-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Doazóns
Na noite do 18 de febreiro de 1978, o Pazo de Meirás sufriu un incendio. Os bombeiros, gardas civís e veciños lograron rescatar gran cantidade de libros pertencentes a biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán, a propietaria e construtora das Torres de Meirás, mais desgraciadamente algúns quedaron danados pola auga e o lume. Despois do incidente, José Luis Bugallal Marchesi propuxo na xunta xeral da Academia que se reclamase a biblioteca para incorporala ao Museo Emilia Pardo Bazán. Posteriormente, o Ministerio de Cultura fixo entrega á Academia dos libros que a “propietaria” do Pazo, Carmen Polo, viúva do ditador, lle entregara, formalizándose o acordo na acta da xunta ordinaria do 17 de decembro de 1978.
A día de hoxe, a biblioteca de Meirás conserva aínda aproximadamente 3.000 volumes pertencentes a Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega leva reclamando a devolución e reunificación destes libros desde hai anos. En 2022 a biblioteca de Emilia Pardo Bazán na súa totalidade foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia, co obxectivo de protexer e eventualmente reunificar este patrimonio bibliográfico.
O 30 de xullo de 1980, Maruxa Fernández, viúva do artista e escritor Luis Seoane (1910-1979), fíxolle entrega a Real Academia Galega da biblioteca do seu home, composta por 2.704 volumes, procedente de Buenos Aires, cidade onde naceu o intelectual e á que tivo que regresar dende Galicia anos despois, debido á súa condición de exiliado por mor da súa ideoloxía política.
Este fondo constitúe un conxunto de extraordinario valor, considerado único no noso país pola súa singularidade, xa que aborda unha temática moi especializada, centrada na pintura do século XX, e ten un carácter internacional polos lugares de publicación das obras e as linguas empregadas, ademais de estar formado por primeiras edicións e exemplares belamente ilustrados, con características físicas individualizadoras que lle engaden aínda máis valor.
Maruxa Fernández portando a medalla de membro de honra da institución. Real Academia Galega. Arquivo
Maruxa Fernández, ao mesmo tempo que lle fixo entrega da biblioteca de arte do seu home á Real Academia Galega, tamén doou unha pintura realizada por Luis Seoane. A peza que custodia a Academia leva por título Sol negro e campesiñas e pertence á derradeira etapa artística de Seoane. Neste período a súa obra caracterízase pola eliminación de todo accesorio superfluo. Estamos perante unha obra tremendamente sintética protagonizada por catro figuras femininas. A muller estivo sempre presente ao longo de toda a pintura do artista, pois a muller labrega era para Seoane a personificación da “matria galega”.
O poeta Gabino Díaz de Herrera (O Barco de Valdeorras, 1906 - A Coruña, 1983) estudou o bacharelato na Coruña, e máis tarde Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Marchou a Madrid en 1925, onde rematou a carreira. Publicou poemas en Galicia Gráfica, Vida Gallega, Almanaque Gallego e Cristal. En 1927 publicou o poemario Abril e ao ano seguinte apareceu a súa tradución ao castelán de El Teniente azul de Colette-Willy. En 1933 obtivo o premio de poesía no concurso da Asociación da Prensa de León e o premio do certame de poesía do Concello de Lugo.
Tras a guerra civil traballou como arquiveiro na Biblioteca Nacional de Madrid. Ao morrer a súa muller trasladouse ao Arquivo do Reino de Galicia da Coruña. Legoulle á Real Academia unha importante colección de pintura contemporánea composta de 24 obras entre óleos, acuarelas e debuxos de autores galegos como Cebreiro ou Compostela e españois como Francisco Mateos, Juan Barjola ou o catalán Shum. O retrato de Díaz de Herrera que podemos apreciar na fotografía, realizado polo pintor coruñés Ricardo Camino en 1927, tamén pertence á colección doada polo poeta e arquiveiro.


