'Castelao na Academia'

Con motivo do octoxésimo aniversario do ingreso de Castelao na Academia, recollemos nunha publicación tres textos autógrafos do artista e político rianxeiro atesourados nesta institución.
Foto de familia do acto de ingreso de Castelao na Academia
Recepción de Castelao na Academia, 25 de xullo de 1934. De pé: Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador Lines, Gonzalo López Abente, Pura González Varela, Celia Brañas Fernández, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugia. Sentados: Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra


O primeiro deles, Arte e galeguismo, é unha conferencia pronunciada o 19 de outubro de 1919 nas instalacións da Irmandade da Fala coruñesa co gallo dunha exposición do pintor Imeldo Corral, na que Castelao introduce consideracións estéticas como a seguinte que posúen aínda hoxe unha gran actualidade: "Hainos tan parvos que lle mandan dar unha man de cemento á súa casa de canteiría pra imitar dispois canteiría, que ven a sere o mesmo que darlle purpurina ô verdadeiro ouro".

O segundo é a narración O retrato, publicado primeiramente na revista Nós de xullo de 1927, e que será máis tarde incorporado ao volume Retrincos en 1934, con ilustracións de Maside. A última peza recollida é a disertación Humorismo, debuxo humorístico, caricatura, pronunciada por Castelao en marzo de 1920 no Círculo de Artesáns da Coruña, e que contén o xermolo dunha das súas narracións máis coñecidas: Un ollo de vidro: memorias dun esquelete, que será publicada en formato libro por Céltiga en 1922.

Esta colectánea vai precedida dun limiar introdutorio do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, editor, no ano 2000, das Obras completas de Castelao, ademais de socio e vicepresidente, entre o ano 1996 e o 2000, da fundación que leva o nome do polígrafo rianxeiro.

Esta publicación pódese descargar aquí.

Así mesmo, nestoutra ligazón, pódese consultar a obra Presencia de Castelao na Academia, publicada polo presidente desta institución, Xesús Alonso Montero en 1999.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete