-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Centenario
Ao longo de 2006, baixo a presidencia de Xosé Ramón Barreiro, a Academia celebrou o seu centenario, un dos proxectos institucionais máis ambiciosos promovidos pola corporación desde a súa fundación en 1906. A efeméride constituíu unha reflexión colectiva sobre Galicia e sobre os elementos que forxaran a cultura galega ao longo da historia, situando a Academia como depositaria dese patrimonio común.
A gran realización pública do centenario foi a exposición Galicia, a forza da palabra, inaugurada na Coruña o 16 de novembro de 2006. Comisariada por Xosé Ramón Barreiro e coordinada por Xosé Luís Axeitos, a mostra reuniu centos de pezas procedentes de arquivos, bibliotecas, museos e coleccións particulares de Galicia, da emigración galega en América e de diversos países europeos.
Segundo expuxo Barreiro Fernández no ensaio “Os sinais da nosa identidade histórica” que encabeza o catálogo: «A identidade cultural non se inventa, constátase». Neste sentido, a exhibición pretendía mostrar dous procesos: a consolidación histórica da identidade de Galicia e a súa recuperación polo galeguismo durante os séculos XIX e XX.
A mostra analizaba os sinais da identidade de Galicia, o proceso de configuración do país, a importancia do liberalismo simbolizada en Carral, a historiografía galega, o celtismo como mito cultural, o papel da lingua e da literatura, a dimensión política do galeguismo, os símbolos nacionais, a relevancia da emigración e, finalmente, a creación da Real Academia Galega como culminación do proceso de institucionalización da cultura.
A celebración prestoulle unha especial atención á historia da propia Academia, desde a súa fundación o 30 de setembro de 1906. Destacouse o papel desempeñado por Manuel Murguía, Curros Enríquez, Fontenla Leal e o conxunto do Rexurdimento, así como a contribución decisiva da emigración galega en América. Mais non se procuraba facer, como sinalou o propio Barreiro Fernández, “unha exposición da historia da Academia, senón do que esta simboliza: a lingua e a cultura galegas”.
No marco das celebracións do centenario da Real Academia Galega, a institución organizou o 26 de abril de 2006, ante o seu monumento, unha homenaxe aos Mártires de Carral que incluía unha publicación conmemorativa.
No texto redactado para a ocasión por Xosé Ramón Barreiro, lembrábase que o levantamento de 1846 non constituíra un pronunciamento militar máis, senón un movemento no que participou tamén a mocidade galeguista encabezada por Antolín Faraldo. Aquela xeración foi a primeira que vinculou a defensa das liberdades coa afirmación da identidade de Galicia.
O historiador destacou que aqueles mozos loitaron “pola liberdade e pola patria”, aspirando a unha Galicia “ceibe e forte” e denunciando a condición de “colonia da Corte”, expresión tomada de Antolín Faraldo. “Foron vencidos, pero non fracasaron”, concluía Barreiro, pois o seu exemplo foi seguido por outros que viñeron despois.
O programa incluía un percorrido simbólico polos espazos vinculados á memoria dos Mártires. Desde o monumento de Carral ata o cemiterio de Paleo, onde tomaron a palabra académicos como Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García-Bodaño e Xesús Alonso Montero.
Os actos conmemorativos do centenario repararon tamén noutros fitos da historia recente da cultura galega. Así, o 24 de xuño de 2006, a Academia desprazouse a Tui para lembrar os Xogos froraes de Galicia.
Darío Xohán Cabana interven na lectura dos discursos históricos de 1891, diante do Teatro Principal (24/VI/2006). Real Academia Galega. Arquivo
Folleto editado para a xornada. Real Academia Galega
No mes de outubro a Academia desprazouse a Betanzos para celebrar o primeiro discurso político en galego, pronunciado por Manuel Lugrís Freire o 6 de outubro de 1907.
Xosé Neira Vilas na lectura do mitin de Betanzos (13/X/2006). Real Academia Galega. Arquivo
Folleto editado para a xornada. Real Academia Galega


