Académicos e académicas

José Luís Bugallal y Marchesi

José Luís Bugallal y Marchesi

A Coruña, 1899 - 1989
Data de ingreso
04/01/1951
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Francisco Vales Villamarín e Ángel del Castillo López
Resposta pronunciada por
Xosé Filgueira Valverde

Escritor e xornalista especializado en temas deportivos e de crítica de arte, asinaba frecuentemente os seus artigos co pseudónimo de Marathon. Practicou tamén o xénero da novela deportiva, na que foi un pioneiro no Estado español, coa publicación de El coloso de Rande (1927).

Nado no seo dunha familia de xornalistas, profesión que exerceron tamén o seu bisavó, Isidoro Araújo de Lira e o seu pai, Isidoro Bugallal. Estudou o bacharelato en Alemaña e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, aínda que nunca chegou a exercer a avogacía. Como xornalista, colaborou con medios locais como El Noroeste, El Orzán ou Marineda e, a partir de 1931, traballou como redactor en El Ideal Gallego. Desde 1940 en adiante, fixoo para o ABC e A Hoja del Lunes de Madrid. Foi ademais reporteiro de revistas como Céltiga ou Vida Gallega, La Marina, La Noche, Finisterre e Sonata Gallega.

Alén do seu labor como xornalista deportivo, Bugallal Marchesi foi un atento cronista da arte galega, sobre todo da pictórica, en libros como Un coruñés en el paisaje de la crítica nacional de arte; Benito Rodríguez Filloy (1950); El sentimiento lírico materno en la pintura de Ovidio Murguía (1951); Exposición conmemorativa del centenario de la muerte de Jenaro Pérez Villamil y del nacimiento de Román Navarro García (1954); Cuatro retratos y cuatro retratistas de Pérez Costales: Meléndez, Pardo Reguera, Picasso y Vaamonde (1956) ou La pintura militar de Víctor Morelli (1971).

No ámbito da creación literaria, Bugallal Marchesi foi o primeiro autor en España dunha novela deportiva, El coloso de Rande (1927), na que recrea a historia dun futbolista coruñés ficticio, o dianteiro Jaime Montalbán, e o seu éxito fulgurante nun deporte, o fútbol, daquela aínda en ascenso cara á categoría de fenómeno de masas. O libro de relatos Cónclave en San Pedro de Nós: cuento de cuentos y de otras historias seguido de otras historias y otros cuentos (1984) constitúe a súa única incursión no eido da narrativa breve.

Xefe da Oficina de Información do Padroado de Turismo da Coruña entre 1929 e 1931, algunha das súas obras, como Compostela, piedra y alma (1983) ou “Las playas ártabras”, sobre os areais da área da Coruña, teñen como obxectivo dar a coñecer de xeito ameno os atractivos turísticos galegos a un público foráneo.

Presidente desde 1939 do coro Cántigas da Terra, a súa obra La gaita en Britania (1956) é a crónica dunha viaxe ao País de Gales do Grupo de Danzas da Obra Sindical Educación y Descanso da Coruña para participar no X Certame Internacional de Música de Eistedfod, en 1956.

Outras das súas áreas de interese foron as vidas de personaxes galegos ilustres, como Sofía Casanova, Isidoro Araújo ou Jenaro Pérez Villamil, aos que tratou en cadansúa monografía.

Foi membro da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña, da Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, da de San Fernando e do Instituto Portugués de Arqueoloxía, Historia e Etnografía. Entre as distincións que se lle outorgaron salientan a encomenda da orde de Afonso X O Sabio.

A Real Academia Galega nomeouno membro correspondente en 1942 por iniciativa de Manuel Casás, Alejandro Barreiro Noya e Francisco Vales Villamarín. Posteriormente, en 1951, ingresou como membro de número a proposta de Manuel Casás, Francisco Vales Villamarín e Ángel del Castillo.