Académicos e académicas

Enrique Vidal Abascal

Enrique Vidal Abascal

Oviedo, 1908 - Santiago de Compostela, 1994
Data de ingreso
27/03/1971
A proposta de
Luís Iglesias Iglesias, Isidro Parga Pondal e Antonio Meijide Pardo
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo

Matemático e astrónomo, foi o primeiro decano da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o responsable do traslado de Lalín a Compostela do Observatorio Astronómico de Ramón María Aller Ulloa.

Nado en Asturias, trasladouse moi cedo a Galicia coa súa familia acompañando o seu pai, Enrique Vidal Bobo, unha figura relevante da política e da administración do seu tempo, delegado de Facenda en Ourense e na Coruña e presidente do Tribunal Económico Administrativo Central. Cursa o bacharelato na Coruña e Santiago de Compostela e pasa as vacacións de verán en Lalín, onde coñece o matemático e astrónomo Ramón María Aller Ulloa, amigo do seu pai, del mesmo e figura clave no seu interese polas matemáticas e a astronomía.

En 1931 finaliza a carreira de Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, dous anos máis tarde, é profesor de Xeometría Analítica na Universidade de Salamanca. A seguir, gaña por oposición unha praza de catedrático de Matemáticas de instituto e traballa como profesor nos centros da Estrada, Monforte de Lemos, Vigo, Pontevedra e mais o Arcebispo Xelmírez de Santiago de Santiago de Compostela. En 1935 recibe unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos para realizar unha estancia no Bureau International d’Éducation de Xenebra, dirixido por Jean Piaget. En 1941 regresa a Santiago de Compostela para seguir a traballar como catedrático de Matemáticas de instituto e exercer, ao mesmo tempo, como profesor da Facultade de Ciencias. En 1944 obtén o título de doutor en Ciencias Exactas pola Universidade Complutense de Madrid e, a partir de 1955 e ata a súa xubilación, ocupa a cátedra de Xeometría Integral da USC. Neste período é cando impulsa o traslado a Santiago de Compostela do Observatorio Astronómico de Aller Ulloa en Lalín e dirixe a sección matemática “Durán Loriga” do mesmo.

Foi o primeiro presidente e un dos promotores da creación da Real Academia Galega de Ciencias e mais da Facultade de Matemáticas compostelá, fundada no ano 1962 e da que foi o seu primeiro decano. Introdutor no Estado español da teoría das foliacións, en 1963 foi un dos organizadores do primeiro congreso internacional de matemáticas celebrado no Estado. Participou ademais en numerosos seminarios internacionais da súa especialidade e impartiu conferencias en universidades como as de París VII, Estrasburgo, o College de France ou o Instituto Poincare.

As súas principais liñas de investigación foron a astronomía – nomeadamente, a órbita das estrelas dobres–, a xeometría diferencial clásica e integral e a xeometría diferencial de variedades. Ao longo da súa dilatada carreira académica dirixiu quince teses de doutoramento e publicou máis de oitenta traballos en revistas internacionais como Astronomical Journal, Journal of Differential Geometry, Proceedings of the American Mathematical Society, Bulletin of the American Mathematical Society, Annals de l’Institut Fourier, Comptes Rendue de l’Académie des Sciences de Paris ou Rendiconti di Círcolo Matemático di Palermo.

Ademais de ser membro da Real Academia Galega de Ciencias, pertenceu á Real Sociedade Matemática Española, o Circolo Matemático de Palermo e a American Mathematical Society. Fillo predilecto de Lalín, foi distinguido co premio Afonso X O Sabio do Consello Superior de Investigacións Científicas pola súa obra “Xeometría integral sobre as superficies curvas”, o da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais en dúas ocasións e mais o Premio de Investigación Xunta de Galicia polo conxunto da súa obra científica. Tamén lle outorgaron o título de Officier dans l’Ordre des Palmes Académiques que concede o Goberno francés (1974) e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1986).

Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega en 1951 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Paulino Pedret e numerario en 1968 a iniciativa de iniciativa de Luís Iglesias Iglesias, Antonio Meijide Pardo e Isidro Parga Pondal. O seu discurso de ingreso A crisis da Universidade Europea, lido no Circo de Artesáns da Coruña o 27 de marzo de 1971, foi respondido en nome da RAG polo seu amigo Ramón Otero Pedrayo.