O propio fondo institucional da Academia, ademais de documentación xerada pola actividade da entidade, conserva diferentes coleccións facticias, unha delas á que pertencen estas dúas fotografías. Dita colección reúne todas aquelas imaxes soltas, procedentes de adquisicións, doazóns ou sen procedencia coñecida que no seu conxunto non conforman unha estrutura orgánica.
O Día de Defuntos ten raíces antigas e profundas. Na cultura galega relaciónase co Samaín celta, unha festividade que marcaba a fin do verán e o inicio do inverno. Coma noutras culturas, os celtas crían que durante esta época o veo entre o mundo dos vivos e dos mortos era máis fino, permitindo aos espíritos visitaren o mundo terreal.
Coa chegada do cristianismo, estas tradicións fusionáronse coa festividade de Todos os Santos (1 de novembro) e o Día de Defuntos (2 de novembro), cando se honra e lembra a aqueles que faleceron, nunha mestura fascinante de tradicións pagás e cristiás. Na escatoloxía católica Todos os Santos é unha festa por todas as ánimas que xa están santificadas e no ceo, mais o Día de Defuntos é unha xornada de recollemento, para orar por aquelas que aínda se atopan no purgatorio, agardando polo seu xuízo, velaí a tradición de acudir aos cemiterios e poñer flores nas súas tumbas. Mais na actualidade, ao ser festivo o 1 de novembro, as escenas de florerías e camposantos ateigados adoitan darse en maior medida na véspera do Día de Defuntos, repetindo case un século despois estampas como as da Coruña de hai case un século.