Os anos escuros
- Manuel Casás Fernández (1936-1960)
O estoupido da guerra civil en 1936 agravou a crise que a Academia viña arrastrando. O réxime franquista só toleraba unha continuidade testemuñal da Academia, baixo a batuta de Manuel Casás, quen ingresara como membro numerario en 1936 e viña exercendo accidentalmente a presidencia desde ese ano. En 1939 ingresaron seis académicos de filiación franquista (entre os cales, o poeta Antonio Noriega Varela), que foran elixidos antes da guerra. En 1941 autorízase o ingreso colectivo de dezanove novos académicos de número, cunha forte presenza clerical. Nese grupo salientan eruditos como Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza-Brey, Florentino López Cuevillas ou Xesús Carro, e o poeta Gonzalo López Abente.
Paseniñamente, as letras e os estudos galeguistas comezan a gañar presenza na RAG cos ingresos de Aquilino Iglesia Alvariño (1949). Un paso adiante moi importante dáse en 1951, co ingreso dos galeguistas Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo Fernández, Antón Iglesias Vilarelle e Ramón Vilar Ponte (1951). A estes séguenos ao longo da década Sebastián Martínez Risco (1953), Antonio Fraguas (1956), Ricardo Carballo Calero (1958) e Domingo García-Sabell (1959). Otero Pedrayo, promotor de boa parte deses ingresos (como o sería máis tarde dos de Álvaro Cunqueiro e Francisco Fernández del Riego), xogou un papel fundamental na recuperación da RAG para o galeguismo naqueles tempos escuros.
É significativo o incidente acontecido cando o ingreso de Gómez Román, pois o uso do galego no acto foi expresamente prohibido polas autoridades franquistas. Tanto o novo académico coma Otero Pedrayo, que lle deu a resposta, tiveron que dar en castelán os seus discursos, que tiñan redactados en galego.
Con todo, Manuel Casás conseguiu proxectar as actividades da Academia cara aos grupos intelectuais portugueses máis afíns á galeguidade. Asemade, acrecentou de xeito importante, en colaboración con Juan Naya Pérez, os fondos da biblioteca corporativa.
Liña do tempo
1939
- Ingreso colectivo de seis académicos, entre eles, Antonio Noriega Varela.
1941
- Ingreso colectivo de dezanove académicos, entre eles, Fermín Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde.
1942
- Reaparece o Boletín da Real Academia Galega, suspendido desde 1936.
1945
- Elección de Francisca Herrera Garrido, a primeira académica numeraria. Ingreso de Leandro Carré Alvarellos.
1949
- Ingreso de Aquilino Iglesia Alvariño.
1951
- Ingresos de Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Ramón Vilar Ponte e Xoaquín Lorenzo Fernández.
1953
- Ingreso de Sebastián Martínez Risco.
1956
- Ingreso de Antonio Fraguas.
1958
- A RAG diríxese á Real Academia Española para que corrixa a voz gallego no seu Diccionario, eliminando os contidos aldraxantes. O galego, definido como “dialecto”, pasa a ser “lingua dos galegos”.
- Ingreso de Ricardo Carballo Calero.
1959
- Ingreso de Domingo García-Sabell.
Bibliografía
- Alonso Montero, Xesús (1987). Un obreiro, Curros e a Academia. En: Curros Enríquez. Crebar as liras. A Nosa Terra. A nosa cultura, 9. Vigo: Promocións Culturais Galegas, 19-20.
- Alonso Montero, Xesús (1988). Prehistoria da Academia Galega. Á procura da norma culta de 1875 a 1905. Grial. 99, 8-18.
- Alonso Montero, Xesús (1991). O día en que se inaugurou a Academia Galega: o problema da(s) lingua(s). En: Mercedes Brea e Francisco Fernández Rei, coords. Homenaxe ó profesor Constantino García. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, t. II, 7-18.
- Alonso Montero, Xesús (2001). A coroación de Curros Enríquez (A Coruña, 21 de outubro de 1904). A Coruña: Real Academia Galega.
- Álvarez Ruiz de Ojeda, Victoria (2001). Eladio Rodríguez González e a Real Academia Galega. Crónica e epistolario. Boletín da Real Academia Galega .362, 9-67.
- Axeitos, Xosé Luís (2006). A Real Academia Galega no discurso construtivo do Rexurdimento. Grial. 171, 16-25.
- Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012). Murguía. Vigo: Galaxia.
- Barreiro Fernández, Xosé Ramón e Villares, Ramón (2007). Os símbolos de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega.
- Dobarro Paz, Xosé M.ª (2001). Álbum Literario da Asociación Iniciadora y Protectora da Real Academia Galega da Habana: 1907. A Coruña. Universidade da Coruña, Real Academia Galega.
- Dobarro Paz, Xosé Mª (2001). Manuel Curros Enríquez, José Fontenla Leal e a Real Academia Galega: observacións e datos sobre as súas orixes e vicisitudes. Boletín da Real Academia Galega. 362, 203-266.
- González Paz, Carlos Andrés (2016). Escritoras na Galicia do século XIX. Cuadernos de Estudios Gallegos. Monografías. 13. Santiago de Compostela: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
- Ínsua, Emilio Xosé (2006). Antón Villar Ponte e a Academia Galega: contributos para a historia crítica dunha institución centenaria. Vilaboa: Edicións do Cumio.
- Ínsua, Emilio Xosé (2023). Conflitos, logros e limitacións nos primeiros anos da Academia Galega (1905-1923). En: Marilar Aleixandre e Ramón Villares, coord. Centenario de Manuel Murguía. 1923-2023. Anexos BRAG. A Coruña: Real Academia Galega, 65-139.
- López Gómez, Pedro (2023). Andrés Martínez Salazar. Aproximación biobibliográfica. Anexos BRAG. A Coruña: Real Academia Galega.
- López Varela, Elisardo (1998). Manuel Murguía, Curros e a Academia Galega. En: Volver a Murguía. A Nosa Terra, A Nosa Cultura, 19. Vigo: Promocións Culturais Galegas, 61-69
- López Varela, Elisardo (2001). Unha casa para a lingua. A Real Academia Galega baixo a presidencia de Manuel Murguía (1905-1923). A Coruña: Espiral Maior.
- Méndez Romeu, José L. (1998). A Real Academia Galega, institución frustrada do rexionalismo. A Coruña: [s.e.]
- Monteagudo, Henrique (2006). A Academia, o idioma e o nacionalismo 1906-1930. Grial. 171, 26-37
- Neira Vilas, Xosé (1994). A Academia Galega naceu na emigración. En: Memoria da emigración. Serie Documentos, 114. Sada: Ediciós do Castro, t. I, 255-262.
- Real Academia Galega (1912). Estatutos, reglamento interior, reglamento de la Sociedad Gallega de Excursiones, lista de académicos. A Coruña: Real Academia Galega.
- Real Academia Galega (1913). Diccionario gallego-castellano. A Coruña: Real Academia Galega.
- Real Academia Galega (2006). Galicia, a forza da palabra: centenario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega.
- Real Academia Galega (2014). No sesquicentenario do nacemento de José Fontenla Leal. A Coruña: Real Academia Galega.
- Romero Masiá, Ana (2023). Folk-lore Gallego e a Academia Gallega que non puido ser. En: Marilar Aleixandre e Ramón Villares, coord. Centenario de Manuel Murguía. 1923-2023. Anexos BRAG. A Coruña: Real Academia Galega, 17-45.
- Saralegui y Medina, Leandro (1906). Discurso leído en La Coruña el día 30 de septiembre de 1906 en la solemne inauguración de la Real Academia Gallega. A Coruña: Real Academia Galega.
- Seoane Sánchez, Isabel (1999). O primeiro diccionario da Real Academia Galega. Cadernos de Lingua. 19, 65-84.
- Suárez Vázquez, Damián (2000). As autoridades no Diccionario Gallego-Castellano (1913-1928) da Real Academia Galega. Cadernos de lingua. 21, 67-102.


