Retrato de Rosalía de Castro, por Máximo Ramos

Retrato de Rosalia ao óleo, por Máximo Ramos
Retrato de Rosalía de Castro, de Máximo Ramos


De Máximo Ramos sabemos que tivo unha vida novelesca que o levou a viaxar por gran parte do continente americano nos primeiros anos da década dos dez (século XX). Entre os países que visitou atopábase Cuba, lugar onde con total seguridade contactou con membros da diáspora implicados coa Asociación Protectora da Academia.

Máximo Ramos, que destacou sobre todo no campo da ilustración e o gravado, posiblemente fose o mellor gravador galego, xunto con Castro Gil, do pasado século. Na súa honra vénse celebrando desde hai case trinta anos, en Ferrol, un concurso de gravado que leva o seu nome.

A súa arte é dunha gran variedade estética. Partindo sempre da figuración, bebe das fontes do romanticismo, do realismo, do simbolismo; todo isto sen que se deixe de apreciar a influencia da estampa xaponesa e o modernismo anglosaxón. Ás veces, nun mesmo tempo cronolóxico, practica estilos opostos. O exemplo máis paradigmático desta diversidade estilística encontrámolo no tratamento estético da figura da muller. Por un lado, temos o seu traballo como ilustrador das contraportadas de revistas como Blanco y Negro e La Esfera, onde se pode apreciar a súa vertente modernista, en que se idealiza a muller mediante figuras femininas esveltas e elegantes, vestidas á última moda, fieis representantes dunha sociedade frívola e cosmopolita. Por outro lado, realiza ilustracións en novelas de tipo social, onde recrea de maneira case expresionista os rostros escuros e desesperados dos desherdados. Tanto chegou a implicarse nesta tarefa que mesmo sería o autor dunha destas novelas, publicada en Madrid e titulada Mientras llega la hora, obra de temática revolucionaria, influída polo anarquismo, para uns, e polo comunismo, para outros.

Autoretrato en primeiro plano do pintor
Autoretrato do pintor

Máximo Ramos foi un pintor, un debuxante e un gravador, practicamente autodidacta, que naceu na Graña, Ferrol, en 1880 e morreu en Madrid en 1944.

Pola súa banda, Rosalía de Castro foi, desde os inicios do movemento rexionalista, o símbolo vivente da reivindicación e a dignificación da cultura propia do país, responsabilidade que, lonxe de desaparecer co seu pasamento, se vería reforzada e a convertería na verdadeira matriarca da cultura galega.

Esta conversión de Rosalía en icona da galeguidade foi moi temperá, desde o traslado dos seus restos a Compostela nos albores da derradeira década do século XIX, pasando polo monumento inaugurado en 1917 na Alameda desta mesma cidade, aproveitando o 80 aniversario do nacemento da poetisa, e rematando coa creación do Día das Letras Galegas un 17 de maio de hai cincuenta anos, en que se empregou o centenario da edición de Cantares gallegos como afortunadísima escusa para dar un chisco de luz nun tempo sombrizo. Grandes momentos históricos todos eles que, con todo, non resumen o enorme afecto que lle tributou a sociedade galega mediante centos de homenaxes de toda índole, ao longo de máis dun século, a súa poetisa máis senlleira.

Unha desas homenaxes é o retrato ao óleo que custodiamos na Real Academia Galega, obra de Máximo Ramos realizada en 1914, que foi encargada e sufragada pola Asociación Iniciadora e Protectora da Academia na Habana, auténtico alicerce da institución académica na diaspora, que ademais de ter como misión fundamental a promoción dunha Academia para a lingua, tamén pretendía unha rexeneración cultural do país.

Con esta vontade rexeneradora a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia encargou a Máximo Ramos catro retratos, entre eles o de Rosalía. As outras figuras homenaxeadas, todas elas mulleres, eran Emilia Pardo Bazán, Cocepción Arenal e Juana de Vega. A intención de tal encargo semella clara: dar a coñecer e valorar as principais figuras femininas da cultura de Galicia no século XIX.

Descoñecemos se os demais retratos foron rematados e cal foi o seu destino, pero no caso do de Rosalía podemos afirmar, pola correspondencia entre Máximo Ramos e a Real Academia Galega, que a pintura estaba acabada en setembro de 1914 e que un ano máis tarde foi entregada á Academia polo propio autor. O seu destino sería a modesta sala de actos da institución, daquela situada nun piso da rúa Rego de Auga, onde presidiría as reunións dos académicos ao longo de case un século, acompañando sempre á Real Academia Galega no seu periplo por diferentes sedes. Este retrato de Rosalía non pertence a ningunha das categorías de muller recorrentes na obra de Máximo ramos antes mencionadas, senón que é, máis ben, unha mestura de ambas as dúas. Cunha paisaxe de fondo debedora tanto do seu paisano Pérez Villamil coma dos impresionistas franceses, nunha adaptación á enxebreza galega, aparece en primeiro plano a figura dunha Rosalía con expresión de serenidade na cara, vestida sen adornos, humilde, mais chea da dignidade que lle confire ser a poeta dun pobo.