O Festival do Mundo Celta de Ortigueira protagoniza a segunda edición das xornadas ‘A invención da tradición’

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro xoves, 2 de xullo a segunda edición das xornadas A invención da tradición co Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira como protagonista. O encontro desenvolverase a partir das 17 horas no Teatro da Beneficencia da localidade que acolle desde 1978 a que é unha grandes citas internacionais do folk, que este ano se desenvolverá do 8 ao 12 de xullo. O encontro, aberto ao público, é unha iniciativa da Sección de Historia da RAG coa colaboración da Deputación da Coruña e o apoio do Concello de Ortigueira, a Escola de Gaitas de Ortigueira e o Festival de Ortigueira. 

A Sección de Historia da RAG puxo en marcha as xornadas A invención da tradición co propósito de promover a reflexión sobre o que motiva a aparición de festas que dalgunha maneira beben de feitos históricos máis ou menos remotos, sobre o proceso social e cultural que as explica o sobre o asentamento e a relevancia que teñen para a proxección da historia no espazo público. Tras se centrar en 2025 no Arde Lucus, a Festa da Istoria de Ribadavia e a Reconquista de Vigo, o foco ponse desta volta nun festival que ten a súa orixe na idea do celtismo como elemento fundador da identidade galega, obra sobre todo do historiador Manuel Murguía (1833-1923), primeiro presidente da RAG. 

“O celtismo tivo un grande éxito histórico e sociolóxico, tanto aquí coma na Galicia americana. Emparenta Galicia coa historia máis nobre de Europa e tamén coa historia atlántica, feita sobre o mar. Foi difundido quizais excesivamente como identidade única de Galicia, pero neste encontro o que nos interesa é a elaboración do mito, non tanto a realidade do que aquí sucedeu”, explica o director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares.

Programa
O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín; e Ramón Villares, presentarán a xornada que, seguindo a vocación do Festival Celta de Ortigueira de ser punto de encontro de voces dos distintos países unidos polo celtismo, contará co reputado catedrático emérito da Université Rennes 2 Jean François Botrel como responsable da conferencia inaugural. O investigador centrará a súa intervención no proceso de invención da Fête des Fleurs d'Ajonc, a festa bretoa da chorima de Pont-Aven, creada en 1905.

Ás 18:15 horas dará comezo a mesa redonda titulada O celtismo, a creación do festival de Ortigueira e a música celta. Manuel Santos Estévez, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, analizará nesta quenda as relacións entre o norte de Galicia e outras áreas do mundo céltico, con especial atención ó ámbito atlántico, desde a perspectiva da arqueoloxía e da historia antiga; Xabier Garrote, promotor do Festival Celta de Ortigueira cando dirixía a Escola de Gaitas de Ortigueira, que trazará un breve percorrido pola presenza documentada de gaiteiros en Galiza para ir achegándose a Ortigueira e mais á creación da escola e do festival; e Luz Polo, quen formou parte da Escola de Gaitas de Ortigueira desde os seus comezos. Tras un tempo de coloquio aberto ao público, o cuarteto da Escola de Gaitas de Ortigueira poralle o ramo á cita.