A Fundación Celso Emilio Ferreiro publica a versión orixinal de "Miña Matria Galicia" no seu cincuenta aniversario

Quixera nomear cúnha palabra / o antigo donaire, / a frol que non se murcha, / a serán sosegada, / a mansa pomba, / a luz da fe, na inerminabel tebra. / Direille, Rosalía. Celso Emilio Ferreiro concluía así en 1968 o poema "Miña Matria Galicia", gañador do Premio Rosalía de Castro ao mellor "Canto á muller galega" dos Xogos Florais do Idioma Galego organizados na capital arxentina. Cincuenta anos despois, a composición, que veu a luz un ano máis tarde na Editorial Nós de Buenos Aires, mereceu unha edición especial encargada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro que reproduce aquela versión orixinal. A entidade agasallou a Real Academia Galega con exemplares desta tiraxe numerada, unha pequena xoia feita en papel artesanal con deseño e estampación asinada polo pintor e editor José Noriega.

Pola esquerda, Luís Ferreiro, Víctor F. Freixanes, Alicia Ribas e Xavier Ferreiro. Fonte: RAG


O presidente e o director da entidade e fillos do escritor, Xavier e Luís Ferreiro Loredo, e Alicia Ribas, membro do seu padroado, mantiveron onte un encontro co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no que agasallaron a Academia con exemplares desta edición exenta de "Miña Matria Galega", dedicado á escritora fundacional das letras galegas contemporáneas. Malia a súa beleza, "dalgún xeito, este poema permeneceu relegado dentro da obra do poeta, foi moi poucas veces citado", explica Xavier Ferreiro.

A nova tiraxe de "Miña Matria Galicia" imprentouse no que foi o muíño de Velliza, en Valladolid, que hoxe acubilla os obradoiros de El Gato Gris Ediciones. O seu responsable, José Noriega, asumiu con entusiasmo o proxecto vinculado a Celso Emilio, un poeta que coñeceu en plena ditadura cando a súa dona lle regalou un exemplar de Longa noite de pedra.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete