'Mar adiante', unha escola diferente a bordo do 'Arroás'

"Se tivese que elixir entre ser escritora e profesora, quedaría sen dubidalo co segundo. Cando me atopei cara a cara coa vida, descubrín que todo era moi duro. E esa dureza hai que combatela dalgún xeito. Por iso empecei a escribir, polo desafogo", contaba María Victoria Moreno nunha entrevista en Fada Morgana en 1999. A teor desta palabras, non resulta estraño que o primeiro libro que publicou, Mar adiante (1973) -dez anos despois de establecerse en Galicia-, fose unha obra pioneira na literatura galega non só por ser das primeiras saídas do prelo para o público máis cativo, senón tamén pola temática que introduciu: a renovación pedagóxica fronte a unha escola tradicional e autoritaria do momento.

O Arroás visto por María Victoria Moreno. A escritora realizou as ilustracións das páxinas interiores da primeira edición de Mar adiante.


A protagonista do Día das Letras Galegas 2018 empezara a escribir en castelán e para adultos. En 1969 quedou finalista no Premio Café Gijón coa novela Alcores de Donalvar (publicada en 2009 en galego co título Onde o aire non era brisa) e en 1971 gañou o primeiro premio nos Xogos Florais de Guimaraes co relato "La casa de las Marías", aínda que tamén competiu nesta cita co conto en galego "A gaiola". Co gallo deste galardón, nunha entrevista respondeu á pregunta sobre o que estaba a escribir nese momento cunha mentira que se converteu en realidade: en lugar de confesar que non estaba traballando en ningunha obra, asegurou que estaba a escribir "un libriño para nenos en galego". "O caso é que quedei con moi mala conciencia, que non deixei de darlle voltas a aquel erro e que me sentín no compromiso de escribir o libro anunciado. O remate deste embrollo vai resultar difícil de crer, pero xuro que agora non minto: unha noite soñei Mar adiante enteiro, desde o comezo ata a fin, escribino nunhas vacacións de Nadal, con todas as palabras que eu sabía daquela, e xa asinei para sempre o meu compromiso coa lingua e cos nenos de Galicia: só escribo en galego, só escribo para nenos", rememoraba ela mesma no Congreso de Poetas Alófonos en Lingua Galega (1993), onde definiu a súa relación coa lingua como unha "amorosa autofonía".

O lirismo, a tenrura e a fantasía marcan as aventuras vividas e narradas a bordo do Arroás, en diálogo con fábulas e contos tradicionais que María Victoria Moreno revisa. É o caso do conto de Mariquiña, quizais unha das primeiras actualizacións de Carapuchiña Vermella clásica nas que o lobo se converte nun personaxe bondadoso disposto a axudala. Como noutros libros posteriores, a propia María Victoria Moreno está moi presente en Mar adiante, a historia dun barquiño, o Arroás, convertido nunha escola onde aprender as cousas importantes da vida nuns tempos en que o ensino seguía marcado en boa medida polo autoritarismo e a represión. A mestra narradora é unha "profesora nun colexio moi grande dunha gran cidade" que recorda a súa experiencia como docente nesta embarcación convertida nun centro de ensino para os nenos e nenas de Portosouril que apostaba pola aprendizaxe empírica e os valores progresistas: "O Arroás foi certamente unha escola diferente porque os rapaces aprenderon moitas cousas nos días que botaron nela. Pero aprendéronas falando co capitán, xogando cos mariñeiros, ollando as estrelas ou mesmo facendo trasnadas cando os maiores non os viamos. A táboa do sete pareceunos a todos moi cativa cando, lonxe de Portosouril, nos decatamos de que non servía para ter conta das gaivotas".

Outro conto inserido en Mar adiante é "Crarisa e o luceiro", co que a autora gañara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís "O Facho" en 1972.·Para a crítica literaria Isabel Mociño, esta fábula establece outro xogo de metanarrativa que remite cara a títulos como "A ratiña presumida", encarnando a liberdade de decidir sobre a vida propia, "de loitar por unha ilusión e rexeitar as proposicións de pretendentes para casar". A investigadora salienta tamén en O traballo das mulleres na LIX: o rural e o mar en tres obras pioneiras o protagonismo que ostentan as mulleres en Mar adiante, que representa ademais "un recoñecemento para as mestras e mestres que ao longo da historia levaron a cabo o seu labor en Galicia".

Mar adiante foi prologada por Xesús Alonso Montero, a quen María Victoria coñeceu cando foi destinada ao Instituto Masculino de Lugo. Ambos establecerían unha fonda amizade que quedou reflectida nos nomes de parte do alumnado do Arroás, os dos fillos do profesor e académico, o mestre do seu compromiso coa lingua galega, chegou a asegurar a escritora.

A primeira edición do título, publicada por Ediciós do Castro, foi ilustrada nas páxinas interiores pola propia escritora e a cuberta asinouna Carmen Arias, Mimina, compañeira en Cerámicas do Castro e na vida de Isaac Díaz Pardo. A segunda edición, no mesmo selo, leva debuxos de Araceli Liste. Mar adiante pode atoparse agora no catálogo de Xerais con ilustracións de Manuel Uhía.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar