Antonio Fraguas Fraguas en 1925.
Fonte: Imaxe cortesía do Museo do Pobo Galego

1 de 21
Antonio Fraguas Fraguas a comezos dos anos 90.
Fonte: Imaxe cortesía do Consello da Cultura Galega

2 de 21
Antonio Fraguas no medio, coa nai (á esquerda), dúas tías e o tío Lourenzo (Pontevedra, 1907).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas" (Foto: Zagala, Pontevedra).

3 de 21
Alumnos do Instituto de Pontevedra co profesor Alfredo de la Iglesia. Antón Fraguas é o sinalado co círculo (Pontevedra, 1922).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

4 de 21
Antonio Fraguas, pormenor da fotografía anterior, tirada diante do Instituto de Pontevedra (1922).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

5 de 21
IV Xuntanza do Seminario de Estudos Galegos. De esquerda a dereita, de pé: Otero Pedrayo, Losada Diéguez, López Cuevillas, Risco, Carballo Calero, Filgueira Valverde, González García-Paz, Pintos Fonseca, Fraguas e Ossorio F. Tafall; sentados: Parga Pondal, Moralejo Laso, Carro García, Cabeza de León, Arias Sanjurjo, Álvarez Limeses e Novás Guillán (Pontevedra, ruínas de San Domingos, 1928).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

6 de 21
Con Sebastián González García-Paz, íntimos amigos dende o Instituto de Pontevedra (Santiago de Compostela, c. 1931).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

7 de 21
"Radio Unión Galicia" de Santiago de Compostela, a primeira que emitiu programas en galego. Antonio Fraguas é o primeiro pola esquerda (1933).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

8 de 21
Participantes na "xeira" da Terra de Deza, organizada polo Seminario de Estudos Galegos. Antonio Fraguas é o primeiro da segunda fila pola esquerda. Entre outros: Filgueira Valverde, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Pedret Casado, Carro García,Taboada Roca, Risco, Parga Pondal, Ossorio F. Tafall, Iglesias Vilarelle…
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

9 de 21
Antonio Fraguas, terceiro pola esquerda, con varios compañeiros do instituto e amigos, A Estrada (1935).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

10 de 21
Catalogando cos alumnos do instituto os xacementos arqueolóxicos da comarca da Estrada (a. 1936).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

11 de 21
Cos alumnos de 7° curso da academia Menéndez y Pelayo, Santiago de Compostela (1948).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

12 de 21
Na compostelá praza do Toural, con Ramón Otero Pedrayo e José Mosquera "O vello dos contos" (1950).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

13 de 21
No Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos polo 70 aniversario de Xesús Carro. Dende a primeira fila e de esquerda a dereita: Pedret, Sánchez Cantón, Xesús Carro, Filgueira, Lorenzo, Moralejo, Otero Túñez, Vázquez Martínez, Bouza-Brey, Escurís Recamán, Ferro Couselo, o marqués de Figueroa, Varela Jácome, Loriente, Azcárate, Couceiro Freijomil, Cordero Carrete, Iglesias Alvariño, Iglesias Vilarelle, Iglesias Iglesias, González García-Paz, Fraguas, Cuevillas, Cerviño e Torres (Santiago, 1954).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

14 de 21
O día da inauguración do Museo do Pobo Galego, do que xa era director (29 de outubro de 1977).
Fonte: Museo do Pobo Galego.

15 de 21
Ramón Martínez López, Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas e Xosé Filgueira Valverde, na entrega do PremioTrasalba a Xaquín Lorenzo (19 de xuño de 1983).
Fonte: Museo do Pobo Galego (Foto: Xerardo Estévez).

16 de 21
Xaquín Lorenzo, presidente do Padroado, impóndolle a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego (26 de maio de 1984).
Fonte: Museo do Pobo Galego.

17 de 21
Na visita que fixeron o rei e a raíña ao Museo do Pobo Galego. Por detrás, o presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe (11 de xuño de 1991).
Fonte: Museo do Pobo Galego.

18 de 21
Pergameo do título de "Cronista Xeral de Galicia", asinado polo presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga Iribarne (30 de xaneiro de 1992).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

19 de 21
O día que asinou a doazón da súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego. Ao acto asistiron, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, o presidente do Parlamento e o alcalde de Santiago (17 de decembro de 1994).
Fonte: Museo do Pobo Galego.

20 de 21
Na inauguración da rúa que leva o seu nome, co alcalde de Santiago de Compostela Xerardo Estévez (16 de outubro de 1995).
Fonte: Museo do Pobo Galego, "Fondo A. Fraguas".

21 de 21

Antonio Fraguas

Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio. A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra.
(Antonio Fraguas Fraguas)

    María Teresa Fraguas Vázquez nace en Listanco, unha das aldeas da parroquia de Armeses (Maside – Ourense), no ano 1873, filla dun canteiro ambulante que fora traballar alí, Miguel Fraguas García, e de María Carmen Vázquez. Aos sete anos deixa a casa paterna e vai vivir a Loureiro de Cotobade, de onde era o pai, a coidar e a herdar uns tíos que non tiñan descendencia. Namórase de Manuel Fraguas Rodríguez, veciño e tamén canteiro, e cando estaban a piques de contraer matrimonio, chegoulle a el a pasaxe para embarcar a Brasil. Pouco despois, o 28 de decembro de 1905, María Teresa dá a luz un meniño que, como fillo natural, leva só os seus apelidos: Antonio Fraguas Vázquez.

O neno criouse en Loureiro igual que os demais: comendo basicamente broa e caldo, enredando nos camiños, agachándose entre o millo, pasando o tempo do mesmo xeito que conta en 1944 no artigo sobre os xogos en Loureiro de Cotobade… A única diferenza era que de cando en vez nai e fillo ían visitar a familia de Armeses, onde botaban varios días, do que sempre se lembrou con saudade, falando dos avós (faleceron en 1909 e 1913), dos tíos e dos curmáns, do tempo que o carromato tardaba en chegar e das paradas que facía no camiño… En 1931, como proba do cariño que sentía por esta terra, dedicoulle un dos primeiros artigos, "Do folk-lore de Armeses – Listanco" (Nós, núm. 96), e ao ano seguinte tomou parte nun mitin do Partido Galeguista en Maside, con Otero Pedrayo, Castelao, Víctor Casas e Leuter González.

O proxenitor regresa de América e o mesmo día que casa coa nai tamén o recoñece por fillo, o 7 de agosto de 1912, e en adiante apelidarase Fraguas Fraguas. Aprende as primeiras letras na casa, logo vai á escola pública, durante algún tempo á particular que imparte o párroco, e de novo á publica, ata que o pai decide volver para Brasil, agora con toda a familia. Pero o fado quixo que, como aínda faltaban varios meses para embarcar, acordasen mandalo durante este tempo ás clases particulares dun mestre na aldea de Famelga, na lindeira parroquia de Augasantas. O escolante, que coñecía a valía do neno para estudar, cando quedaban poucos días para rematar, falou co pai para dicirlle que era unha mágoa que antes de marchar non lle desen "unha carreiriña". El non estaba moi de acordo, pero triunfou o que dixo a nai, e días despois, o 14 de abril de 1919, Antonio solicita facer o ingreso no Instituto de Pontevedra.

No mesmo centro estuda todo o bacharelato, ata segundo curso por libre e en adiante como alumno oficial, que remata en 1924. Estes anos son decisivos na súa vida: entre outros, ten como profesores a Castelao, Losada Diéguez e Sobrino Buhigas, e como amigos a Sebastián González García-Paz e a Luis Brey Bouza; funda con varios compañeiros a Sociedade da Lingua para defender o galego e ao tempo elaborar un dicionario, xa que os tres existentes daquela, o de Rodríguez (1865), Cuveiro (1876) e Valladares (1884), eran de moi difícil acceso e, quizais, tamén ten contacto por primeira vez coas Irmandades da Fala.

Deixa Pontevedra e seguindo o consello do mestre matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelá, na que sobresae como alumno brillante: nos catro cursos as notas máis baixas foron dous notables e dous sobresalientes, sendo as oito restantes sobresalientes con matrícula de honra.

Durante este tempo empeza a relacionarse con algúns membros do Seminario de Estudos Galegos, ao que pertencían varios profesores que tivera no Instituto de Pontevedra. O 15 de outubro de 1927 é proposto para socio e ingresa ao ano seguinte co estudo "O castro de Nos anos de estudante universitario, Antón Fraguas entra en contacto con membros do Seminario de Estudos Galegos, no que ingresa en 1927 cun estudo sobre o castro de Soutolongo (Lalín). Nesta época participa en traballos de campo para estudar comarcas como a da Terra de Melide, onde catalogou os xacementos castrexos Soutolongo (Lalín)". En 1929 sae no periódico A Nosa Terra a súa primeira colaboración xornalística de que temos novas, "Unha serán na catedral", e un ano despois, con López Cuevillas e Purificación Lorenzana, publica en Arquivos o primeiro traballo relacionado coa arqueoloxía, "Mámoas do Sabiñao". Así mesmo, participa en varias xeiras ou traballos de campo para estudar algunhas comarcas, das que a máis coñecida agora é a da Terra de Melide, polo libro de igual título que sae en 1933 e na que el foi o encargado de catalogar os xacementos castrexos. Tamén tomou parte na da Terra de Deza, facendo o mesmo labor que na anterior por consello de López Cuevillas, pero os resultados desta última non se coñecen por ter destruído o orixinal do libro a barbarie fascista cando estaba a piques de entrar no prelo. Forma parte do equipo directivo do Seminario de Estudos Galegos, primeiro como secretario de actas e logo como bibliotecario.

Antonio Fraguas adoitaba dicir que estes foran os anos máis felices e ateigados de ilusión da súa vida, nos que, ademais do labor cotián de investigación, traba amizade con amigos e compañeiros de tarefas que serían para sempre: Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Filgueira Valverde, Risco, Bouza-Brey, Xaquín e Xurxo Lorenzo… Durante este tempo tamén cumpre o servizo militar en Compostela e imparte clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras.

Como queda dito, talvez xa mantivera algunha relación coas Irmandades da Fala cando estudaba en Pontevedra, pero vai ser en Santiago cando se afilie ás mesmas, en 1922 ou o ano seguinte, tendo como compañeiros, entre outros, a Asorey, A. Brage, Eiroa, Bonome, Díaz Baliño, Parga Pondal, San Luís Romero, Paz Andrade, Ferro Couselo, Lugrís, Rof Carballo, Bouza-Brey, Filgueira Valverde, Martínez López, o crego Paulino Pedret etc. É un dos asinantes do Manifesto de Ezquerda Galeguista o 14 de xuño de 1931, xunto con Ánxel Casal, Carballo Calero, González García-Paz, A. das Casas, Primitivo R. Sanjurjo, Lois Tobío…, que se integra no Partido Galeguista. Participa en varios mitins, case seguro que inflúe na constitución do grupo deste partido no seu concello natal, e durante a estadía de profesor no Instituto da Estrada desempeña o cargo de secretario xeral do mesmo, polo que toma parte activa na campaña do referendo do Estatuto de Autonomía. Poucos días antes da sublevación militar, o 12 de xullo, saía á rúa o primeiro e único número do periódico La Voz de Cotobad. Órgano defensor de los intereses del municipio, su comarca y limítrofes, baixo a súa dirección, malia que non conste.

Durante a súa estada na Estrada, ademais do seu labor docente e político, organiza excursións cos alumnos, cataloga os castros e mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e monta un museo no instituto para expoñer os achados e outros obxectos de interese histórico e etnográfico coa idea de que algún día se convertese no Museo da Terra de TabeirósO 11 de novembro de 1933 deixa Compostela e incorpórase ao claustro do Instituto da Estrada, do que foi secretario. A estada nesta vila foi curta pero fértil, oficialmente ata o 20 de maio de 1937, data en que a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordena a súa separación definitiva do ensino público. Ademais do labor docente e, como queda visto, tamén político, organiza excursións cos alumnos pola contorna, cataloga os castros e as mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e monta un museo no centro para expoñer os achados e outros obxectos de interese histórico e etnográfico, coa idea de que algún día se convertese no futuro Museo da Terra de Tabeirós, instalado na torre de Guimarei. O soño rematou en 1936, en que é humillado publicamente polos falanxistas e destruído o museo. Refúxiase entón na súa parroquia de Loureiro, de día nos montes e de noite, cando a nai prendía un farol nunha das fiestras, volvía para a casa, porque nin aquí estaba seguro, xa que foron por el varias veces os matóns da Guardia Cívica de Pontevedra. Unha das veces escribiron nunha das paredes interiores da casa en números ben grandes "1936", para que sempre se lembrase deles, do que dá fe quen isto escribe, que aínda tivo a oportunidade de velo antes de repicar a pedra.

Anos de medo, tristura e ostracismo: o Seminario de Estudos Galegos arrasado polos franquistas e os fondos desbaratados; o que quedaba da biblioteca pasa á Universidade en 1941; o Instituto da Estrada pechado; moitos amigos mortos (Díaz Baliño, Ánxel Casal…) e outros fuxidos (Castelao, Sebastián González García-Paz…). En Compostela imparte clases na academia Menéndez y Pelayo, da que consta como director un crego, e tamén algunhas como profesor encargado na Universidade, mentres aproveita o resto do tempo para redactar a tese de doutoramento, que defende na Universidade de Madrid o 16 de xuño de 1948.

A Real Academia Galega acorda nomealo membro correspondente na sesión do 13 de decembro de 1942, e de número na do 19 de abril de 1951, para ocupar a cadeira do seu benquerido profesor, e logo compañeiro, Castelao. O discurso de ingreso, Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade, leuno o 8 de maio de 1956 e Ramón Otero Pedrayo respondeulle en nome da institución.

Co gallo de diminuír o baldeiro cultural que deixara a desaparición do Seminario de Estudos Galegos, en 1944 xorde o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, adscrito ao CSIC, no que se encarga de catalogar o que quedaba da biblioteca. Ademais desempeña, posteriormente, os cargos de xefe da sección de Etnografía e Folclore, secretario, comisario de varias exposicións etc., á vez que colabora arreo na revista Cuadernos de Estudios Galegos -na que entre 1946 e 1975 insire 13 artigos-, publica dous libros (Historia del Colegio de Fonseca e Los colegiales de Fonseca), participa noutros dous colectivos e colabora na maioría das exposicións que organiza o centro.

Son poucos os eventos culturais relacionados coa nosa cultura onde AntonioFraguas non estea presente, como na fundación do Padroado Rosalía de Castro en 1947, do que formou parte da xunta de goberno e no que tamén exerceu o cargo de tesoureiro.

Oposita de novo a cátedras de instituto, pero fracasa varias veces polos antecedentes políticos, como lle di un dos membros do xurado. Por fin aproba en 1950 e é destinado ao Instituto de Lugo, no que toma posesión o 15 de maio. Como fixera na Estrada, ademais do labor cotián docente, desempeñou varios cargos (vicesecretario, secretario, xefe de estudos), participou na vida cultural da cidade (vogal do Museo Provincial, do de Arte Sacra da diocese, presidente do grupo II da Asociación Española de Amigos de los Castillos etc.) e colaborou en varias publicacións periódicas, datando o primeiro artigo do mesmo ano en que se incorpora ao claustro lucense: "Pastor Díaz en el colegio de Fonseca" (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Lugo). Sobre a cidade e a provincia aínda dará a coñecer máis traballos, tanto na devandita revista como noutras: apuntamentos sobre o ensino primario no val de Quiroga, o catedrático Gumersindo Laverde y Ruíz, a farsa de Casa de Naia (Antas de Ulla) etc., e cando xa levaba residindo en Compostela 15 anos, en 1974 sae do prelo na colección de Bibliófilos Galegos o libro Lugo, unha sucinta historia da poboación dende a antigüidade ata os nosos días. Tal foi a pegada que deixou, que en 1989 varios exalumnos, ademais de renderlle unha homenaxe, acadaron que o concello lle dese o seu nome a unha rúa.

En 1959 torna a Compostela como profesor do Instituto Rosalía de Castro, do que será xefe de estudos e vicesecretario, ao tempo que imparte algunhas clases na Facultade de Filosofía e Letras, ata que remata o seu labor docente coa xubilación, o 28 de decembro de 1975.

Os anos á fronte do Museo do Pobo Galego
Pero xusto o ano seguinte comeza unha nova etapa da súa vida ateigada de satisfaccións ao ver como se materializa parte do programa do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, polo que tanto traballara na xuventude e no que tivera como amigos e compañeiros a persoas tan insignes como Castelao, Losada Diéguez, Otero Pedrayo ou Xaquín Lorenzo. O 24 de xaneiro de 1976 asiste á primeira xuntanza para a creación dun museo galego de antropoloxía, que se denominará Museo do Pobo Galego. Participa en todos os actos como director deste, dende a inauguración das primeiras salas o 29 de outubro do ano seguinte, ata o pasamento do benquerido "irmán" Xocas, o 18 de xullo de 1989, en que é nomeado presidente do padroado.

Non diminúe por iso a súa angueira como investigador, escritor e ameno conferenciante; pola contra, vai ser unha das épocas máis frutíferas consonte co número de publicacións, entre elas varios libros: o dedicado ao patriarca Manuel Murguía (1979), ao traxe tradicional (1985), ao cancioneiro da súa terra de Cotobade (1985), á vida e á obra do seu compañeiro da Real Academia Galega Aquilino Iglesia Alvariño (1986), á Real Sociedade Económica de Amigos do País (1986), ás romarías e aos santuarios (1988), a Celso Emilio Ferreiro (1989), ás tradicións galegas (1990) etc.

O 8 de xullo de 1983 créase o Consello da Cultura Galega, do que é nomeado membro a título individual e no que participa activamente, sobre todo, como coordinador da sección de Antropoloxía Cultural, unha das máis dinámicas daqueles anos, datando da súa época varias publicacións e congresos.

Antonio Fraguas é unha das persoas máis queridas e respectadas de Compostela, pola súa bonhomía, sabedoría e amabilidade. Todos saben do seu traballo, dende mozo, desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio. Por iso cada vez son máis as sociedades culturais e institucións que fan público o recoñecemento dos seus méritos, con premios e nomeamentos: Pedrón de Ouro, premio Trasalba, medalla Castelao, premio de Investigación da Xunta de Galicia, Cronista Xeral de Galicia, premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia; Lugo, Melide e Santiago de Compostela danlle o seu nome a unha rúa etc. No mes de outubro de 1995, a sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega organiza na súa honra o Simposio Internacional Medicina popular. Antropoloxía da Saúde, coordinado por Xosé Manuel González Reboredo.

Decide doar a súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego para que calquera persoa poida consultar os seus libros e, principalmente, aqueles que non teñen ningún nas súas casas, coma na del cando era neno. Asina a cesión o 17 de decembro de 1994, ao tempo que escribe no libro de ouro do Museo: No día que deixamos o noso "tesouro", a sinxela biblioteca co pensamento na nosa terra e na nosa cultura. Deste xeito, os miles de libros que foi adquirindo dende mozo –moitas veces privándose doutras cousas–, están agora a disposición de todos cantos se interesen pola nosa cultura.

O 29 de marzo de 1996 falece dona Teresa, coa que casara en 1932. Malia a tristura da soidade (non tiveron descendencia), non por iso deixou de traballar e de asistir a todos os actos, mentres tivo folgos para facelo, organizados polo Museo do Pobo Galego ou por outras institucións, ata o 5 de novembro de 1999 en que fina en Santiago de Compostela, cando estaba a piques de cumprir os 94 anos.

Antonio Fraguas Fraguas descansa o sono eterno á entrada do cemiterio compostelán de Boisaca, entre Aurelio Aguirre (un dos protagonistas do Banquete democrático de Conxo) e Ramón María del Valle-Inclán, e dende o 5 de xaneiro de 2012 tamén a carón do seu amigo Isaac Díaz Pardo. 

Recoñecementos

1928
Membro numerario do Seminario de Estudos Galegos.
1942
Académico correspondente da Real Academia Galega.
1944
Bibliotecario do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos.
1946
Socio correspondente da Asociação dos Arqueólogos Portugueses.
Socio correspondente da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia.
1947
Membro fundador do Padroado Rosalía de Castro (dende 1995, Fundación Rosalía de Castro).
1951
Académico de número da Real Academia Galega. Leu o discurso de ingreso o 8 de maio de 1956.
1952
Socio correspondente do Instituto António Cabreira (anexo da Academia de Ciéncias de Portugal).
Vogal da Comisión diocesana de Arte Sacra da diocese de Lugo.
1954
Irmán maior da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago, de Santiago de Compostela, da que tamén foi vicepresidente primeiro.
1955
Xefe da sección de Historia Moderna e Contemporánea do Centro de Estudios Jacobeos, de Santiago.
1960
Vogal da sección de Etnoloxía do Museo Municipal de Santiago de Compostela.
1969
Socio da Sociedade de Língua Portuguesa, Lisboa.
1973
Director do Museo Municipal de Santiago.
Pontevedrés do ano, polos seus méritos como intelectual e divulgador da nosa cultura e, en especial, da da súa terra de Cotobade.
Membro fundador da Academia Galega de Ciencias, da que foi bibliotecario.
1975
Socio correspondente na provincia da Coruña da Real Academia de la Historia.
1976
Director do Museo do Pobo Galego.
1978
Membro vitalicio do novo Seminario de Estudos Galegos.
1983
Membro a título individual do Consello da Cultura Galega.
Vicepresidente do novo Seminario de Estudos Galegos.
1984
Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela.
Pedrón de Ouro da Fundación Pedrón de Ouro.
Medalla de prata ao mérito cultural do Concello de Santiago.
Fillo Predilecto do Concello de Cotobade.
Insignia de ouro do Museo do Pobo Galego.
1985
Premio Trasalba da Fundación Ramón Otero Pedrayo.
1987
Homenaxe polo 40 aniversario do Padroado Rosalía de Castro, do que era membro fundador.
1998
Medalla de ouro ao mérito cidadán e cultural do Concello de Santiago.
Premio de Investigación da Xunta de Galicia.
1989
A cidade de Lugo dálle o seu nome a unha rúa.
Presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.
1990
Vicepresidente da sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da Academia Galega de Ciencias.
Melide ponlle o seu nome a unha rúa.
1992
Cronista Xeral de Galicia.
Premio Ramón Otero Pedrayo das catro deputacións provinciais.
1993
Insignia de ouro da Sociedade de Fillos e Amigos da Estrada.
Los 90 de oro do Consejo Español de Mayores e a Fundación Mapfre.
1994
Medalla de ouro e brillantes da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas.
O Concello de Santiago dálle o seu nome ao Instituto das Fontiñas.
Homenaxe do Concello de Cotobade.
Homenaxe do Museo do Pobo Galego, o 17 de decembro, día en que asina a doazón da biblioteca.
1995
Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia.
Medalla de ouro da Asociación do Traxe Galego de Santiago de Compostela.
Insignia de ouro da Universidade de Santiago.
Santiago de Compostela ponlle o seu nome a unha rúa da cidade.
1997
Presidente en funcións da Real Academia Galega.
1998
Patriarca da Galeguidade da Enxebre Orde da Vieira.
Galego do Ano dos xornais El Correo Gallego e O Correo Galego.
A Deputación Provincial da Coruña crea o Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas.

Tamén foi membro da comisión asesora do padroado do Museo de Pontevedra en Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural; membro e bibliotecario da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago; coordinador da sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega; membro do consello asesor do padroado do Museo da Casa da Troya; do consello reitor da Fundación Otero Pedrayo; da Fundación Castelao; da Fundación Alexandre Bóveda…  

Clodio González Pérez

Antón Fraguas Fraguas, ademais de posuír unha ampla produción impresa, foi un ameno e prolífico conferenciante. Un extraordinario "contador de historias", como o cualificou Xosé M. González Reboredo.

Entre as súas publicacións sobresaen, consonte co número, as de carácter etnográfico e folclórico, das que varias están relacionadas coa súa terra natal de Cotobade. Tamén conta con varios libros: La Galicia Insólita (1973), Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), El traje popular (1985), Romarías e santuarios (1988), A festa popular (1995) etc.

No eido da historia é importante a achega sobre o devir ao longo dos séculos do colexio de Fonseca (a súa tese de doutoramento), a da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago e varios traballos de investigación, entre eles o das feiras en Galicia a finais do século XVIII, a igrexa de Xanza (Valga) e a de Loureiro.

Como xeógrafo salienta o libro Geografía de Galicia (1953), pero tampouco faltan outras publicacións menores en extensión pero non por iso menos interesantes,  tal é o caso de "Geografía de un lugar", "A repoboación forestal dende a Edade Media" ou "Galicia a terra e o mar".

Non quero rematar este esbozo bio-bibliógrafico sen dedicar unhas palabras á lingua. Antón Fraguas, a diferenza doutros intelectuais da época, como fillo de labregos criado no rural foi galegofalante de nacemento e, como todos ata non hai moitos anos, escolarizado exclusivamente en castelán. Vai ser en Pontevedra, cando cursa o bacharelato, onde tome conciencia desta situación anómala, que trata de corrixir coa fundación da Sociedade da Lingua, e despois, xa en Santiago de Compostela, traballando arreo a prol do mesmo fin no Seminario de Estudos Galegos.

No tocante ás publicacións, a súa actitude lingüística foi semellante á da maioría dos intelectuais que permaneceron aquí durante a ditadura franquista: ata 1936 utiliza só o galego; de 1936 a 1966, a represión exercida polo réxime obrígao a non publicar máis que en galego, agás tres excepcións editadas no estranxeiro: "Dous romances de Galicia" (Revista de Guimarães,1946), "Paisaxe e historia nas conversas de D. Ramón Otero Pedrayo" (no libro Ramón Otero Pedrayo: a súa vida e a súa obra, Caracas, 1958), e unha recensión do volume I da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo (B. Aires, 1962), na Revista de Etnografia (Porto, 1966).

Na tempada seguinte, ata 1976, malia que aínda impera a lingua oficial, xa é maior o número de publicacións en galego. Será entre este ano e 1981 cando cambie a situación e a nosa lingua comece a predominar sobre a castelá: 11 na primeira fronte a 8 na segunda. Por último, de 1982 ata o pasamento en 1999, pódese afirmar que volve á primeira etapa que cambiara drasticamente a sublevación militar, na que o galego é  case o único idioma: de 159 publicacións que saíron do prelo durante estes anos, só 30 están en castelán. Ademais nesta estatística non se teñen en conta os artigos publicados en xornais, que nos últimos anos foron moitos, principalmente en O Correo Galego.

Antón Fraguas foi un ameno divulgador que escribiu e falou dos máis variados temas ao longo da súa vida, con profundo coñecemento da realidade galega e dos fondos arquivísticos e bibliográficos.

Clodio González

Libros, folletos, relatorios, homenaxes e artigos en revistas especializadas
Algunhas publicacións sobre o autor e a súa obra

Dicionario