Fotogalería Curros
Comprometido desde primeira hora coa creación dunha Academia que unificase o idioma, Curros Enríquez actuou como unha verdadeira ponte entre os intelectuais rexionalistas do interior liderados por Murguía, que dispuñan do prestixio cultural, e a comunidade galega na diáspora cubana que —a través da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia da Habana, que el presidiu— forneceu os recursos económicos e impulso político necesario para levar adiante a empresa.
Retrato de Manuel Curros Enríquez.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
En 1904 Curros visitará Galicia por derradeira vez na súa vida. Chegou o 30 de abril ao porto da Coruña e pasarían seis meses ata o seu retorno a Cuba.
O 21 de outubro dese ano, xa próxima a fin da súa estadía, e por iniciativa de diversas sociedades culturais e recreativas coruñesas, celebrouse no Teatro Principal da Coruña (hoxe, Rosalía de Castro) unha “velada literaria”, na que foi agasallado cunha coroa de ouro e prata creada por Isidoro Brocos para esta emotiva homenaxe.
Até ese intre o feito de coroar un poeta fora insólito en Galicia. Nunca antes se coroara ninguén nas artes do noso país. A coroa de loureiro era aquela coa que os pobos, na cultura grecorromana, adornaban a cabeza dos heroes vitoriosos e dos poetas, porque os antigos lles atribuían ás polas desta árbore o don do entusiasmo e o da profecía.
Retrato de Manuel Curros Enríquez cos promotores da coroación poética. De esquerda a dereita: Urbano González Varela, Manuel Casás e Alejandro Barreiro.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
A coroa foi deseñada polo escultor santiagués Isidoro Brocos e elaborada polo xoieiro Pedro Menlle no obradoiro de ourivería de Arellano. A peza componse de dous ramallos con froito, de loureiro e carballo, cinguidos por unha fita coa dedicatoria; no centro, unha lira —símbolo clásico da poesía—, un medallón de perfil co retrato do escritor e, na base, o escudo de Galicia.
Coroa de Curros Enríquez. Isidoro Brocos
Fonte: Real Academia Galega
Na noite do 21 de outubro recitáronse seis dos 25 poemas escritos para a ocasión: Bernardo Bermúdez Jambrina recitou os de Pondal, Barcia Caballero e Labarta Pose, e Filomena Dato, Salvador Golpe e Manuel Lugrís Freiré creacións propias. Alejandro Barreiro deu lectura ás adhesións, case un centenar entre persoas e institucións. Na quenda dos oradores participaron Alfredo Vicenti, Urbano González —que leu o discurso de Manuel Murguía, quen presidía a velada— e Manuel Casás. O orfeón coruñés El Eco fixo catro intervencións.
“Programa de la Velada Literaria que en honor al insigne poeta, gloria de Galicia D. Manuel Curros Enriquez...” (1904). “Velada Literaria en honor de Curros Enriquez. Invitación” (1904).
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
O acto clausurouno o propio Curros, coa lectura do seu poema «Ao pobo cruñés”, sentida peza de despedida antes de emprender, por segunda e derradeira vez, o camiño do exilio americano.
La Voz de Galicia cualifica de “grandiosa” a ovación dispensada a Curros ao finalizar a lectura dos seus versos. Mentres os asistentes aplaudían, “Desde la tramoya y de todas las localidades altas, cayó una lluvia de flores, versos y palomas”. Choveron tamén, sobre os sorprendidos asistentes, centos e centos de follas impresas de distintas cores que contiñan os poemas escritos para a ocasión.
No ano 2001, a Real Academia Galega editou un volume sobre a coroa poética a Curros precedido dun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero.
“Ao pobo cruñés” (1904). Manuel Curros Enríquez.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Da mesma ocasión é a imaxe que se considera o retrato dos fundadores da Academia. Sentados arredor de Curros están José Ogea, Manuel Murguía e Andrés Martínez Salazar. De pé, Uxío Carré, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Curros morre na Habana o 7 de marzo de 1908 e foi enterrado na Coruña, onde aínda están as súas cinzas, o 2 de abril dese ano. Corenta mil persoas acompañaron a Curros ata o cemiterio de Santo Amaro. Un acto multitudinario percorreu as rúas da cidade, presidido polas autoridades políticas e académicas, polo mundo societario dunha e doutra ribeira, polas masas corais, con estandartes e pendóns despregados.
A súa morte temperá supuxo unha verdadeira conmoción tanto en Galicia coma en América, e a Real Academia Galega asumiu un rol protagonista tanto na súa repatriación e multitudinario funeral na Coruña coma nos diversos actos na súa memoria.
Composición de imaxes da comitiva fúnebre e o enterro de Curros Enríquez.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo


