Fuxan os Ventos converte en canción un poema da protagonista das Letras

Fuxan os Ventos acaba de facer pública a súa homenaxe á autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018. O grupo difundiu a través de distintas canles o vídeo no que interpreta "Lúa de prata", adaptación musical de "Cantiga", un dos poemas que se fixeron públicos en Elexías de luz (Xerais, 2006), a obra póstuma que recolle a poesía para adultos da escritora.

Con esta canción, a emblemática formación folk quere lembrar a autora "que tan fonda pegada deixou nas nosas letras, especialmente na literatura infantil e xuvenil", salienta o selo de Fuxan os Ventos. Porén, o poema elixido forma parte do libro que lle presentou ao público postumamente a María Victoria Moreno máis descoñecida, a autora de poesía para adultos, nunha edición a cargo do seu amigo Xavier Senín. Seguindo o ronsel doutros anos, o grupo volve render homenaxe ás nosas letras "cunha harmonía de sons, na que as voces, vento, corda e percursión van da man sublimando as verbas de María Victoria Moreno", engade a distribuidora.

Na interpretación do tema colaboran Roi Adrio nas percusións, Simón García no contrabaixo, Adrián Valdés no fagot e Miguel Díaz no clarinete.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete