Académicos e académicas
Jaime Solá Mestre
Vigo, 1874 - 1940
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Manuel Amor Meilán, Wenceslao Requejo Pérez e Amador Montenegro Saavedra
Título do discurso
Sabios y periodistas.
[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontenla, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]
Nesta cadeira
Ana Romaní (06/04/2019 - Actualidade)
Xohana Torres Fernández (27/10/2001 - 12/09/2017)
Xosé María Álvarez Blázquez (28/11/1964 - 02/03/1985)
Aquilino Iglesia Alvariño (16/04/1949 - 29/07/1961)
Samuel Eiján Lorenzo (27/07/1941 - 14/12/1945)
Jaime Solá Mestre (22/04/1939 - 09/01/1940)
Andrés Martínez Salazar (04/09/1905 - 06/10/1923)
Vigo, 11 de setembro de 1874 — 9 de xaneiro de 1940
Escritor e xornalista, foi o fundador, propietario e director da revista Vida Gallega, unha das cabeceiras máis relevantes da súa época e na que colaboraron as principais figuras do galeguismo do primeiro terzo do século XX.
Estudou Dereito en Santiago de Compostela e Valladolid mais a súa carreira profesional estivo sempre vencellada ao xornalismo. En 1892 fundou en Vigo as publicacións Poquita Cosa e Vigo juvenil. Con posterioridade trasladouse a Madrid onde traballou como redactor para El Globo e outros xornais locais. Tras regresar a Galicia, merca o xornal El Independiente e troca o seu título polo de Noticiero de Vigo.
Porén, a súa empresa xornalística máis importante será Vida Gallega, que dirixiu desde a súa fundación en 1909 ata o final da súa primeira xeira en 1938. A revista —de periodicidade variable, entre dous e tres números ao mes— tiña unha tiraxe moi ambiciosa, de 70.000 exemplares, e contaba cunha avanzada liña gráfica na que participaban os artistas galegos máis relevantes do momento, como Castelao (autor da portada do primeiro número), Álvaro Cebreiro ou Padín, amais dos fotógrafos Ksado, Pacheco ou Ocaña.
Entre as colaboracións literarias da revista, destacan as de Manuel Murguía, Ramón Cabanillas, Antonio Rey Soto, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova ou Antonio Noriega Varela. O seu público preferente era o da comunidade galega da diáspora americana, e nas súas páxinas abundaban as reportaxes gráficas de promoción turística —ás veces, do Gran Hotel da Toxa, do que a súa familia era propietaria—, a publicidade de empresas conserveiras e doutras industrias galegas, así como as escenas da vida social da burguesía galega e unha visión idealizada da emigración. Tamén dirixiu o semanario satírico Don Verdades.
Como escritor en galego publicou por entregas en Vida Gallega a novela Anduriña (1917). En español, publicou as novelas La mala sombra (1895), El alma de la aldea (1918), Ramo cativo. El Ribeiro de Avia (1918) e El otro mundo (1919). Nas páxinas de Vida Gallega deu a coñece tamén os relatos “Diablillo” (1920-21) e “Mis memorias”. En poesía, foi autor dos volumes Cuentecillos (1894) e Todo malo (1895). Para o teatro, compuxo a comedia El Diputado.


