
Un grupo sororal de lavandeiras das Pontes de Gatín cabo da auga dunha presa do Navia -os ríos non adoitan ter a beira paredada- fan das pedras lavadoiro. Catro mulleres, catro idades que van ao mesmo: asear a roupa branca que se pon decote nos corpos e na casa. Vestidas de diario, mesturan dengues, saias de fruncido, chambras, mantelos e dous panos á cabeza simbólicos das ben distintas circunstancias das portadoras. Baleirada a cesta, lavan contra a pedra, que ao rozar e golpear riba dela axuda a quitar a sucidade e as manchas. Mais, sobre todo, farán un refregado coas mans endurecidas porque os tecidos son bravos. Non se ve o xabón que tanto axuda nin as xeonlleiras mulidas que mitigan a dor da incómoda postura dese labor duro e habitual das mulleres.
Paso río, paso fontes,
sempre te atopo lavando.
Que lástima da cariña
que a auga che vai levando!
De fondo, outra realidade propia do laboreo masculino: un home con sombreiro de palla vai poñer as vacas xoncidas a un carro de carga caótica: garabullos de uz entre os que se atopará algún ganzo que alume de noite pola casa.
O fotógrafo preparou esta escena que conxela no tempo a naturalidade rural cunha composición dinámica —paso da auga, liñas diagonais da parede e das lindes do prado, a conversa das mulleres da chambra e a dos rodetes no pelo...— e unha equilibrada disposición de claro e escuro, posibilitada polos elementos da paisaxe. Só a meniña se sente atraída pola cámara, que tamén parece elemental este escape inocente da mirada cara ao aparatoso disparo do fotógrafo.
Helena Villar Janeiro
Académica correspondente
Abuín (Rianxo), mes de Santiago de 2025