Académicos e académicas

Juan Domínguez Fontela

Juan Domínguez Fontela

A Guarda, Pontevedra, 1869 - Santiago de Compostela, 1942
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Marcelo Macías y García, José Vega y Blanco e Eladio Rodríguez González
Título do discurso

[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontela, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]

Relixioso, historiador e arqueólogo, dirixiu importantes escavacións en Santa Trega e foi un dos promotores da creación do seu museo. Publicou numerosos artigos sobre a historia de Tui e de Ourense e estudou figuras históricas como a do padre Sarmiento e o filósofo de orixe tudense Francisco Sánchez. Foi o autor da transcrición da tradución ao galego do Tratado de albeitaría (s. XV).

Cursou estudos no colexio dos xesuítas da Guarda e no seminario de Tui, onde se ordenou sacerdote en 1892. Doutor en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Santiago de Compostela, foi catedrático no seminario tudense de Arqueoloxía e Historia Eclesiástica. Exerceu na súa diocese os cargos de capelán das carmelitas da Guarda e de párroco no Rosal, San Francisco de Vigo e A Guarda. Foi, así mesmo, cóengo nas catedrais de Burgos, Ourense e Tui, na que exerceu tamén como deán e, máis adiante, alcipreste.

Afeccionado á historia e á arqueoloxía, foi un dos promotores en 1917 da creación da Sociedade Pro-Monte Santa Trega, que iniciou as escavacións naquel rico xacemento, o que deu lugar, andado o tempo, á creación do Museo Arqueolóxico de Santa Trega. O museo atesoura numerosas pezas de pedra, cobre, ferro e cerámica prerromana, unha estatua de Hércules ou bronces do século V que poñen de manifesto o gran labor desenvolvido nas escavacións iniciadas por Domínguez Fontela.

Durante os seus anos en Ourense, Domínguez Fontela colaborou co bispo Florencio Cerviño na restauración do mosteiro de Oseira. Participou na Comisión Provincial de Monumentos á beira de Marcelo Macías, exercendo como conservador do seu museo e publicando numerosos artigos no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense sobre cuestións de tipo prehistórico, arqueolóxico, biográfico, paleográfico e diplomático, así como valiosas achegas á historia da diocese ourensá.

Transcribiu o Tratado de albeitería, escrito no século XIII por Giordano Ruffo de Calabria, cabaleiro de Federico II, e que fora traducido ao galego-portugués no século XV. A copia, conservada polo notario baionés Álvaro Eans das Eiras, era propiedade do bisavó de Juan Domínguez Fontela, José Vicente Fontela Avalle. A súa publicación, nos volumes XI e XII do Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense (1938-1939), constituíu un verdadeiro acontecemento cultural na súa época. No 2004 sería reeditado e publicado polo académico de honra Xosé Luís Pensado.

Domínguez Fontela foi, así mesmo, o descubridor do arquivo da Igrexa de Tui, que permanecía oculto desde 1808 na bóveda da catedral, onde fora agochado para salvagardalo dos franceses durante a súa invasión. Tamén editou a Autobiografía del p. Sarmiento derivada dunha copia do bieito galego José Goyanes, compañeiro do relixioso do Bierzo no mosteiro de San Martiño de Madrid.

Outros temas do seu interese foron a guerra de Independencia en Galicia, a guerra de Portugal do século XVII, a figura do filósofo escéptico tudense Francisco Sánchez ou legado xudeu en Tui. Deixou sen publicar Historia y descripción de la villa de La Guardia e El monasterio de Oya.

Ao longo de toda a súa carreira intelectual, Domínguez Fontela colaborou de xeito asiduo en medios como La Voz del Tecla, La Región de Ourense, Faro de Vigo ou El Correo Gallego, adoito sobre temas históricos, e foi o director entre 1913 y 1917 do xornal Noticiero de Vigo. O seu último traballo foi unha recensión sobre un estudo de Xosé Carro sobre as inscricións do templo de San Lourenzo de Carboeiro. Foi membro da Real Academia da Historia.

Nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1911 a proposta de Marcelo Macías, Eugenio Carré e Manuel Murguía, foi elixido membro numerario en 1926 a iniciativa de Marcelo Macías, José Vega y Blanco e Eladio Rodríguez González. O seu ingreso efectivo tivo lugar o 22 de abril de 1939, nunha cerimonia conxunta na que tamén foron incorporados Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro.