Cursos de verán de lingua e cultura galegas

Cursos de verán de lingua e cultura galegas

Cartaz dos cursos
Premendo sobre a imaxe podes descargar o folleto
informativo dos Cursos de verán.

Os Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia veñen celebrándose de maneira ininterrompida desde o verán de 1988. Nos primeiros anos foron organizados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A partir de 1993 a devandita Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) estableceu un convenio coa Real Academia Galega (RAG), a través do seu Seminario de Lexicografía, e coa colaboración do ILG, para as tres institucións organizaren conxuntamente uns cursos que teñen como finalidade proporcionarlles ás persoas participantes a oportunidade de se familiarizaren coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia.

Estes cursos están dirixidos a alumnado e profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, o vinculado aos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia, aínda que están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.

O programa dos cursos inicial e medio consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. O curso superior de lingua e literatura galegas constará de varios seminarios, que tratarán problemas de lingüística galega, textos e autores da literatura galega contemporánea e a formación e a historia social da lingua galega, entre outros temas.

Ao mesmo tempo, están programadas actividades de ampliación cultural, que consistirán fundamentalmente en conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como na proxección de películas e documentais e visita a distintos lugares de interese cultural de Galicia. Estas actividades realizaranse de maneira conxunta para o alumnado de todos os niveis.

Estes cursos contribuíron de maneira moi importante a que hoxe a lingua e a literatura galegas teñan presenza en moitas universidades non só de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia, e serviron de impulso para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo. Esa presenza internacional, xunto cos moitos centos de persoas de moi diferentes nacionalidades que se expresan con toda naturalidade e normalidade en galego cando visitan Galicia, constitúe tamén un factor moi importante de prestixio para a nosa lingua e para a nosa cultura e, por tanto, un elemento de normalización moi relevante.

Un ano máis, afrontamos a realización dunha nova edición destes cursos coa mesma ilusión dos primeiros anos, mais tamén coa seguridade de que os froitos serán, de novo, merecentes de todos os esforzos que fagamos tanto o equipo de dirección coma o profesorado e todo o persoal colaborador, entre o que figurarán, como é habitual, relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura e da arte de Galicia.

A ficha de inscrición nos Cursos de Verán pódese descargar aquí.

O folleto informativo dos Cursos de verán pódese descargar nesta ligazón.

A data de inscrición neste curso remata o 1 de abril de 2016. 

Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao correo electrónico cursos@academia.gal.

Tamén pode visitar a bitácora dos cursos: http://cursoslinguagalega.academia.gal/

Axenda de actos Ver todos
Martes 13 de decembro de 2016 / 19:30 h
Vigo: 'Unha nova poética anovadora' no ciclo das Irmandades da Fala
Martes 20 de decembro de 2016 / 19:30 h
Peche do ciclo das Irmandades con 'Novos vieiros para a narrativa'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 375

Boletín da Real Academia Galega
nº 375

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar