Académicos e académicas
Samuel Eiján Lorenzo
Leiro, Ourense, 1876 - Santiago de Compostela, 1945
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Eladio Rodríguez González, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Manuel Banet Fontenla
Título do discurso
Ideas literarias del P. Feijóo
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Samuel Eiján formaba parte deste grupo de académicos.
Con posterioridade, apareceu publicado no Boletín da Real Academia Galega (tomo XXIII e XXIV) o discurso que Eiján preparara para o acto de ingreso.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Nesta cadeira
Ana Romaní (06/04/2019 - Actualidade)
Xohana Torres Fernández (27/10/2001 - 12/09/2017)
Xosé María Álvarez Blázquez (28/11/1964 - 02/03/1985)
Aquilino Iglesia Alvariño (16/04/1949 - 29/07/1961)
Samuel Eiján Lorenzo (27/07/1941 - 14/12/1945)
Jaime Solá Mestre (22/04/1939 - 09/01/1940)
Andrés Martínez Salazar (04/09/1905 - 06/10/1923)
San Clodio, Leiro, 1876 – Santiago de Compostela, 1945. Frade da orde franciscana, poeta, historiador e narrador, foi o primeiro en cultivar poesía relixiosa en galego na Idade Contemporánea. Foi director de El Eco Franciscano e estivo destinado en Terra Santa en diferentes etapas desenvolvendo cargos de gran relevancia.
O padre Eiján, que ás veces asinaba os seus textos xornalísticos co pseudónimo Fraysel, defendía unha concepción do Estado español baseada no tradicionalismo católico, que combinaba coa defensa da doutrina social da Igrexa e coa militancia nun rexionalismo galego de base folclórica. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Histórico do Minho e foi membro de número da Real Academia Galega Academia.
Nado na parroquia de San Clodio, no concello ribeirao de Leiro, Samuel Eiján Lorenzo emprende moi cedo a carreira eclesiástica na orde franciscana e, xa en 1896, é nomeado director do periódico desta compañía, El Eco Franciscano, e bibliotecario provincial en Santiago de Compostela da mesma orde. En 1899 ordénase sacerdote en Lugo e en 1902 envíano, por vez primeira, a Terra Santa en labor misioneiro. Ao ano seguinte, desígnano superior da basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén, responsabilidade que mantén ata 1906 e á que se lle engade a de secretario da Procura Xeral e guía de Peregrinacións.
Director de El Eco Compostelano entre 1908 e 1915, nesta xeira exerce tamén como comisario provincial da Orde Terceira e como ministro provincial da Orde Seráfica de Santiago. En 1933 é destinado como comisario de Terra Santa, labor que desempeñará ata a súa morte, acontecida en Santiago de Compostela o 14 de decembro de 1945.
Defensor dun rexionalismo cultural que tiña como ideólogo a Alfredo Brañas, Samuel Eiján foi un prolífico poeta en galego, pioneiro no seu tempo na temática relixiosa. Libros como Mágoas (1902), D’a y’alma (1915), Froliñas de San Francisco (1926) e, parcialmente, Aleteos (1926) recollen meditacións teolóxicas en ton pesimista, estampas haxiográficas de san Francisco e santo Antón de Padua, descricións bucólicas da paisaxe do seu Ribeiro natal, evocacións melancólicas de Galicia e mesmo temas de índole social en forma de copla que acusan a influencia de Rosalía.
A súa obra en galego completa foi editada por Francisco Leira Castiñeira e Armando Requeixo, e publicada pola Real Academia Galega, a Provincia Franciscana de Santiago e a Xunta de Galicia baixo o título de Samuel Eiján. Poesía reunida (2018). Leira é tamén autor dun artigo sobre Eiján recollido no número 379 do BRAG canda outras achegas presentadas na xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega, coorganizada pola RAG.
As terras do seu Ribeiro natal foron outra das súas áreas predilectas de estudo, quer desde a poesía, como en Rumores del Avia. Versos Ribereños (1916), quer desde a historiografía, como en Historia de Ribadavia (1920). Propagou ademais os ideais do franciscanismo desde a creación poética, como no libro Gotas de Rocío (1910), dedicado a santo Antón de Padua, e tamén desde o punto de vista científico, como na biografía La vida de San Antonio de Padua (1903), Franciscanismo ibero-americano: en la historia, la literatura y el arte (1927) ou na síntese histórica Franciscanismo gallego en la Edad Media. Neste artigo, publicado no Boletín da Real Academia Galega en 1931, Eiján describe a relación da orde mendicante con Galicia desde a peregrinación do seu fundador, san Francisco de Asís, a Santiago de Compostela en 1214.
O relixioso cultivou practicamente todas as sortes da escrita -desde a crónica histórica e o artigo xornalístico ata o ensaio, a narrativa, o teatro e a xa citada poesía-, sempre ao servizo dun tradicionalismo católico que tiña o seu precedente en pensadores como Marcelino Menéndez Pelayo ou Juan Vázquez Mella. Ao mesmo tempo, sostiña a necesidade de levar á práctica a doutrina social da Igrexa -tan afín ao predicado por san Francisco de Asís- como un xeito de contrarrestar o auxe do rexeneracionismo krausista e do socialismo entre a clase obreira no cambio de século. Defendeu estas teses en libros como a novela El socialista modelo (1904) e os ensaios La Tercera Orden Franciscana en la vida social (1910) ou La Juventud Antoniana (1914).
A súa longa experiencia en Terra Santa recóllea Eiján en libros como La cuestión de los Santos Lugares. Escenas palestinianas (1905), Memento Jerusalem! Manual de los devotos de los Santos Lugares (1905), Narraciones y leyendas de oriente (1906), Manual de los devotos de los Santos Lugares (1912) ou El Cenáculo de Jerusalén: Primer santuario eucarístico en poder de infieles (1941).
A Real Academia Galega nomeouno membro correspondente en 1915 a proposta de Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero e Pablo Pérez Constanti. A súa proposta para membro numerario foi impulsada por Eladio Rodríguez, Julio Dávila e Félix Estrada Catoyra. Ingresou na Academia nun acto conxunto en 1941 e o seu discurso de entrada, dedicado ao Padre Feijóo, publicouse en 1944. Recibiu a placa da Orde de Isabel a Católica en 1940 e foi membro da Xunta Oficial da Obra Pía dos Santos Lugares.