Fotogalería Arquivo

O 5 de xuño de 1932 Castelao impartía no Salón Doré da Coruña a conferencia “Leria sentimental e humorística”, organizada polo Ateneo Santa Lucía. Na imaxe, sentados, Castelao, Manuel Lugrís Freire e o violinista Manuel Quiroga. De pé, entre outros, Antón Vilar Ponte, Plácido Castro, Ramón Vilar Ponte, Urbano Lugrís e Pedro Galán Calvete.

Homenaxe das Irmandades da Fala a Castelao en Lugo, 19 de xuño de 1932.
No centro, Manuel Rodrigues Lapa, Manuel Lugrís Freire e Castelao. Á esquerda deles, entre outros, Ramón Vilar Ponte, Francisco Fernández del Riego, Antón Vilar Ponte, Plácido Castro, Ramón Otero Pedrayo, Rodríguez Somoza, Manuel Beiras... Á dereita deles Ramón Suárez Picallo, Carlos Maside, Alexandre Bóveda...

Recepción de Castelao como académico de número da Real Academia Galega, 25 de xullo de 1934. De pé, de esquerda a dereita Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador, Gonzalo López Abente, Pura González Varela, Celia Brañas Fernández, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés. Sentados, Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Vilar Ponte e Félix Estrada Catoyra.

En 1917, o académico correspondente e galeguista Fernando Cortés fai este retrato de Castelao. Fernando Cortés foi discípulo de Isidoro Brocos e o responsable, entre outras obras, dos bustos de Pondal, Murguía e Pardo Bazán que se conservan na Academia. Foi tamén durante a maior parte da súa carreira o redactor artístico de La Voz de Galicia, debuxando temas de actualidade. Cortés asistiu ao ingreso de Castelao na Academia en 1934, tal e como testemuña a fotografía do acto conservada no Arquivo da Academia.

Banquete da Irmandade Galega en homenaxe ao poeta galego Antón Zapata García, gañador do certame organizado pola Agrupación Democrática del Espectáculo Público para a composición dun himno a Stalingrado, co seu poema “Heroico Stalingrado”. O encontro celebrouse o 19 de decembro de 1942 no restaurante El Liberal, na rúa Paraná 1209, Buenos Aires. Colección Pablo Beade.