Académicos e académicas

José Espinosa Rodríguez

José Espinosa Rodríguez

O Porriño, Pontevedra, 1880 - Vigo, 1966

Farmacéutico, historiador e cronista oficial de Vigo, dedicou boa parte das súas pescudas ao estudo da xenealoxía e a heráldica das casas nobiliarias do sur da provincia de Pontevedra. Profundo coñecedor da historia da prensa viguesa, moitos dos seus traballos historiográficos foron aparecendo publicados en xornais como La Voz del Miñor e Faro de Vigo.

Nado en 1880 no Porriño, pasou parte da súa infancia en Gondomar e, logo de completar a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela en 1901, desenvolveu o seu labor profesional traballando nunha botica do barrio vigués das Travesas ata 1924, cando lle foi encomendada a farmacia do hospital municipal. Presidente da Asociación de Farmacéuticos de Vigo desde 1914 e membro correspondente da Real Academia de Farmacia desde 1940, dedicou obras como Inspección de las boticas en el siglo XVII (1942) e Historia de las farmacias del partido judicial de Vigo, desde 1568 a 1940 (1950) a estudar a evolución na xestión destes establecementos e á implantación das mesmas na comarca de Vigo.

Grande erudito da historia local viguesa, foi debullando episodios da vida da cidade en artigos publicados no Faro de Vigo que foron logo recollidos no monográfico Tierra de Fragoso. Historia de Vigo y su comarca (1949), que inclúe tamén debuxos e ilustracións da súa man. Neste libro, Espinosa Rodríguez describe a historia de cada unha das vinte e dúas parroquias que compoñen o concello de Vigo, as orixes da imprenta viguesa ou os principais feitos de armas da cidade, con especial atención á guerra da independencia contra os franceses. Espinosa Rodríguez describe tamén en detalle a xenealoxía de familias nobres e personaxes ilustres de Vigo, como García Barbón ou Policarpo Sanz. As súas valiosas achegas á historia local de Vigo valéronlle o nomeamento en 1937 como cronista oficial da cidade.

O mesmo estilo historiográfico –baseado na relación da xenealoxía das principais liñaxes nobiliarias e dos seus feitos, e no recurso aos arquivos parroquiais e municipais – empregouno no estudo da historia das comarcas do sur de Pontevedra, quer en artigos publicados no semanario La Voz del Miñor, quer en monográficos como El valle de la Louriña (1944), que contou cun limiar de Adolfo Gregorio Espino, avogado e alcalde de Vigo durante a ditadura de Primo de Rivera. Espinosa Rodríguez describe nestre traballo cada unha das dezaoito parroquias dos concellos do Porriño e Mos, prestándolles unha especial atención á vila do Porriño e ás casas ilustres de toda a bisbarra. Na mesma liña de historia local centrada na xenealoxía e a heráldica das grandes familias cómpre salientar Casas y cosas del valle del Miñor (1951), Bouzas (1944) ou Kaleidoskopio gondomareño (1957). José Espinosa Rodríguez foi un gran coñecedor dos arquivos municipais e parroquiais do sur de Pontevedra, nomeadamente, do arquivo da catedral de Tui, e posuía, el mesmo, un valioso arquivo persoal.

Outra das súas áreas de interese foron os estudos biográficos sobre figuras históricas do sur de Pontevedra. É o caso do libro Fray Antonio de Sotomayor y su correspondencia con Felipe IV (1944), no que recupera o legado do dominico vigués e señor do pazo de Santo Tomé de Freixeiro, que chegou a ser arcebispo de Damasco e artífice –canda Diego de Sarmiento e Acuña, o conde de Gondomar– da recuperación do voto de Galicia nas Cortes, que perdera en 1623. Tamén estudou as liñaxes dos Pérez de Cela, Ozores, Cea, Falcón, Sotomayor, Cadaval, Aríns, Gabino e Salgado. Así mesmo, o seu discurso de ingreso na Academia describe un privilexio outorgado en 1552 polo emperador Carlos V a Lope Taboada de Lemos, señor do pazo de Orbán.

Fillo predilecto do Porriño e adoptivo de Vigo, foi membro corresponde da Real Academia da Historia e dos institutos xenealóxicos de Chile e São Paulo. Recibiu, entre outros recoñecementos, a Encomenda de Afonso X o Sabio. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega en 1941 e numerario en 1952.