A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu a segunda sesión das xornadas A invención da tradición.
Fonte: RAG
O director da Sección de Historia, Ramón Villares, presenta a mesa.
Fonte: RAG
O director da Sección de Historia, Ramón Villares, presenta a mesa.
Fonte: RAG
O académico Lourenzo Fernández Prieto presenta a Manuel Gago e Luis Domínguez.
Fonte: RAG
O historiador Luis Domínguez inicia a súa intervención sinalando a orixe relixiosa da celebración da Reconquista de Vigo.
Fonte: RAG
O catedrático da Universidade de Vigo Luis Domínguez durante a súa intervención.
Fonte: RAG
Manuel Gago nun momento do seu relatorio.
Fonte: RAG
Un momento do coloquio.
Fonte: RAG
Un momento do coloquio.
Fonte: RAG
Un momento do coloquio.
Fonte: RAG
O académico Víctor F. Freixanes intervén no coloquio,
Fonte: RAG
Un momento do coloquio.
Fonte: RAG
Os relatores Manuel Gago e Luis Domínguez cos académicos Lourenzo Fernández Prieto, Rosario Álvarez, Ramón Villares e Víctor F. Freixanes.
Fonte: RAG
A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu a mesa redonda na que Luis Domínguez interveu canda Manuel Gago. O xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela foi o encargado de reflexionar arredor doutra festa senlleira, a Romaría Vikinga de Catoira, inventada en 1961 por un grupo de intelectuais reunidos arredor do Ateneo do Ullán, entre eles o escritor e tradutor Plácido Castro e o poeta e sacerdote Faustino Rey Romero. As recreacións históricas, advirte, úsanse para contar aquilo que queremos contar de nós mesmos, e o cometido da festa das Torres do Oeste foi converterse nun dos primeiros elementos que construíron no franquismo unha visión dunha Galicia conectada co mundo, expón o relator.
As xornadas A invención da tradición son unha iniciativa da Sección de Historia da Real Academia Galega. O vicesecretario da institución e membro da mesma, o catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, moderou a sesión de hoxe, que se organizou coa colaboración do Concello de Vigo, a Fundación Penzol, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Complétase así o programa que arrincou o mércores pasado no Museo Provincial de Lugo con senllos relatorios sobre o Arde Lucus e a Festa da Istoria de Ribadavia a cargo de José Carlos Sánchez Pardo e Anselmo López Carreira.
A Reconquista, a Festa do Cristo, as estatuas e o francés amigo
Arredor da Reconquista conflúen tres tradicións: a do apoderamento local do pobo vigués, a relixiosa e a do simbolismo da estatuaria, que tanto se cultivou tras a Restauración, resume Luis Domínguez. “A festa de hoxe, por máis que o que se vive na actualidade sexa algo moi recente, non se entende sen estes elementos e sen os cambios que foron acontecendo ao longo de douscentos anos. E son eses cambios de invención da tradición os que máis me interesan”, explica.
“Inicialmente a Festa do Cristo e a Reconquista foron o mesmo, ata que en 1866 se decidiu mover a Festa do Cristo ao verán para garantir un mellor tempo, no primeiro domingo de xuño; despois, en 1883, para o primeiro domingo de agosto para facela coincidir coas festas patronais. Esta disociación provocou que a celebración da Reconquista en marzo se perdese, aínda que no seu primeiro centenario, seguindo a moda liberal, en Vigo se acordou erguer unha estatua conmemorativa. Entón o feito que se conmemoraba non se denominaba xa a Reconquista, senón a Independencia”, repasa Luis Domínguez.
A escultura deseñada a comezos do século XX, aínda que inaugurada en 1947, protagonízaa o xeneral Morillo, “que na verdade histórica ten un papel importante pero non central”, e deixa nun plano confuso a Carolo, o mariñeiro do Berbés ao que a tradición lle asigna, canda a Cachamuíña, un papel esencial na liberación viguesa. Un século despois, o foco mudou. “A estatuaria repítese no bicentenario, pero en vez de conmemorar a elite militar, en 2009 conmemórase o pobo, representado nunha oliveira na que cada póla é unha parroquia da cidade”, contrasta.
A recreación actual da Reconquista trae ademais a un plano máis visible outros actores. “É curioso como se pasa dese protagonismo inicial no XIX do exército español, e despois da revolta popular, a darlle relevancia a Portugal e aos ingleses, que desempeñaron un papel destacado que estaba un pouco agochado. Interesou representar a Reconquista como un feito eminentemente hispano, sen participación allea, cando como en toda a guerra da Independencia a achega británica foi moi importante”, recorda o profesor Domínguez.
A Reconquista de hoxe contribúe así dalgún xeito á divulgación dos feitos históricos probados, aínda que tamén inventa o acontecido adaptándose ás demandas actuais. “Os franceses seguen sendo os malos, pero hai tamén certa confraternidade con eles. Non hai que esquecer que o futuro de Vigo é sobre todo o futuro de Stellantis, no que Francia non pode ser o inimigo senón o amigo. Isto ten que ver tamén co fenómeno da Unión Europea. A propia directora da Axencia Europa de Pesca, radicada nesta cidade, representou un papel central na última edición”, conclúe.
Dun éxito do cine dos 50 a unha festa na que o inimigo dá prestixio
Son moitas as festas de recreación histórica que se basean en loitas e guerras nas que se vence o invasor. No caso da Romaría Vikinga escenifícase o asalto dos normandos arredor do século XI, pero os indíxenas non se molestan en daren a batalla, advirte Manuel Gago. “É sorprendente, pero en Catoira non hai defensores. Por que? Porque os viquingos nesa altura non se consideran inimigos. Son un pobo que pasou de ter unha narrativa de inimigo vencido polos galegos e, polo tanto, un exemplo da capacidade de resistencia do país, a un relato diferente. Óllase cara aos países nórdicos, que constitúen nos anos 60 e 70 un territorio de prestixio polo seu desenvolvemento económico e social”, interpreta o xornalista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
Manuel Gago detense neste exemplo para ilustrar como a escolla e a interpretación dun feito histórico que celebrar vai mudando segundo que distintas cousas queremos contar de nós: “Coas festas de recreación histórica estamos trasladando dalgún xeito unha determinada visión do noso pasado. Por iso en Galicia se recrea tanto a Idade Media e nada os séculos XVII ou XVIII. O medievalismo sempre foi un tempo central para o galeguismo”.
Pero a Romaría Vikinga de Catoira, xunto con outras festas de exaltación que nacen nese momento, “encaixa dentro dunha tendencia que o réxime franquista favoreceu, a da mellora da imaxe internacional a través do turismo”. Neste sentido, para Gago resulta moi interesante o papel de intelectuais como “Plácido Castro, que desde a súa dobre cara de interesado nas conexións internacionais galegas e o seu interese tardío polo turismo como motor de desenvolvemento, axuda á súa definición”, prosegue.
Outro factor destacado na emerxencia da Romaría Vikinga é o importante papel que a historiografía lles recoñece aos bispos na articulación da defensa do territorio durante as invasións normandas, e que continúa nesa primeira romaría viquinga. “E ese papel da Igrexa foi moi desenvolvido polo outro actor protagonista nesta ecuación, o cura Faustino Rey Romero. Por iso a festa viquinga de Catoira é tamén, como o seu nome indica, unha festa cunha parte relixiosa, que se basea na redención dos viquingos e á súa incorporación ao catolicismo e, desde ese punto de vista, a Galicia. Cando comezou había unha misa e representábase unha obra de teatro na que o propio Rey Romero interpretaba o bispo Cresconio”, detalla Manuel Gago.
Pero o divulgador engade un terceiro elemento que considera esencial e pasa por Hollywood. “Non podemos entender a romaría de Catoira sen ter en conta que a película The Vikings (1958), protagonizada por Kirk Douglas, foi un éxito mundial. Coido que esta é a primeira vez que un fenómeno absolutamente global acaba conectando con algo que tiñamos na casa. E de igual xeito que a narrativa dese filme influíu no nacemento da celebración, nas últimas edicións estanse a producir cambios estéticos que teñen que ver coa serie Vikings (2013-2020), que considero que tamén ten que ver co auxe da Romaxe Viquinga do Vicedo”, sostén Manuel Gago.