A Real Academia Galega homenaxeará a Salvador García-Bodaño o Día da Poesía

Os versos de Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) encherán o 21 de marzo a Real Academia Galega. A institución dedicaralle ao escritor e académico o Día Mundial da Poesía cun recital público no que voces das letras galegas de distintas idades lerán e comentarán poemas do autor, un dos grandes nomes da xeración dos 50. A parte musical correrá a cargo de Miro Casabella, que converteu versos do homenaxeado en cancións. O académico de honra Arcadio López-Casanova, compañeiro naqueles anos, asina a loanza da homenaxe.

A celebración terá lugar a partir das 19:30 horas do xoves 21 de marzo no salón de actos da RAG, institución á que Salvador García-Bodaño pertence como membro de número desde 1992. Recitarán os seus versos Dorés Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da Academia Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre. Andrea Porto conducirá o acto, que abrirá o presidente Víctor F. Freixanes e pechará o académico Xesús Alonso.

Salvador García-Bodaño deuse a coñecer como membro da xeración das Festas Minervais, certame recuperado no Santiago dos anos 50 no que foi galardoado en distintas ocasións, e confirmouse como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967). Neste volume, singular no seu momento, conflúen xa o galeguismo e o existencialismo, dúas correntes fundamentais na súa formación intelectual que marcarán a súa traxectoria; e rexen tamén dous dos seus eixes: o amor á terra, á Galicia que dá nome ao poema que abre o libro, e retratada tamén a través de versos de homenaxe aos distintos escritores; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal. O intimismo marca tanto a súa poesía do amor como a poesía civil, en contraste coa poesía social predominante nos seus anos de mocidade.

En 1978 saíu do prelo o seu seguinte título, Tempo de Compostela, merecedor do Premio da Crítica de Poesía Galega. Nestas páxinas a protagonista é o seu terceiro obxecto de atención poética, o seu espazo vital por excelencia: a cidade de Santiago. A urbe é aquí retratada cun alento entre lírico e épico absolutamente novidosos na literatura dedicada á localidade, advertía Carlos Casares na resposta que lle deu a Salvador García-Bodaño no discurso de ingreso na Real Academia Galega (1992), Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, outra homenaxe á cidade que fixo súa.

Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992) Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento aparece recompilada en Obra poética (Espiral Maior) e un ano despois sae do prelo a plaquette Pegadas no alcatrán (Café Central), un retrato crítico da decadencia da vida nas cidades que avanzaba a modernidade poética acadada en Cidade virtual (Biblos, 2003).

Xunto a outros títulos individuais, a obra do autor complétase con numerosas contribucións a volumes colectivos e unha intensa produción como articulista na prensa, que continúa na actualidade cunha columna dominical en El Correo Gallego. Cómpre sinalar ademais o seu labor como tradutor, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), centrado nas páxinas dedicadas a Galicia polo escritor George Borrow no seu The Bible in Spain (1843).

O académico desenvolveu tamén desde moi novo un intenso activismo cultural. Foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo, do Instituto Galego da Información, do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outras entidades.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 26 de marzo de 2019 / 19:30 h
Comba Campoi e Manuel Lorenzo falan sobre os monicreques de Barriga Verde
Sábado 6 de abril de 2019 / 12:00 h
Pleno extraordinario de recepción como académica de Ana Romaní - Noia

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar