes, é unha das máis interesantes conservadas na RAG. Algúns dos exemplares chegaron á Biblioteca enviados polo propio historiador, aínda que a maior parte ingresaron como legado da súa filla Gala. Un destes exemplares é a tradución francesa, publicada en París en 1884, do libro sobre a conquista de Irlanda Lebor Gabála Érenn ou Libro das invasións. A tradución do irlandés correu a cargo de Henri Lizeray e William O’Dwyer. A presenza desta obra entre os libros de Murguía testemuña a inquedanza do historiador por demostrar a orixe celta de Galicia e a súa conexión con outras terras celtas como Irlanda.
Real Academia Galega. Biblioteca
A Real Academia Galega custodia parte da biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán, preto de 8.000 volumes procedentes na súa maioría do Pazo de Meirás, antiga residencia de verán da escritora. A restante parte da biblioteca, algo máis de 2900 exemplares, permanecen aínda no Pazo. O conxunto bibliográfico foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2022.
Trátase dunha biblioteca cosmopolita e de carácter literario, con abundancia de exemplares dedicados á escritora por autores como Curros Enríquez, Pondal, Unamuno ou Zola. Entre os seus libros atópase a primeira edición Follas Novas, editado na Habana en 1880. O exemplar inclúe na súa portada a sinatura de Emilia Pardo Bazán e o selo de rexistro da biblioteca da escritora.
Real Academia Galega. Biblioteca
Sempre condicionada pola dispoñibilidade económica, tamén se recorreu á compra de exemplares interesantes para a colección. A Biblioteca da RAG adquire títulos acordes co a súa finalidade, onde se prima o fondo galego no ámbito das humanidades.
En 2025 mercouse un exemplar da segunda edición de A Gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos, impresa en Pontevedra por José e Primitivo Vilas en 1853. E para conmemorar o 75 aniversario da institución, a Academia publicou unha edición facsimilar da primeira edición desta obra.
Real Academia Galega. Biblioteca
A Biblioteca da Academia posúe un rico fondo antigo integrado por obras do século XVI, XVII e XVIII. Parte deste fondo ingresou en 1919 procedente da doazón feita polo Ministerio de Facenda á RAG dunha fracción da biblioteca do Convento de Santa Catarina de Montefaro, obtida na desamortización dos bens eclesiásticos no século XIX. Outros fondos chegaron por doazón particular ou por compra.
Unha das obras do século XVI da nosa colección é a Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, de Bartolomé Sagrario de Molina, impresa en Mondoñedo por Agustín de Paz en 1551, un dos poucos exemplares desta obra que se conservan na actualidade.
Real Academia Galega. Biblioteca
A Biblioteca da RAG é na actualidade un importante referente cultural. Algúns investigadores optan por achegarse ás súas instalacións, nas que se ofrece unha sala de consulta que inclúe unha sección de referencia de libre acceso, pero tamén se pode acceder aos fondos mediante os recursos ofrecidos on line. Para a localización dos mesmos pódese recorrer tanto ao catálogo propio, dispoñible na web da Academia, coma a outras ferramentas como o Catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia, ou o Catálogo Colectivo del Patrimonio Bibliográfico. Moitos títulos, en especial os pertencentes ao século XIX, están accesibles no catálogo dixital de GALICIANA.
Sala de consulta da Biblioteca da RAG.
Real Academia Galega. Biblioteca
A Biblioteca da Real Academia Galega participa asiduamente en exposicións de todo tipo como medio de difusión dos seus fondos. Algunhas mostras bibliográficas foron organizadas pola propia biblioteca, con motivo do Día do Libro ou do Día da Biblioteca.
Unha das exposicións históricas patrocinadas pola RAG foi a celebrada en xullo de 1970 na Biblioteca Nacional da Arxentina, en Buenos Aires. A I Exposición del Libro Gallego Antiguo desenvolveuse no marco das Jornadas Patrióticas Gallegas organizadas polo Centro Gallego de Buenos Aires.
Catálogo da I Exposición del Libro Gallego Antiguo (1970). Juan Naya, bibliotecario da Academia, coa directiva do Centro Gallego de Buenos Aires na I Exposición del Libro Gallego Antiguo.
Real Academia Galega. Biblioteca
Entre as distintas vías de difusión do patrimonio bibliográfico da Real Academia Galega figura a edición de catálogos impresos. En 2005 e 2007 viron lume os dedicados ao legado de Emilia Pardo Bazán, Catálogo da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, e o “Apéndice ao catálogo de Emilia Pardo Bazán”. De 2023 data Entre páxinas cheas de historias: Os libros de Manuel Murguía na Real Academia Galega. Almas vivas. Os libros de Antón Vilar Ponte na Real Academia Galega, no que figura un extenso e detallado estudo introdutorio deste fondo, realizado polo especialista Emilio Xosé Ínsua, apareceu en 2024, e o pasado ano Da fala ao prelo (1800-1936): Textos en galego e sobre lingua e literatura galegas na Biblioteca da Real Academia Galega. A día de hoxe outros están en preparación.


