Académicos e académicas

Xosé María Álvarez Blázquez

Xosé María Álvarez Blázquez

Tui, Pontevedra, 1915 - Vigo, 1985

Xosé María Álvarez Blázquez naceu en Tui o 4 de febreiro de 1915, terceiro dos seis fillos, todos homes, do médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e de María Blázquez Ballester, procedente dunha familia colonial cubana. Seu avó paterno, Emilio Álvarez Jiménez, xabrés de nacemento e moi viaxado antes de aveciñarse en Pontevedra, foi o primeiro escritor en lingua galega da familia, coa obra de teatro histórico María Castaña ou unha revolta popular; seu tío e padriño Xerardo Álvarez Limeses sería o segundo, e proporcionaría, co título do libro dos seus versos, nome para a chamada Xeración de antre dous séculos. Dos seus irmáns, Celso morreu de mozo, e Alfonso, home culto e encantador, abstívose coidadosamente de deixar obra pública; pero Darío, o máis vello, médico coma o pai, foi tamén escritor, agudo ensaísta e conferenciante; Emilio, fino prosista e excelente poeta, deixou unha obra avara pero de gran calidade; e Álvaro, o máis novo, foi un notable artista plástico, creador do pioneiro obradoiro Serigrafía Galega.

Contra 1930, Xosé María publica os seus primeiros poemas en xornais de Pontevedra e Tui, e en 1931 empeza estudos de Maxisterio; no ano seguinte publica Abril, primeiro libro de poemas, en castelán, e funda, con Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal. En 1933 ingresa nas Mocedades do Partido Galeguista, e no ano seguinte, por suxestión de Alexandre Bóveda -seu curmán por matrimonio- organiza en Pontevedra un acto conmemorativo no que pronuncia o discurso Berro en lembranza dos heroes de Carral, inmediatamente impreso pola Federación de Mocedades.

En 1935 ten o seu primeiro destino como mestre na Guarda. En 1936, feitos os vinte e un anos, ingresa no Partido Galeguista, é destinado en Vigo, remata o libro de relatos Os ruíns, empeza a estudar Filosofía e Letras. En xullo, o pobo republicano de Tui resiste heroicamente a rebelión militar; na cabeza da resistencia está o doutor Darío Álvarez Limeses, que será fusilado o 30 de outubro polas autoridades traidoras xunto con outros cinco camaradas. Xosé María é sancionado e desterrado á escola de Coreses, na estepa zamorana, pero non toma posesión porque ten que servir no Hospital Militar San Caetano de Santiago.

Volto á vida civil, exerce como mestre en Coreses ata que en 1941 pide a excedencia voluntaria e se instala en Vigo para montar, con seus irmáns, unha fábrica de tellas e ladrillos en Nigrán, que tivo que pechar en 1945. Neste ano empeza a traballar como secretario na confraría de pescadores de Vigo, e queda finalista no I Premio Nadal de novela con En el pueblo hay caras nuevas. A finais de 1946 casa con María Luísa Cáccamo Freiben, coa que tería seis fillos: María Luísa, chamada Colorín, que morrería mociña; Xosé María, o gran poeta; Alfonso, poeta tamén, e sobre todo fecundo e hábil narrador; Helena, actriz de teatro independente na súa primeira mocidade; Celso, filólogo e poeta; e Berta, a magnífica pintora.

En 1948 funda, con Viñas Cortegoso, a libraría anticuaria Monterrey que, á parte de axudarlle a vivir, lle serviu nas súas obstinadas procuras, tan ben coroadas por tantos éxitos, de escritos en lingua galega dos séculos escuros. En 1949 publica con seu irmán Emilio o libro Poemas de ti e de min, é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. Ao ano seguinte funda, tamén con Viñas Cortegoso, a Editorial Monterrey e publica nela o belísimo libro de poemas Roseira do teu mencer, dedicado á súa filla Colorín.

En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da nosa poesía medieval clásica. En 1953 ten un dos seus maiores gozos da súa intensa vida de arqueólogo: o descubrimento dun rico conxunto de estelas funerarias romanas que hoxe enriquecen o Museo de Castrelos. Empeza a colaborar na radio, actividade na que seguiu ata case a fin da súa vida en diversos programas. En 1954 publica o fermoso Romance do pescador pelerino, e obtén o premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires polo libro de poemas Canle segredo, que infelizmente tardaría máis de vinte anos en publicarse.

En 1955 e 1956 publica dúas novelas en castelán, Las estatuas no hablan e Crecen las aguas. Son anos de intensa actividade literaria e publicística dirixida a complementar os seus pouco abondosos ingresos; gaña diversos premios literarios: o Galdós e o López Cuevillas de novela, o da Asociación da Prensa de Vigo por un traballo sobre Martín Codax, o Ramón Mourente por outro sobre Francisco Añón, tres premios dun golpe nos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães... Participa en congresos e encontros científicos, principalmente en Portugal. En 1959 sae a súa importantísima escolma da poesía galega dos Séculos Escuros e, en 1962, é elixido membro numerario da Academia Galega, na que ingresará en 1964 co discurso Cantares e romances vellos prosificados. Neste ano funda tamén con seus irmáns as Edicións Castrelos, que comezan a publicar a colección Cuadernos de Arte Gallego, gran novidade na época.

A principios do 1966 trasládase a Oviedo como axente de vendas de Pescanova e, en setembro, leva a familia. Pero, ao descubrise a mortal doenza de Colorín -un cancro do sistema linfático-, volven para Vigo ao ano seguinte. É daquela cando, na procura da subsistencia, Xosé María se profesionaliza como editor, creando as coleccións O Moucho e Pombal. En 1968 empeza tamén a traballar como profesor contratado no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo, chamado Escola Náutico-Pesqueira, praza que consolidaría por oposición en 1970. En 1969 viaxa á Arxentina, invitado polo Centro Galego de Bos Aires, e desde alí vai a Caracas, onde reside o seu sobriño Darío Álvarez Gándara e o seu querido amigo Celso Emilio Ferreiro, e a Miami, para ver a seu curmán o escritor Xerardo Álvarez Gallego. En 1970 morre Colorín.

Os derradeiros sesenta e os primeiros setenta son anos de grande actividade editorial, nos que Xosé María converte as Edicións Castrelos en símbolo e instrumento da popularización do libro galego que forma parte do proceso político que vive Galicia naqueles mesmos anos, coa organización política do novo nacionalismo galego e as súas densas ramificacións culturais. Á parte do seu labor editorial, Xosé María participa de varios modos neste florecer, ditando maxistrais conferencias, como por exemplo a que pronunciou na Asociación Cultural de Vigo o 22 de decembro de 1972 sobre a cultura dos castros, na que conxugaba o severo rigor científico coa máis afoutada arenga política.

En 1976 é nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo; cronista non oficial xa levaba moitos anos séndoo, e xa en 1960 publicara as case seiscentas densas páxinas do libro La ciudad y los días, exemplo de historia local rigorosa e refractaria ás fantasías, e asemade escrita cun entusiasmo e un estilo tan conmovedor coma a ideoloxía que transparece, progresista, liberal e galeguista, impregnada de amor ó pobo traballador. E tamén en 1976 publica, por fin, Canle segredo, na colección Pico Sagro das Edicións Castrelos.

En 1977 a súa muller María Luísa sofre unha meninxite que a pon ás portas da morte, e que acaba deixándoa totalmente xorda. En 1979 morren seu irmán Darío, e seu outro irmán Celso Emilio Ferreiro. Nese mesmo ano, carecendo de continuadores, Xosé María véndelle os fondos de Edicións Castrelos a Galaxia. Pensaba dedicar o tempo suplementario a ordenar e preparar para a edición todos os seus achados literarios dos Séculos Escuros, pero por unhas cousas e outras isto non foi posible. Diversos honores esmaltan os que xa eran os derradeiros anos da súa vida, entre eles o Pedrón de Ouro no ano 1981. En 1982 imprímese o seu libro Alexandro Bóveda. Apunte biográfico, nunha edición que logo non foi distribuída polo editor, e que só se divulgaría realmente, en nova edición póstuma, unha década máis tarde. Neste ano escribe o poema "Solpor", verdadeiro diamante da lírica galega. En 1983 xubílase como mestre da Náutico-Pesqueira, e pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista nas eleccións municipais de Vigo. Pero xa estaba moi enfermo e non puido traballar máis. O 2 de marzo de 1985 morre en Vigo, por culpa da afección cardíaca que padecía desde había anos.

Na súa madurez, Xosé María era un home de mediana estatura, un pouco groso, pero moi áxil de movementos, e de moita habilidade manual; ademais do piso na Gran Vía de Vigo, tiña unha casa na praia de Coruxo onde traballaba de albanel ou de carpinteiro, por aforro e por gusto. Andaba moi dereito sen tesura, e daba sensación de elegancia en calquera situación. O tempo prateáralle os cabelos rizos, e fixéralle xa cedo dúas fondas entradas que nunca chegaron a converterse en calva. Tiña un fermoso nariz curvado, e era en conxunto un home guapo. Padecía ictiose, unha doenza conxénita que se lle manifestaba nunhas como escamas na pel das mans, e que el por brinqueta atribuía a que os Limeses, coma os Mariño, son unha estirpe descendente de sereas do mar. Máis lle deu que facer a diabete, que o atormentou bastante nos derradeiros anos. Fora quedando bastante xordo, e precisaba audiófono, que levaba integrado nas lentes; pero algúns días oía mellor ca outros, e gustáballe moito conversar: falaba moi ben, e tiña un luído sentido do humor. Era moi cordial e xeneroso do seu tempo coa xente nova que acudía a el atraída polo seu saber e o seu galeguismo. Bebía máis ben pouco, pero gustáballe moito o viño bo, especialmente o branco do Condado "con albariño, treixadura e loureira", e mais se o acompañaba cunhas ostras na Pedra. Na casa de Coruxo, que tiña unha gran parra, facía unha purrela espantosa que bebía por disciplina. Comer tamén lle gustaba bastante, e asaba moito ben os chourizos na cheminea, que el pronunciaba sempre «cheminé». Fumaba un paquete de ducados ó día. O seu carácter era en xeral apracible, pero ás veces entrábanlle unhas cóleras formidables. Infelizmente, tivo que traballar moito para subsistir con dignidade el e mais os seus; non gozou "nin buscou" ningún privilexio nin sinecura que lle permitise dedicarse integramente ós seus estudos. Amaba sobre todas as cousas a súa muller, os seus fillos e os seus irmáns, e tivo algunhas amizades especialmente fondas, coma as de Celso Emilio Ferreiro ou Pedro Díaz. Mantiña vivo o odio a Franco coma o primeiro intre, e foi sempre fiel ás súas conviccións galeguistas e republicanas, cunha inclinación sentimental cara á esquerda e unha simpatía instintiva polos pobres do mundo.

Organizamos, a seguir, a súa obra fundamental:

Obra literaria
Poemas de ti e de min [con Emilio Álvarez Blázquez]. Pontevedra: Colección Benito Soto, 1949.
Roseira do teu mencer. Vigo: Edicións Monterrey, 1950.
Cancioneiro de Monfero (século XIII). Vigo: Edicións Monterrey, 1953.
Romance do pescador peleriño. Vigo: Edicións Monterrey, 1954.
Canle segredo. Vigo: Editorial Castrelos, 1976.
Poesía galega completa. Vigo: Xerais, 1987. [Inclúe os libros e folletos e mais un apartado de "Inétidos e dispersos"].
A pega rabilonga e outras historias de tesouros. Vigo: Editorial Castrelos, 1971.
Alexandro Bóveda. Apunte Biográfico. A Coruña, 1982. (Edición secuestrada. Edición distribuida: Vigo: Ir Indo, 1992).

Antoloxías
Escolma de poesía galega. I: Escola medieval galego-portuguesa. Galaxia: Vigo, 1952.
Escolma de poesía galega. II: A poesía dos séculos XIV a XIX. Galaxia: Vigo, 1959.
Escolma da poesía medieval. Vigo: Editorial Castrelos, 1975. [Versión ampliada e revisada da de 1952.]

Antoloxías menores
Cancioneiriño da Virxe. Escolma de cantigas populares. Vigo: Edicións Monterrey, 1954.
Cantos de Nadal, Aninovo e Reis. Vigo: Edicións Castrelos, 1967.
O libro do marisco. Vigo: Edicións Castrelos, 1968.
O libro da caza. Vigo: Edicións Castrelos, 1969.
O libro do porco. Vigo: Edicións Castrelos, 1972.
Cantares de cego. Vigo: Edicións Castrelos, 1974.
Castelao: Cousas, terceiro libro. Vigo: Edicións Castrelos, 1975 [textos recuperados].
Os nomes da terra. Vigo: Edicións Castrelos, 1976 [co pseudónimo de Celso de Baión].
Luís Amado Carballo. Vida e obra. Escolma de textos. A Coruña: Publicacións da Real Academia Galega, 1982.

Edicións e traducións con limiares e notas
Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz. Vigo: Edicións Monterrey, 1951.
Os tesouros de Galicia. O Ciprianillo. Vigo: Edicións Castrelos, 1974.
Quevedo: O soño das caliveras. Vigo: Edicións Castrelos, 1970.
Rosalía de Castro: Follas novas. Vigo: Edicións Castrelos, 1967 [sen sinatura, pero a edición e o prólogo son de XMAB].
L. Amado Carballo: Obras en prosa e verso. Vigo: Edicións Castrelos, 1970 [prólogo de X. L. Méndez Ferrín; a recompilación e edición, sen mención de responsabilidade, é de XMAB].
Eduardo Pondal: Queixumes dos pinos e outros poemas. Vigo: Edicións Castrelos, 1970 [sen sinatura, pero a edición e o prólogo son de XMAB].
M. Curros Enríquez: Aires da miña terra e outros poemas. Vigo: Edicións Castrelos, 1971 [sen sinatura, id.].