O Pleno nomea a Ana Romaní académica de número electa

O Pleno da Real Academia Galega nomeou na sesión plenaria celebrada esta mañá a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. Na mesma xuntanza foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos.

A académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa.

O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.

No eido literario, a académica electa é unha das autoras galegas indispensables do discurso poético que emerxen nas últimas décadas do século XX, unha voz que se ocupa da deconstrución da tradición literaria e da recuperación dos rostros ocultos da historia desde a ollada de xénero que reivindica. Tras publicar poemas en revistas, en 1987 presentou o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar, onde a paisaxe mariña emerxe como espazo simbólico. A fascinación polo mundo acuático volver estar presente no seguinte título, Das últimas mareas (1994), onde reescribe o mito de Penélope, en diálogo coa célebre Penélope do Tempo de ría (1992) de Xohana Torres, autora que se atopa entre os seus referentes literarios. O seu último libro ata o momento é Estremas (2010), que mereceu varios premios. Os poemas de Ana Romaní poden lerse tamén en volumes colectivos.

Alén da literatura sobre o papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade da poesía e á súa expresión da man doutros creadores. O seu traballo abrangue ademais outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) e un continuado traballo para facer visibles as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos.

Carme Pazos, académica correspondente

No Pleno de hoxe foi elixida académica correspondente Carme Pazos Balado (1968). Experta no estudo do léxico galego, a profesora foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos.

Carme Pazos foi parte activa dos traballos que deron lugar á edición do Dicionario da Real Academia Galega de 1997 e á posterior versión dixital, dispoñible en Internet desde 2012 e en constante actualización. Como membro do Seminario de Lexicografía tamén participou noutras publicacións como o Manual básico da economía en galego (1993), Diccionario manual castelán-galego (1997), Diccionario italiano-galego (2000), Diccionario galego de termos médicos (2002) e Diccionario castelán-galego da Real Academia Galega (2004).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete