Académicos e académicas

Francisco Asorey González

Francisco Asorey González

Cambados, Pontevedra, 1889 - Santiago de Compostela, 1961
Data de ingreso
13/10/1957
Membro correspondente de
03/02/1946 - 13/10/1957
A proposta de
Luís Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco V. Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Jesús Carro García e Fermín Bouza Brey

Cambados, 4 de marzo de 1889 — Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1961. Considerado un dos maiores escultores galegos do século XX, a traxectoria artística de Francisco Asorey percorre un itinerario que vai desde o modernismo simbolista finisecular ata a creación dunha arte nacional galega de raíz popular. Entre as súas obras máis destacadas cómpre citar A picariña, A naiciña e os monumentos dedicados a Curros Enríquez e a san Francisco, situados respectivamente na Coruña e en Santiago de Compostela.

Nado no seo dunha familia acomodada de emigrantes retornados da Arxentina, era o máis novo de oito irmáns. O seu pai, carpinteiro, detectou moi cedo as súas aptitudes para o debuxo e a escultura. Logo dunha breve formación en Santiago de Compostela e Ourense, ingresou con dezaseis anos na Escola Salesiana de Sarrià (Barcelona). Alí coñeceu a obra de escultores modernistas e noucentistas cataláns como Eusebi Arnau e Josep Llimona, que marcaron o seu gusto polas liñas sinuosas, o simbolismo e a exaltación da beleza feminina, tan presentes nas súas primeiras obras.

En 1909 trasladouse a Barakaldo, onde traballou como profesor de debuxo no Colexio dos Salesianos e como escultor de imaxes relixiosas e ornamentais ao estilo rexionalista vasco. No seu obradoiro contou con discípulos como Julio Beobide e Juan Guraya. Alí perfeccionou a súa técnica, experimentou con diversos materiais e realizou tallas relixiosas, entre elas o Cristo de Barakaldo. Creou tamén as súas primeiras pezas profanas, como Romeiros vascos ou A viúva do pescador, coa que obtivo a medalla de prata na Exposición Rexional de Santiago de 1909.

Ese mesmo ano instalouse en Madrid, cidade onde permaneceu case unha década. Nun ambiente artístico dominado polo academicismo tradicional, Asorey fixo amizade co pintor Julio Romero de Torres e coñeceu as correntes escultóricas europeas contemporáneas —Rodin, Hildebrand, Maillol—, cuxo estilo depurado e sereno deixou fonda pegada nas súas obras dos anos vinte. En Madrid entrou tamén en contacto con Castelao, con quen mantivo unha longa amizade e unha profunda afinidade estética e ideolóxica. A través del asumiu o proxecto de representar, mediante a escultura, o pobo galego: crear unha arte nacional galega.

En 1918 obtivo por oposición a praza de escultor anatómico na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cargo que desempeñou ata a súa xubilación en 1959. Casou con Jesusa Ferreiro e abriu o seu primeiro taller na rúa da Caramoniña. Esta mudanza marcou o inicio da súa etapa de plenitude artística e de compromiso explícito coa causa galeguista, a través da súa participación nas Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e numerosos actos públicos e exposicións xunto a figuras como Ramón Cabanillas, Vicente Risco ou o propio Castelao. Foi entón cando pasou a ser coñecido como o “escultor da Raza”, en paralelismo co poeta cambadés Cabanillas.

As obras deste período revelan a súa vontade de fusionar tradición popular, simbolismo modernista e carácter nacional. Emprega preferentemente a madeira policromada, material clásico da imaxinaría relixiosa galega, á que dota dun novo sentido estético. Pezas como A picariña (1920), A naiciña (1922), Ofrenda a san Ramón (1923), O tesouro (1924) ou A santa (1926) son exemplos paradigmáticos desta etapa, caracterizada pola mestura do relixioso e o telúrico, e polo protagonismo da muller galega, representada con trazos idealizados. Durante estes anos recibe numerosos encargos civís e relixiosos, tanto en Galicia coma fóra dela, e participa en exposicións como a Rexional de 1920, a Nacional de 1922, a Exposición de Arte Galega de 1924 e a Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid de 1926. Asorey convértese así no artista emblemático da nova sensibilidade galeguista, a da xeración Nós e as Irmandades da Fala.

A finais dos anos vinte acomete obras de maior envergadura que reflicten unha evolución cara á escultura monumental. Os exemplos máis significativos son o Monumento a san Francisco de Asís (1926–1930), situado na compostelá praza de San Francisco, que anticipa o gusto polos volumes sólidos e a sobriedade formal da década seguinte. Esta nova orientación culmina no Monumento a Curros Enríquez (1928–1934), nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, obra en granito chea de simbolismo que encarna o esforzo de Asorey por dotar Galicia dunha arte cívica propia: unha síntese entre modernismo, clasicismo e rexionalismo.

Nos primeiros anos trinta, xa un escultor recoñecido, traslada o seu obradoiro ao barrio compostelán de Santa Clara, un espazo máis amplo que lle permite afrontar pezas de gran formato. Participa en exposicións en Madrid e Barcelona e recibe encargos de monumentos civís e relixiosos de Galicia, Asturias, Euskadi e Cataluña. O estoupido da guerra civil en 1936 supón un punto de inflexión na súa carreira, coutando o seu momento de maior creatividade. Son asasinados algúns dos seus amigos galeguistas e republicanos, como Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño.

Neste contexto, Asorey adopta unha actitude de silencio e discreción, centrando a súa vida exclusivamente no traballo. Realiza esculturas para institucións militares e eclesiásticas, como o Cristo de Moià (Barcelona, 1940), o altar da igrexa do Panteón dos Emigrantes Galegos no cemiterio da Chacarita de Buenos Aires (1943), diversas obras para a Escola Naval de Marín e o Monumento ao Padre Feijóo do mosteiro beneditino de Samos (1947). A súa escultura faise entón máis sobria e depurada, mantendo o gusto polo granito e pola madeira policromada. Nesta etapa recibe numerosos recoñecementos públicos e a consideración unánime de ser o escultor nacional de Galicia. Entre os seus principais discípulos cómpre citar Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Xosé Eiroa e Jesús León “Leónides”.

Francisco Asorey foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario (A Coruña), Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela (1948), Medalla de Prata da Cidade de Vigo (1950) e Medalla de Ouro da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela (1958).
Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1946, a proposta de Alejandro Barreiro, Ángel del Castillo e Leandro Carré, e académico honorario en 1957, por iniciativa de Luis Iglesias Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia Alvariño, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Xesús Carro García e Fermín Bouza-Brey.

Tras a súa morte foi obxecto de numerosas homenaxes e exposicións retrospectivas, entre elas, a organizada polo Museo do Pobo Galego no centenario do seu nacemento (1989).