Académicos e académicas

Valentín Villanueva Rivas

Valentín Villanueva Rivas

Caldas de Reis, Pontevedra, 1864 - Santiago de Compostela, 1931
Data de ingreso
03/08/1924
A proposta de
Adriano López Morillo, Jaime Ozores de Prado (Marqués de San Martín) e Andrés Martínez Salaza
Título do discurso

Estudio de la personalidad de Fray Manuel Martínez, Obispo de Málaga.

Resposta pronunciada por
Uxío Carré Aldao

Relixioso e historiador. Foi cóengo da Catedral de Santiago de Compostela e estudou o papel da Igrexa católica durante a invasión francesa en Galicia.

Aos quince anos ingresou no Seminario de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filosofía e Letras e Dereito Canónico. Doutorado en Teoloxía, pasou a traballar como profesor de Filosofía no mesmo centro eclesiástico.

En 1917 aprobou as oposicións a catedrático de Latín de instituto e exerceu como docente en centros de Cartaxena, As Palmas, Almería, Baeza e Cádiz ata que retorna a Compostela, a traballar como profesor no instituto santiagués. Impartiu, ademais de Latín, a materia de Xeografía e Historia e tamén deu aulas de Relixión no Instituto de Noia.

Como sacerdote, exerceu como ecónomo na parroquia coruñesa de San Xurxo e na pontevedresa de Santa María. Ademais, foi cóengo da catedral de Santiago de Compostela.

Historiador notable, acadou premios en certames desta disciplina en 1904 en Toledo e Pontevedra e en Santiago de Compostela en 1910. Entre os seus traballos salientan os dedicados ao estudo do papel da Igrexa católica durante a guerra as guerras napoleónicas en Galicia. Tamén recolleu unha serie de cantares galegos populares aínda inéditos.

Elixido académico numerario en 1924 a proposta de Adriano López Morillo, Jaime Ozores de Prado (Marqués de San Martín) e Andrés Martínez Salazar, o seu acto de ingreso tivo lugar no Circo de Artesáns da Coruña e contou coa presenza do arcebispo de Santiago de Compostela, Manuel Lago González. O seu discurso, Estudio de la personalidad de Fray Manuel Martínez, Obispo de Málaga, foi respondido en nome da Real Academia Galega por Uxío Carré Aldao.