Crean o Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

O Concello de Pontevedra e Urco Editora convocan o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. O galardón pretende honrar a figura da escritora que será homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018 e promover unha creación de calidade literaria para o público xuvenil, ao que a autora dedicou títulos emblemáticos das letras galegas como Anagnórise. O escrito inédito gañador, cunha extensión máxima de 250.000 caracteres, será publicado por Urco e recibirá 4.000 euros.

Imaxe do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra. No programa deste ano terá especial relevancia a figura de María Vicoria Moreno. Fonte: Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra


O prazo de entrega dos textos que opten ao premio conclúe o vindeiro 28 de febreiro. O xurado estará composto por unha persoa representante da familia de María Victoria Moreno, outra en representación do Concello de Pontevedra, unha alumna ou alumno do IES Torrente Ballester de Pontevedra -o último no que María Victoria Moreno foi docente-, unha persoa especialista en literarura infantil e xuvenil e outra en nome de Urco Editora. A súa decisión farase pública durante a celebración do Salón do libro infantil e Xuvenil de Pontevedra, en cuxa páxina web poden consultarse as bases do premio.

O tema da edición de 2018 do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra é "Mulleres de conto". Preténdese así render unha "homenaxe merecida" ás mulleres que conforman o mundo da LIX e "promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX", explícase na páxina web do salón. Neste contexto, a figura de María Victoria Moreno, veciña da cidade, terá especial relevancia dentro das accións que se están a programar.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete