Fotogalería Iniciativas
A creación da Biblioteca da Academia precedeu a inauguración oficial da propia institución en setembro de 1906, pois comezou a recibir os seus primeiros libros a partir de decembro de 1905.
Ao longo da presidencia de Murguía e de Martínez Salazar temos constancia da entrada de máis de sete mil libros e folletos. Estes procedían maiormente de doazóns, aínda que tamén de compras e de intercambios. Podemos destacar dúas importantes doazóns recibidas neste período: a dos libros do antigo convento de Montefaro, entregados en 1919, e a da biblioteca persoal de José Fontela Leal, enviada dende Cuba en 1920.
Dúas follas do antigo libro de rexistro da Biblioteca onde se consignou a entrada dos libros de Fontenla Leal.
Real Academia Galega. Arquivo
Ao mesmo tempo que se formaba a Biblioteca tamén se procedía a organizar un Arquivo para albergar os documentos que se ían recibindo procedentes de xenerosas doazóns.
Durante o período que nos ocupa, moitas desas doazóns consistiron en materiais lexicográficos que estaban destinados á realización do dicionario galego da Academia. Mais o Arquivo tamén se foi enriquecendo coa entrada de manuscritos medievais ou da época moderna, de debuxos e fotografías.
Folla cun fragmento da versión galega das Partidas de Afonso X pertencente aos documentos do académico Eladio Oviedo Arce doados en 1918.
Primeira páxina da Historia de Galicia de Benito Vázquez escrita no século XVII, manuscrito ofrecido por Andrés Martínez Salazar en 1923.
Real Academia Galega. Arquivo
Ademais de libros e manuscritos, a Academia tamén foi recibindo dende os seus inicios as doazóns de diversos obxectos cos cales se procedeu a crear o Museo da institución.
Cadros, estatuas, medallas conmemorativas e algunha peza arqueolóxica foron as primeiras incorporacións ao noso Museo durante a presidencia de Manuel Murguía. Delas podemos salientar o retrato de Rosalía de Castro realizado por Máximo Ramos; o cadro de Germán Taibo titulado “A Fonte da Fábrica de Mistos”; así como dúas esculturas en madeira do século XVIII procedentes da abadía de Sobrado dos Monxes.
Cadro de Máximo Ramos e unha das tallas da abadía de Sobrado.
Real Academia Galega. Museo
Para organizar a Biblioteca e o Arquivo, e tamén para custodiar as pezas do Museo, os Estatutos contemplaban o nomeamento dun Bibliotecario-Arquiveiro. Este era un cargo remunerado que debía desempeñar un académico correspondente e que podía ser ocupado a perpetuidade. As súas funcións incluían ademais a administración do Boletín publicado pola Academia.
O primeiro Bibliotecario-Arquiveiro foi Galo Salinas Rodríguez, quen ocupou o cargo dende setembro de 1905 ata a súa dimisión en xuño de 1907. O seu substituto, César Vaamonde Lores, mantívose no posto dende xullo de 1907 ata a súa morte acontecida no mes de xuño de 1942 e xogou un papel moi importante no funcionamento da Academia.
Retratos de Galo Salinas Rodríguez e de César Vaamonde Lores.
Real Academia Galega. Biblioteca e Hemeroteca
Crear unha Sociedade Galega de Excursións estivo entre as primeiras iniciativas da Academia e para iso redactouse en setembro de 1905 un regulamento que debía determinar os seus obxectivos e rexer o seu funcionamento. A misión da sociedade era realizar excursións pola xeografía galega para levar a cabo estudos sobre arte, historia, lingua e cultura popular. Dela formarían parte tanto académicos como persoas non pertencentes á institución que constarían como “académicos adxuntos”.
A súa actividade inaugurouse no verán de 1907 coa visita organizada por Ángel del Castillo á igrexa medieval existente no cumio do monte Breamo. Aparentemente esta primeira excursión da sociedade foi tamén a única, pois non se coñecen outras referencias á súa actividade.
Noticia da excursión ao monte Breamo no número 15 do Boletín.
BRAG 15 (20/10/1907). Real Academia Galega. Hemeroteca


