Arquivo

O arquivo literario de Emilia Pardo Bazán

Novelas, poesías, obras teatrais, ensaios, contos e crónicas xornalísticas que no caso de reunirse nunha edición de obras completas abranguerían máis de 20.000 páxinas impresas e ocuparían varios metros lineais de estantes. Esta é a produción literaria e intelectual en letras de molde que nos deixou Emilia Pardo Bazán (1851-1921). A ela habería que engadir todos os borradores, apuntamentos e orixinais da súa propia man que conserva o arquivo da Real Academia Galega.

Retrato de Emilia Pardo Bazán

Todos estes papeis da escritora foron doados en 1971 á Academia por María de las Nieves Quiroga Pardo Bazán. Filla de Pardo Bazán e última dos seus descendentes, gardou na súa casa de Madrid toda a documentación persoal e profesional que súa nai deixou ao falecer, e, grazas a esta doazón, está hoxe en día custodiada no arquivo académico. Dona Blanca -hipocorístico polo que sempre foi coñecida e mesmo co que ela asinaba- doou á Real Academia Galega todos estes documentos, xunto á casa familiar da rúa Tabernas da Coruña, sede actual da institución, así como mobles e obras de arte. O fin desta doazón era que esta entidade gardase a memoria e o patrimonio cultural da que foi a súa presidenta honoraria. De feito, parte dos obxectos e obras de arte doados pode verse na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que a Academia mantén no primeiro andar da súa sede.

Deixando a un lado a documentación persoal e patrimonial de Pardo Bazán e da súa familia, entre os papeis que conservamos no arquivo atópanse moitos dos manuscritos e apuntamentos das obras e textos que a autora produciu ao longo da súa vida. Temos desde as súas poesías xuvenís ata os orixinais dos últimos artigos escritos meses antes da súa morte. En total, máis de 1.000 documentos. De entre eles queremos destacar varios, co fin de ofrecer unha pequena mostra do contido deste fondo documental.

Aínda que dona Emilia é coñecida por todo o mundo pola súa sona como novelista, comezou escribindo poesía. Os manuscritos con poemas máis antigos que conservamos datan do ano 1866, cando ela tiña uns quince anos de idade. Na ilustración pódese ver o autógrafo dunha destas poesías xuvenís, que, curiosamente, leva no reverso do prego no que está escrita dous debuxos a pluma.

Nos vellos tempos da imprenta, co fin de evitar as grallas no texto das obras, primeiro realizábase unha única impresión para que o autor puidese facer sobre ela as correccións que considerase oportunas. A esta primeira versión chamábaselle tradicionalmente galerada. No fondo Pardo Bazán pódense ver varias destas galeradas nas que a man da autora foi sinalando os erros que o tipógrafo debía emendar. A ilustración permítenos ver as primeiras páxinas das galeradas da novela Insolación, publicada no ano 1889.

Ao vivir entre o século XIX e o XX, a novelista asistiu a numerosos avances tecnolóxicos propios desta época entre séculos. Un deles foi o da máquina de escribir. Aínda que ao longo do século XIX foron aparecendo diversas patentes de máquinas de escribir, estas non se popularizaron realmente ata as primeiras décadas do XX. No arquivo da nosa escritora, todos os documentos anteriores a 1900 son autógrafos, mais a partir desa data comezan a aparecer os primeiros textos mecanografados. Como exemplo, reproducimos a primeira páxina do borrador da súa obra de teatro Verdad, estreada en 1906. O texto escrito á máquina foi revisado por ela posteriormente, anotando as correccións á man.

Durante os case cincuenta anos que leva o noso arquivo conservando os papeis de Emilia Pardo Bazán, foron moitos os investigadores que viñeron consultalos. De entre eles rescatáronse textos deixados inéditos por ela, e, aínda hoxe, seguen a descubrirse novas facetas sobre a súa obra. Mais agora, no catálogo online do arquivo, todo o mundo pode acceder á reprodución de moitos destes documentos.