Académicos e académicas
Francisco Vázquez Saco
Sarria, Lugo, 1897 - Lugo, 1962
Data de ingreso
14/06/1952
A proposta de
Ángel del Castillo López, Paulino Pedret Casado e Manuel Vázquez Seijas
Título do discurso
Una curiosa singularidad de la diplomática lucense en los siglos de la alta Edad Media.
Resposta pronunciada por
Ángel del Castillo López
Relixioso e polígrafo, centrou os seus traballos no estudo da arqueoloxía e a arquitectura sagrada da provincia de Lugo, así como na historia local de Sarria. Autor dunha monumental compilación de refráns e paremioloxía galega, foi cóengo da catedral de Lugo e reitor do seu seminario.
Cursou estudos eclesiásticos no seminario lucense e na Universidade Pontificia de Comillas e foi ordenado presbítero en 1922. No ano 1937 foi designado cóengo lectoral de Lugo, diocese da que tamén foi elixido vigairo, chantre e fiscal xeral, así como reitor do seminario, onde impartiu a materia de Ciencias Bíblicas. Licenciouse en Dereito Canónico e doutorouse en Filosofía e Teoloxía.
Francisco Vázquez Saco foi membro da Comisión para a conservación de edificios e obxectos eclesiásticos, vogal da Comisión Diocesana de Música Sacra, da Xunta do Museo Provincial de Lugo, do Padroado para o Fomento de Arquivos, Bibliotecas e Museos, do Centro de Estudos Xacobeos de Santiago de Compostela e da Comisión Diocesana de Arte Sacro. Colaborador asiduo no Boletín Oficial Obispado de Lugo, dirixiu varios anos o xornal católico La Voz de la Verdad e as organizacións nucleadas ao redor de Acción Católica.
Foi presidente da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos da provincia de Lugo e colaborador asiduo no seu Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, onde foi dando a coñecer as súas pescudas históricas. Estas inclúen a exhumación de diversos diplomas medievais do Fondo Capitular de Lugo, como un diploma de Bermudo II, outro de Afonso V e un terceiro da raíña Urraca; as fichas de catalogación de sesenta dúas igrexas luguesas, un traballo sobre os mestres do claustro de Lugo e artigos sobre os escudos de Sarria ou a epigrafía romana en Galicia. Canda Paulino Pedret publicou dúas monografías de temática histórico-relixiosa, Un mártir lucense: esbozo biográfico del V. Díaz Sanjurjo (1951) e Nª Sª de los Ojos Grandes: patrona de Lugo: notas históricas (1954). Da súa man é tamén un Mapa-Guía monumental de Lugo (195?).
Afeccionado á paremioloxía galega, Vázquez Saco foi recollendo ao longo da súa vida milleiros de refráns de orixe culta e popular, editados e publicados polo Centro Ramón Piñeiro logo da súa morte co título de Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral (2003), un traballo monumental onde xunta máis de once mil proverbios. A segunda remesa viu a luz no volume Cadernos de Fraseoloxía Galega 6 (2004). No que atinxe ao seu labor de creación literaria, o seu poema “O tesouro de Santa María” foi premiado nun certame literario celebrado en Lugo.
Membro correspondente da Real Academia Galega desde decembro de 1942 a proposta de Ángel del Castillo López, Paulino Pedret Casado e Manuel Vázquez Seijas, foi elixido numerario o 3 de febreiro de 1946, aínda que non ingresou ata o 14 de xuño de 1952, nun acto celebrado no Círculo das Artes lucense. O seu discurso de ingreso, Una curiosa singularidad de la diplomática lucense en los siglos de la alta Edad Media, estuda as invocacións marianas na catedral de Lugo na alta Idade Media. A resposta en nome da Academia correspondeulle a Ángel del Castillo.


