O 11 de agosto de 1934 inaugurábase nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña o monumento dedicado a Manuel Curros Enríquez de Francisco Asorey. Con motivo desta conmemoración, a Real Academia Galega, presidida entón por Manuel Lugrís Freire, publicou un folleto que dá conta dos diversos motivos que foran demorando a execución desta homenaxe ao poeta de Celanova, concibida xa desde o seu falecemento en 1908. Nestas páxinas agradécese ademais o apoio económico recibido das comunidades de emigrantes galegos en Buenos Aires e La Habana. A edición pode descargarse na sección de publicacións.
O público seguindo a inauguración do monumento a Curros o 11 de agosto de 1934. Á esquerda, membros das corais que participaron no acto.
Fonte: Arquivo da RAG
De esquerda a dereita José Estadella y Arnó, Manuel Lugrís, Niceto Alcalá Zamora pronunciando o seu discurso e Alfredo Suárez Ferrín.
Fonte: Arquivo da RAG
Plano xeral do monumento a Curros Enríquez esculpido por Asorey instalado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.
Fonte: Arquivo da RAG
Detalle do monumento a Curros, coa representación do poeta en primeiro termo.
Fonte: Arquivo da RAG
Neste mesmo espazo pode consultarse o documento das bases da convocatoria para o concurso de proxectos, presentada en 1927 e que ficou deserta, e mais as bases do segundo concurso, de 1928. Ambos os folletos inclúen un plano do emprazamento previsto para o conxunto escultórico e un texto do académico Eladio Rodríguez González sobre Curros xunto cunha listaxe das súas obras.
Segundo recolleu a prensa da época, a presentación do monumento constituíu un acto de grande importancia social e política. A celebración mesmo contou coa presenza do daquela presidente a II República, Niceto Alcalá Zamora, quen lle dedicou un extenso discurso ao poeta de Celanova que se pode consultar nestas páxinas de La Voz de Galicia do día seguinte.