O Día da Ilustración empezou a conmemorarse en 2014 escollendo como data a do nacemento de Castelao, mestre cuxa influencia é visible na obra de Álvaro Cebreiro. Membro das Irmandades da Fala e asinante, xunto ao poeta Manuel Antonio, do manifesto Máis alá!, o debuxante coruñés empezou a publicar moi novo ilustracións en xornais e revistas, e tamén en obras literarias como Alén de Xaime Quintanilla, ou Axúdate e O Menciñeiro de Charlón e Hermida. As cubertas destas obras teatrais que poden verse no vídeo pertencen a exemplares conservados na Real Academia Galega.
Como recorda esta peza divulgativa, ademais de se inspirar en Castelao, Álvaro Cebreiro bebeu das vangardas europeas e xerou un estilo de seu cunha marcada expresividade.
O vídeo dedicado a Álvaro Cebreiro co gallo do IV Día da Ilustración pode verse nesta ligazón.
A Biblioteca e o Arquivo de Galicia celebran tamén esta efeméride cunha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo na Cidade da Cultura.