Manuel Curros Enríquez

Ano 1967

Manuel Curros Enríquez

1/6

Biografía

Manuel Curros Enríquez é unha das voces fundamentais do Rexurdimento, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, e a súa poética, de marcado carácter cívico, converteuno en exemplo para posteriores autores comprometidos.

Naceu en Celanova o 15 de setembro de 1851. Aos quince anos marchou a Madrid, onde cursou o bacharelato e Dereito, carreira que non chegou a rematar. Na cidade participou na Revolución de 1868 que derrocou a Isabel II, seguindo a ideoloxía republicana-progresista, e ingresou como escribente no Concello de Madrid. Así mesmo participou nos círculos literarios e comezou a súa carreira xornalística. En 1871 casou, polo civil, con Modesta Luísa Polonia Vázquez Rodríguez; en 1877 celebrou o seu matrimonio canónico; e anos máis tarde separouse. No mesmo 1877 gañou un certame poético en Ourense cos poemas "Unha boda en Einibó", "O gueiteiro" e "A Virxe do Cristal". A partir dese momento, o xa poeta galego Curros Enríquez estableceuse en Ourense para traballar como funcionario de Facenda.

Iniciouse, entón, unha etapa de estabilidade que axiña se viu truncada polas malas relacións do autor coa igrexa católica, que se fixeron evidentes coa publicación en 1880 de Aires d'a miña terra, en que se inclúen poemas de corte anticlerical como "A igrexa fría" ou "Mirando ao chau". O libro acadou un éxito inmediato, acrecentado en parte por unha denuncia do bispo de Ourense na que solicitaba a súa confiscación. Curros foi xulgado e absolto, pero a obra foi mesmo reeditada en 1881 e 1886. Con todo, este enfrontamento coa sociedade clerical ourensá levouno a marchar a Madrid en 1883. Alí exerceu o xornalismo na redacción de El Porvenir e como redactor xefe de El País, ao tempo que escribiu O divino sainete (1888), obra satírica con novas e reforzadas críticas á xerarquía eclesiástica.

En 1894 emigrou a Cuba e retomou o xornalismo coa dirección de La Tierra Gallega e na redacción de El Diario de las Familias ou Diario de la Marina. Nesta altura comezou a complementar os seus ideais republicanos co rexionalismo máis progresista. En 1904 viaxou á Coruña, onde concibiu, xunto con Manuel Murguía, a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, trabe da futura Real Academia Galega.

Xa enfermo e tras ser homenaxeado na Coruña e en Madrid, regresou a Cuba ese mesmo ano. Alí faleceu na Habana o 7 de marzo de 1908. Os seus restos mortais foron embarcados para A Coruña, a onde chegaron o 31 de marzo para seren soterrados no cemiterio de San Amaro.

Xesús Alonso Montero sobre Curros Enríquez.

Obra

Poesía

- Aires dá miña terra: coleución de poesías gallegas. Madrid: Tip. de A. Otero, 1880.
- O divino sainete: poema en oito cantos. A Coruña: Ferrer, 1888.
- A virxe do Cristal. Vigo: Castrelos, 1969.

Escolmas e estudos sobre o autor

- ALONSO GIRGADO, L. e FARIÑA MIRANDA, C. (eds.)
Actas do Comité Pro-Centenario do nacemento de Curros Enríquez: A Habana, 1951. Santiago de Compostela: Follas Novas, 2002.
- ALONSO MONTERO, X.
Obras Completas. A Coruña: Xuntanza, 1989. 2 v.
- ALONSO MONTERO, X. (ed.)
A coroación de Curros Enríquez (A Coruña, 21 de outubro de 1904). A Coruña: Real Academia Galega, 2001.
- ALONSO MONTERO, X.
Curros Enríquez no franquismo (1936-1971). Santa Comba: TresCtres, 2003.
- ALONSO MONTERO, X. e MONTEAGUDO ROMERO, E. (eds.)
Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo": Celanova 13-15 de setembro de 2001. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2004.
- BENITO REZA, X.
Manuel Curros Enríquez: xornalista, precursor, poeta civil de Galicia, o gran rebelde. Vigo: Ir Indo, 2001.
- CARRÉ ALVARELLOS, L.
Manuel Curros Enríquez. Súa vida e súa obra: ensaio bio-bibliográfico. Bos Aires: Ed. Galicia, 1953.
- CASARES, C.
Curros Enríquez. Vigo: Galaxia, 1980.
- CONSELLERÍA DE CULTURA (ed.)
Manuel Curros Enríquez: 90º aniversario do seu pasamento. A Coruña, 6 de marzo de 1998. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1998.
- FERREIRO, C. E.
Curros Enríquez: biografía. A Coruña: Moret, 1954.
- LÓPEZ VARELA, E. (ed.)
A poesía galega de Manuel Curros Enríquez. A Coruña: Deputación Provincial, 1998.
- MONTERO PREGO, B. (ed.)
O proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880-1881). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001.
- PONTE FAR, J. A. (dir.)
Manuel Curros Enríquez (1851-1908). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.
- RODRÍGUEZ, F.
A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez. Vigo: Galaxia, 1972.