A obra de Quintanilla que escandalizou os puritanos
Xaime Quintanilla formou parte das Irmandades da Fala desde o momento da constitución, en 1916, cando se uniu á agrupación de Compostela, onde estudaba Medicina, e tras establecerse en Ferrol xogou un papel importante para que se fundase nesa cidade unha irmandade local. Alí foi tamén un dos nomes que converteron o grupo ferrolán nunha referencia para o novo teatro galego. Donosiña, estreada en 1921 no Teatro Jofre, é boa mostra deses novos aires que lle imprimiron á dramaturxia. A Academia conserva o manuscrito da obra, que comparte en versión dixital na sección As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia.

Fragmento do manuscrito: parte do segundo acto de Donosiña
As Irmandades da Fala procuraron a renovación do teatro e sacar proveito del como ferramenta sociolingüística. Deixaron así atrás os ambientes rurais das obras costumistas rexionalistas, tratando de espallar a idea, a través de novos escenarios, tramas e personaxes, de que o galego era unha lingua válida para calquera contexto, incluídos os das clases sociais media e alta.
Con este propósito, en 1919 crearon o Conservatorio Nacional de Arte Galega, cuxa primeira obra foi A man de santiña, de Ramón Cabanillas, estreada o 22 de abril de 1919 no Pavillón Lino da Coruña. Pouco despois anunciábase que empezarían os ensaios de Donosiña, de Xaime Quintanilla, pero o Conservatorio nunca estreou a obra, que xiraba arredor dun caso de adulterio e o matrimonio de conveniencia. O tema, ou sobre todo o xeito de abordalo, puido ser unha das causas de desavinzas no seo das Irmandades da Fala. A polémica rematou coa disolución do Conservatorio Nacional de Arte Galego e o propio autor subiuse ao escenario para representar Donosiña, estreada o 7 de abril de 1920 no Teatro Jofre de Ferrol. Malia a boa acollida do público, a crítica na prensa da época deu tamén conta do rexeitamento que provocou no sector máis reaccionario da sociedade ferrolá, que a cualificou de inmoral.
Quizais por todo isto Donosiña non chegou a publicarse no seu momento. A primeira edición, a cargo da investigadora da Universidade da Coruña Laura Tato, saíu á luz en 1997 na Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor. A profesora é tamén a responsable da edición do volume O teatro nas Irmandades da Fala publicado en 2016 pola Real Academia Galega, que inclúe, entre outras, esta obra. A escolma forma parte da serie de antoloxías da RAG promovida co gallo do centenario das Irmandades.
O manuscrito de Donosiña consérvase no Arquivo da Real Academia Galega desde 2010, cando chegou á rúa Tabernas grazas a unha doazón do escritor Xosé Carballude.

Tapa do caderno no que Xaime Quintanilla escribiu a obra de teatro
Axenda de actos Ver todos |
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia |
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h Charla da campaña Toponimízate nas Neves |
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel |
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade |
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén |
Boletín da Real Academia Galega
nº 379
Cadernos de Lingua
nº 36
Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)
Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega