Unha tradución singular para celebrar o Día dos Arquivos

En 1948, a UNESCO declarou o 9 de xuño Día Internacional dos Arquivos. Milleiros de fotografías, cartas, actas notariais ou libros de rexistro, dende o século XIII ata os nosos días e procedentes de fondos persoais, mosteiros ou empresas, conforman o da Real Academia Galega. Entre todos eles, figuran as versións en galego do xeneral retirado Juan Beceiro Amado d'O Quixote e de distintas lendas irlandesas como "Oisín and Tír Na NÓg", coa que o arquivo da RAG celebra esta xornada.

O 8 de novembro do 2013, Juan Luis Beceiro García, fillo de Juan Beceiro Amado, dooulle ao arquivo da Real Academia Galega un conxunto de traducións literarias do seu proxenitor, entre as que figuran títulos como O Quixote de Cervantes, A Odisea de Homero, Vida e miragres do Lazarillo de Tormes e os "Contos populares e lendas d'a Eirin".

Juan Beceiro Amado naceu en Serantes (Ferrol) no ano 1903 e desenvolveu a carreira militar en distintos destinos fóra de Galicia, volvendo a Galicia só durante as vacacións. Nin sequera cando se retirou no ano 1967 volveu vivir na terra natal. Por motivos de saúde, recomendáronlle permanecer nun clima cálido e ficou en Granada, dende onde asinou en 1973 os "Contos populares e leendas d'a Irlanda". Estas traducións, manuscritas cunha letra exquisita e encadernadas en pel, amosan un emprego asistemático da lingua, propio da época, e contan tamén cun valor histórico, xa que moitas delas son das primeiras traducións ao galego que se coñecen. É o caso da que fixo d'O Quixote, a primeira completa da gran novela de Cervantes.


Facendo click na foto pode vela ampliada


Os "Contos e lendas d'a Eirin" teñen outro valor engadido, xa que foron parte das historias que inspiraron unha xeración enteira sobre o celtismo do pobo galaico –Manuel Murguía, entre outros ilustres– e que influíron tamén no mesmo Juan Beceiro.

O fragmento elixido para a celebración do Día Internacional dos Arquivos é parte do ciclo ossiánico da mitoloxía irlandesa, e conta parte das aventuras do máis grande bardo da lírica irlandesa, Ossian ou Oisín. Neste relato (Echtra) coñece e namórase da filla dun deus do mar, que o leva con ela a vivir á terra da sempiterna xuventude ou a terra da mocidade (Tír Na Nóg). No lapso de tempo da súa estadía, tres anos, transcorren 300 na súa Irlanda natal.

Prema en cada imaxe para vela ampliada.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete