Vikash, alumno da XXIX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras", recitando versos de Rosalía de Castro traducidos ao hindi nun encontro de confraternidade de estudantes e profesorado celebrado no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela. Autor: RAG
A Real Academia Galega organiza a XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. Mantén así un ano máis unha experiencia xa convertida nunha tradición que desde 1988 permitiu a máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas desde os cinco continentes mergullárense no idioma e na realidade sociocultural de Galicia.
O programa diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, ao vinculado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo, aínda que está aberto a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.A iniciativa constitúe unha ferramenta de grande utilidade para a internacionalización e normalización da nosa cultura: moitas das persoas que hoxe que traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos Cursos "Galego sen fronteiras".
Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, e Xosé Luís Regueira, tamén membro de número da institución, codirixen os cursos, que se dividen en tres niveis nos que se combinan clases teóricas e prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese histórico e natural, entre outras actividades.
Máis información en http://academia.gal/cursos-de-veran
Acceso directo ao folleto informativo da edición dos Cursos de verán de 2017 nesta ligazón
O formulario de inscrición pódese descargar directamente nestoutra ligazón
Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao correo electrónico cursos@academia.gal
Bitácora dos cursos: http://cursoslinguagalega.academia.gal/