A RAG elixe o sábado a figura literaria que protagonizará o Día das Letras de 2018

O Pleno da Real Academia Galega elixirá o sábado 17 de xuño a personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2018. Será nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as cinco candidaturas presentadas: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967), Antón Fraguas Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962 – 1986) e María Victoria Moreno Márquez (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005).

Pola esquerda, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno


O Regulamento de Réxime Interno da Academia establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro. A normativa indica que esta debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasaran dez anos desde a súa morte.

Os académicos e académicas de número reuniranse este 17 de xuño pola mañá na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique que autor ou autora protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete