O Ano Antonio Fraguas bota a andar oficialmente na súa casa natal

"Con este acto iniciamos simbolicamente o Ano Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega homenaxeará co Día das Letras Galegas. Será un ano de celebración arredor da figura de don Antonio e, ao mesmo tempo, de reivindicación da lingua e da cultura popular, expresión da lealdade histórica do pobo galego a prol da súa identidade. Antonio Fraguas dedicou a súa vida a estudar as raíces que nos explican a todos nós". Con estas palabras o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes, abriu onte en Cotobade, no lugar da Insuela, parroquia de Loureiro, na casa natal do autor, as Letras Galegas 2019.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, intervén no acto celebrado na casa natal de Antonio Fraguas. Fonte: Concello de Cerdedo-Cotobade


O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo de anfitrión e deu a palabra a todos os invitados, institucións que se suman á celebración do Día das Letras Galegas: o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas, representados polo seu presidente, o historiador Xusto Beramendi; a Deputacion de Pontevedra, representada polo deputado de cultura, Xosé Leal, a Xunta de Galicia, representada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a familia de Antonio Fraguas, en representación da cal falou o seu sobriño Xosé Martínez.

Logo das intervencións descubriuse na fachada da casa natal unha placa conmemorativa, deseñada por un canteiro do lugar e, a continuación, interpretouse o Himno Galego. Diante dun numeroso grupo de asistentes, constituido por representantes de institucións políticas e culturais, así como por vecinos e veciñas de Cerdedo-Cotobade, os presentes fixeron votos por unha celebración activa e participativa do Día das Letras Galegas, na liña de mobilización civil que nos últimos anos vén animando a onomástica do 17 de maio.

Proximamente, presentarase nos colexios de Cerdedo-Cotobade a iniciativa Primavera das Letras, dirixida a escolares de educación infantil e primaria, promovida tamén pola Real Academia Galega.


Veciños e veciñas participaron na apertura do Ano Antonio Fraguas. Fonte: Concello de Cerdedo-Cotobade

 


O alcalde Jorge Cubela amosa a placa conmemorativa instalada na fachada da casa natal de Antonio Fraguas. Fonte: Concello de Cerdedo-Cotobade