Fotogalería Outras Actividades
Despois dunha interrupción de cinco anos causada pola guerra e a inmediata posguerra, o Boletín rexurdiu en xaneiro de 1942 co número 264.
O fascículo que reunía os números 333-338, e que apareceu en novembro de 1959, foi o último publicado nesta etapa.
As dificultades económicas polas que pasaba a Academia e os atrasos nos labores de impresión dos exemplares provocaron que nestes anos a saída da revista fose moi irregular e obrigou a que moitos fascículos xuntasen tres ou máis números.
A pesar dos atrancos, a publicación mantivo a continuidade e seguiu enviándose a diversos lugares de España, Europa e América, grazas ás achegas económicas que a Academia recibía do Estado e de varios concellos e deputacións galegas.
Reaparición do Boletín en 1942. BRAG 264 (xaneiro 1942).
Real Academia Galega. Hemeroteca
Neste período os contidos do Boletín mantiveron as temáticas habituais: historia, arqueoloxía, arte, etnografía, lingua e literatura galegas, vida académica e noticias necrolóxicas. Ao igual que en épocas anteriores, a historia e a arqueoloxía ocuparon unha gran parte das páxinas da revista.
Tamén continuou publicándose a colección de Documentos Históricos, aínda que dela unicamente saíron sete entregas.
Hai que mencionar a aparición de dous volumes especiais do noso Boletín. Un deles (BRAG 274-276, setembro 1943) estivo dedicado a Portugal e nel participaron varios escritores lusos. O outro (BRAG 309-320, outubro 1956) editouse para conmemorar os cincuenta anos de vida da Academia e xuntou traballos de moitos numerarios e correspondentes.
Portada do Boletín dedicado a Portugal. BRAG 274-276 (setembro 1943).
Real Academia Galega. Hemeroteca
Por mor da censura imposta polo franquismo, a Real Academia Galega non celebrou debidamente a morte de Castelao, acontecida en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Unicamente unha sentida nota necrolóxica do seu amigo e correlixionario Ramón Otero Pedrayo no Boletín nº 289-293, describe o impacto en Galicia da nova do pasamento do artista e político rianxeiro da outra beira do Atlántico. Porén, as difíciles circunstancias nas que foi publicado outórganlle un gran valor á necrolóxica de Otero, e dan mostra da coraxe cívica e fondo compromiso galeguista do autor de Arredor de si.
No seu artigo, Otero sitúa Castelao á altura de Rosalía, e profetiza que algún día descansarán han descansar xuntos en Bonaval, evoca o seu derradeiro encontro en América “n’unha rúa calquer de Bos Aires Castelao, chorando, diume unha aperta” e remata a súa misiva cun saúdo a Virxina Pereira, dona de Castelao, e ás súas irmás “que en Rianxo sofren e viven acotío na chama do seu nome”.
Boletín da Real Academia Galega. 289-293 (1946-1950).
Real Academia Galega. Hemeroteca
En 1942 faleceu César Vaamonde Lores, quen dende 1907 viñera ocupándose da Biblioteca, do Arquivo e do Museo da Academia. Por un tempo, a responsabilidade desas tres seccións académicas estivo nas mans de Juan Naya Pérez en calidade de axudante. Finalmente no ano 1946 este último pasou a desempeñar o posto de Bibliotecario-Arquiveiro.
Debido á continua chegada de libros e de revistas por medio de compras ou de doazóns, o espazo que ocupaba a Biblioteca non deixaba de aumentar. En 1956 xa contaba con 20.000 volumes que dificilmente tiñan cabida no reducido lugar reservado á Academia dentro do edificio do Concello coruñés.
Juan Naya Pérez na Biblioteca instalada no pazo de María Pita.
Real Academia Galega. Arquivo
As doazóns seguiron aumentando os fondos do Museo. Pezas arqueolóxicas, cadros e debuxos, medallas e obxectos persoais que pertenceran a figuras coñecidas da historia galega foron os donativos máis habituais que se recibiron durante este período. Porén, as limitacións espaciais obrigaron a que só unha parte moi pequena das pezas museísticas puidesen estar en exposición no local da Academia.
De entre os obxectos chegados ao Museo destacamos a máscara de Antón Vilar Ponte que Francisco Asorey realizou para formar parte dun monumento ao xornalista de Viveiro, que nunca se chegou a rematar debido ao inicio da guerra civil. Esta máscara foi cedida á Academia no mes de agosto de 1958 polo propio artista, quen resultara elixido académico de honorario en 1957.
Máscara de Antón Vilar Ponte feita por Francisco Asorey.
Real Academia Galega. Museo
Co título de Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega saíu á luz en 1953 a primeira historia da Academia, escrita por Ramón Vilar Ponte apoiándose na documentación interna da institución.
A orixe da obra estaba nun artigo publicado en 1952 no Faro de Vigo. A petición da Xunta de Goberno da Academia, Villar Ponte ampliou este traballo, que se convertiría na primeira relación do devir académico dende os días iniciais ata ese mesmo momento.
As actas da Academia do ano 1953 dan testemuño da satisfacción con que foi acollida a obra: “Se acordó agradecer muy vivamente al señor Villar Ponte por su diligencia en acceder al ruego de la Junta y felicitarlo cordialmente por la brillantez con que lo confeccionó.”
Cuberta de Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega (1953).
Real Academia Galega. Biblioteca
A publicación dunha edición completa do poema Os Eoas de Eduardo Pondal era un proxecto longamente contemplado pola Academia, pois o poeta cedera á institución todos os seus manuscritos literarios para que aquela os expurgase e editase.
Para editar Os Eoas a Academia contaba cun texto mecanografado en 1913-1914 que contiña unha versión case finalizada do longo poema. Ademais tamén custodiaba centos de papeletas manuscritas con esbozos corrixidos das súas estrofas.
Durante a década de 1920 a publicación do poema parecía inminente, pois nas páxinas do Boletín xa se anunciaba como un dos proxectos que pensaba levar a cabo a Academia. Porén, ese proxecto non chegou a se realizar.
Cuberta e estrofa do texto mecanografado de Os Eoas.
Real Academia Galega. Arquivo
Nos anos cincuenta fíxose unha tentativa de producir a tan degoirada publicación de Os Eoas.
En 1951 o Centro Galego de Buenos Aires instou a Academia a realizar a edición do poema e ofreceu apoio económico. Designáronse entón varios académicos para revisar os materiais custodiados no Arquivo. Mais daquela descoñecíase a existencia do texto mecanografado coa versión case definitiva do poema, de tal maneira que era preciso examinar os centos de papeletas manuscritas deixadas polo poeta.
En 1955 os académicos emitiron un informe no que recoñecían a enorme dificultade de editar Os Eoas a partir das papeletas e ao ano seguinte foi designado Fermín Bouza-Brey para revisalas e estudalas. Logo de traballar varios anos con ese material e de transcribir numerosas estrofas, Bouza-Brey abandonou o labor en 1970.
Anverso e reverso dunha papeleta manuscrita de Os Eoas.
Real Academia Galega. Arquivo


